Actualizado en data 18/10/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

O QUE SE DI

Abuín de Tembra, Avelino

Abuín de Tembra, Avelino
"Galicia encantada", Véntos ábregos, xornal Galicia-Hoxe.com, 17-09-06.

Permítanme que recomende unha páxina de contidos máxicos de Galicia. Titúlase "Galicia encantada.com". Direilles como enfocan o delicado asunto: "Galicia é un mundo habitado por homes e mulleres de carne e óso pero tamén por seres que bolen nun mundo fantástico ou encantado pero tan real como o outro. Aquí atoparás a historia da Galicia imaxinaria, mitos, lendas, ritos, contos, romances e aventuras que se resisten ao esquecemento e que seguen vivindo na nosa memoria colectiva. Destes nosos conveciños, fillos das nosas máis vellas fantasías, procuramos as pegadas, describimos as súas figuras, desenmascarámolas e seguímolas ata os seus escondedoiros". Gustáronme os propósitos de me inserir nun mundo que sempre me engaiolou e atraeu. Quen se queira unir a el, verá en Galicia encantada unha enciclopedia da nosa cultura popular baixo títulos xenéricos como A Morte, Andel de marabillas, Astroloxía, Augas, Calendario, Cocos, Monstros, Edificios encantados, Fauna, Flora, Galicia desaparecida, Heroes, Lendas urbanas, Literatura, Lume, Medicina, Mitoloxía relixiosa... Temas que se acrecentan cada mes. Baixo a batuta de Antonio Reigosa e a coordinación técnica de Manuel Fernández Prado "Lugonet".

Esta publicación non é unha simpleza ou necidade ou iso me parece a min. É un compendio benemérito daquilo que fomos no tempo e na historia. A creación dun pobo fecundo que ideou unhas categorías de seres ficticios, ilusorios e imaxinarios, tan ben feita, tan ben pensada, que se pode confundir coa certeza e a veracidade. Estremézome ao lembrar que houbo millóns de seres -nenos, vellos- que viviron baixo esa sospeita. Dou algúns exemplos de "Galicia encantada.com". Un, "A barca de pedra de San Mauro", a escasos quilómetros da Bouza inxel, no río Pedras da Pobra do Caramiñal. Outro, "Floralba e o peregrino", que lle escoitei, hai anos, a Alejo Carrera no seu castelo do Sobroso. Os ditos e refráns dos cogumelos, un tema afastado que parece alleo á nosa cultura popular, pero que non o é. "As Torres de Mens" coa lenda do rapto dunha doncela castigada pola paisanía sublevada que eu xa investigara en 1979. Esconxuros, ensalmos, nadais, pregos, oracións, seres, obxectos, toponimia, xogos infantís. Contado con rigor, ás veces brevemente, e con citación das fontes informantes. Un caudal case inesgotable dunha Galicia fresca, perenne e sempiterna. Unha xeografía mítica, xenerosa, fértil e imaxinativa. Un país que nada lle ten que envexar a ningunha outra terra circundante. ¡Sinto orgullo e xactancia de pertencer a ela!
__________
Ler artigo completo … >>>
__________


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: