Actualizado en data 10/04/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Calendario

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O Santo de Francos

Unha sinxela capeliña, edificada na aldea de Francos, na parroquia de Negradas, O Vicedo (Lugo), acolle unha imaxe de San Vicente, santo descoñecido na zona ata que deu manifestación do seu poder.
A humilde talla, esquecida no faio dunha casa, utilizábana como madeiro para separar as patacas. Un bo día, concretamente o 6 de decembro de 1964, a propietaria, encamada por mor dunha longa enfermidade, lembrouse do santo e, chea de devoción, díxolle:
—Se me levantas, heite poñer fóra.
Cal foi a súa sorpresa e a dos seus cando, aos poucos, a señora escomenzou a camiñar (algunhas versións din que o fixo de recúas).
En cumprimento da palabra dada, mandou construír unha pequena fornela no monte e colocou nela a imaxe. O milagre axiña se espallou o que propiciou unha serie de doazóns coas que despois ergueron a capela.
Coméntase que un cura, que durante anos exerceu como párroco de Santo Estevo do Vicedo, nunca recoñeceu nin o prodixio nin o santo porque segundo se lle escoitou dicir “non tiña carné de identidade", o que non impede que a xente continúe a solicitar os favores do coñecido como O Santo de Francos.
Outra lenda conta que un home do Mosteiro (cabeceira da parroquia de Negradas), non se sabe o motivo, insultou ao santo e cuspiulle na cara, o que lle valeu perder a vista. Logo arrepentiuse da felonía, encomendouse ao San Vicente e, pouco a pouco, volveu a ver.

[Lenda remitida por Xabier Moure Salgado, de Pontide, Suegos, O Vicedo (Lugo), en abril de 2009. Contoulla Elena Fanego, de Folgueiro, O Vicedo (Lugo)]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: