Actualizado en data 18/10/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

NOVAS / INICIATIVAS

Mestras e mestres da memoria 2013

MESTRAS E MESTRES DA MEMORIA 2013
Gala das Letras AELG 2013
Auditorio do Centro Ágora (A Coruña), 4 de maio de 2013


Seguindo as recomendacións da UNESCO, a sección de Literatura de Tradición Oral e o Consello Directivo da AELG consideramos que o alicerce básico sobre o que construírmos sentimentos de identidade pasa por identificar e recoñecer publicamente a aqueles homes e mulleres que posúen en grao sumo os coñecementos e técnicas precisas para interpretar ou recrear determinados elementos do noso Patrimonio Cultural Inmaterial.
A salvagarda e continuidade deste patrimonio vivo, apousentado na memoria individual e colectiva, depende da consideración social que sexamos capaces de conceder a todos e cada un destes depositarios, que son , en definición da UNESCO, verdadeiros Tesouros Humanos Vivos.

MESTRA DA MEMORIA 2013

Neste primeira edición dos Premios MESTRAS E MESTRES DA MEMORIA queremos honrar a MANUELA CORTIZO MEDAL, Manuela de Barro ou Manuela das Marianas, reside en Cerdedo onde naceu hai case 83 anos. Tras unha vida intensa, dura, apenas escolarizada, cando chegou á xubilación promoveu a creación da agrupación Pandereteiras de Barro de Arén, grupo que chegou a gravar un disco e que aportou ao panorama da música popular tradicional un repertorio infinito de coplas e cantigas extraídas da memoria prodixiosa de Manuela.
Da calidade da súa voz, a mesma daquela nena á que ás súas tías lle pedían que cantase mentres alindaba as vacas polo monte para saber onde andaba, dá unha cabal idea o apelativo que lle dedica o escritor Calros Solla, biógrafo e gran recompilador do inmenso arquivo da súa memoria, cando a define como a “Monserrat Caballé de Terra de Montes”.
Por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional declaramos MESTRA DA MEMORIA e entregamos o DIPLOMA que así o acredita a

MANUELA CORTIZO MEDAL


Fai entrega da distinción: Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG
Recolle o Diploma: Sinda Álvarez Cortizo, filla de Manuela.
» + datos biográficos
MESTRE DA MEMORIA 2013
Así mesmo, nesta primeira edición dos Premios MESTRAS E MESTRES DA MEMORIA queremos honrar a ÁNGEL RIVAS VEIGA
Naceu en Eirexúa, en Xudán, hai algo máis de 88 anos. Dedicouse a múltiples oficios, entre eles durante 20 anos seguidos formou parte dunha cuadrilla que ía segar a Castela.
É un grandísimo narrador deses contos que os estudosos da materia chaman marabillosos, como O Castelo de Irás e Non Volverás, O fardelo e a manta, O ferreiro e o demo, A gaita máxica... e outros que en moitos casos resultan ser versións únicas das recompiladas en Galicia e incluso na península.
Ángel, aínda que só momentaneamente, chegou a vivir do conto. Nunha das súas xeiras laborais traballou nunha panadería e o patrón, cando lle enfermaba un dos fillos, encargáballe que lle fixese compaña ao neno para que lle contase uns contos. Mágoa que non lle durase aquela ocupación; a calor do forno non lle sentaban e tivo que mudar de oficio aínda que o que máis perdeu no cambio foi o fillo do panadeiro.
Por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional declaramos MESTRE DA MEMORIA e entregamos o DIPLOMA que así o acredita a

ÁNGEL RIVAS VEIGA


Fai entrega da distinción: Mercedes Queixas Zas, secretaria da AELG
Recolle o Diploma: Ángel Rivas Veiga
» + datos biográficos

☞ Reproducir vídeo



Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

Desde aquí, SAN RAFAEL (Provincia de Mendoza-Rep.Argentina), tierra de inmigrantes, con orgullo y mucha emoción les mando un gran abrazo y mis felicitaciones por el premio entregado a MANUELA CORTIZO. Soy un pedacito de esa gran familia. Don JOSE MARÍA FRANCISCO CORTIZO, mi ENTRAÑABLE ABUELO nos hizo conocer su Barro de Aren a través de sus palabras, y sus recuerdos. Galicia siempre está presente en nosotros. Muchas gracias por su atención.

Enviado por DIANA MARÍA BÁRCIA CORTIZO o 30/05/2013 ás 21:18:25


Enviar comentario a este artigo: