Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

O QUE SE DI

Nogueira, Mª Xesús: Cousa de encantamento

UN FALAR
Cousa de encantamento

María Xesús Nogueira / El Progreso /
03/05/2008
____________________

Como en cousa de encantamento petou nas portas o mes de maio, florido, chuviñento, proletario e tamén, entre nós, mes de Letras dedicado como se sabe á memoria de Xosé María Álvarez Blázquez, polígrafo e creador infatigábel de iniciativas de natureza varia, nuns anos ermos e sombrizos para a cultura galega.
Maio ten tamén unha presenza importante na tradición oral e a súa chegada é celebrada en moitas localidades de Galiza cun particular tributo á natureza e aos seus ciclos. Recuperados nalgúns casos, adaptados noutros aos novos tempos, os Maios seguen constituíndo unha homenaxe vexetal e festiva, xeradora as máis das veces dunha literatura satírica que lle saca punta á actualidade.
A literatura popular de tradición oral, obxecto do esquecemento ao longo de varias décadas, interesou ao escritor homenaxeado no Maio deste ano. As páxinas que Xosé María Álvarez Blázquez dedicou a estas manifestacións, coas observacións metodolóxicas que se lle poidan facer na actualidade, encheron un importante baleiro existente sobre a materia, excluída as máis das veces, aínda hoxe, da cultura oficial.
A literatura popular de tradición oral ten desde hai pouco máis de tres anos unha casa de seu na rede, construída con esmero polo escritor Antonio Reigosa, coa axuda técnica de Manuel Fernández Prado. Refírome a Galicia encantada. Enciclopedia da fantasía popular de Galicia (www.galiciaencantada.com), cuxo título resulta abondo suxestivo. Trátase dun proxecto ambicioso que non se limita a un simple almacenamento dunha materia ameazada pola couza do tempo e a desmemoria, senón que anima –e con éxito– á revitalización e a actualización do patrimonio oral. O artífice deste portal consegue polo tanto harmonizar as posibilidades que Internet ofrece como instrumento de comunicación coa tradición máis ancestral, sen esquecer o rigor con que tal tesouro merece ser tratado. A sección “Lendas urbanas”, novidosa en canto á súa concepción, constitúe o mellor exemplo do tratamento dinámico que a tradición oral recibe neste proxecto.
Na actualidade Galicia encantada puxo en marcha o concurso “Lugares con lenda”, encamiñado a incorporar entradas desta natureza á enciclopedia, botando man tamén neste caso de ferramentas tan contemporáneas como a fotografía dixital e o Google Maps.
A concorrencia de visitantes, moitos deles colaboradores activos, nun portal habitado por mouras, cocos, bruxas, feitizos e encantamentos varios, é boa proba do interese que esta materia esperta entre os usuarios da rede. Por outra banda, mostra como é posíbel crear unha canle pola que os contidos culturais, neste caso os da nosa tradición oral, poidan fluír con naturalidade e volver, vestidos en ocasións con novas roupaxes, ao seu verdadeiro dono, cómpre non esquecelo, o pobo.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: