Actualizado en data 18/10/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

NOVAS / INICIATIVAS

Acto de presentación do Grupo Literario Leiras Pulpeiro (GLLP)

Lugar: Refectorio do Museo Provincial de Lugo
Hora: 20:00
Data: Venres, 14 de marzo de 2014

Interveñen:
Julia María Labrador Ben e Fran Bouso, coordinadores do GLLP
Sabela Brand García, Verónica Folgueira Rouco, Inma Alonso Rodríguez, Nicolle García Flores, Alazne Lodeiro Penas e Ramón Villaverde Fernández (Alumnos/as) e Mª Juncal Martínez Modia e Mª Xosefa Senín Fernández, profesoras do IES Manuel Leiras Pulpeiro (Lugo).
Xe Freyre, Antonio Reigosa
Animación Musical: César Morán (voz e guitarra) para poemas de Leiras musicados por el mesmo, e Afonso Morán (contrabaixo).
No acto realizarase unha lectura pública de textos e proxectaranse un breve documental elaborado pola Fundación TIC e unha vídeo montaxe da autoría de Caxigueiro.

Manuel Leiras Pulpeiro: Amou a verdade e practicou o ben
Manuel Leiras Pulpeiro (Mondoñedo 1854–1912) foi médico, poeta, lexicógrafo e etnógrafo. De ideais galeguistas e anticlericais, formou parte do republicanismo federal. Foi unha persoa consecuente cos seus ideais laicos ata o final dos seus días pois casou e foi soterrado polo civil, un escándalo no Mondoñedo levítico daqueles tempos.
Como poeta cultivou a poesía de denuncia social e patriótica, converténdose nunha das figuras do Rexurdimento a pesar de que só publicou en vida a obra “Cantares Gallegos”. Rexeitou formar parte como membro numerario da Real Academia Galega por considerar que non reunía os méritos necesarios.
Proba de que M. Leiras Pulpeiro foi, sobre todo, unha boa persoa é que era coñecido como o “médico dos pobres”; endexamais deixou de atender, e mesmo de auxiliar economicamente para mercar as medicinas, a quen precisase dos seus servizos. Non sorprende entón que na homenaxe que se lle rendeu en 1921, custeado por mindonienses residentes en Arxentina, se lembrase nun epitafio sobre a súa tumba que “Amou a verdade e practicou o ben”.

Grupo Literario Leiras Pulpeiro (GLLP)
O Grupo Literario “Leiras Pulpeiro” foise conformando en Mondoñedo ao longo do ano 2013. Sendo Mondoñedo a referencia espacial e afectiva, o colectivo está composto na actualidade por máis de 30 persoas de moi diferentes lugares e ocupacións. Profesores, escritores, artistas, estudosos e amantes da obra e do exemplo cívico de Manuel Leiras Pulpeiro, que pretenden aportar ideas e proxectos para que o prestixio herdado do pasado non se esvaeza e traballar para que o presente e o futuro de Mondoñedo e das súas xentes acrecente e consolide un ben patrimonial que, sendo local, tamén é universal.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: