Actualizado en data 18/10/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

ÁREA RE-CREATIVA

ALUMNOS DO IES XOGRAR AFONSO GÓMEZ: A vella e o xigante

Unha historia conta que baixo un colexio que había en Sarria vivían soterrados uns mouros guerreiros. Estes mouros querían liquidar aos alumnos do centro polo que, de cando en vez, collían a un e levábano canda eles para comelo nos seus aposentos.
Neste mesmo colexio había un cura, o profesor de relixión, que ademais era fanático do fútbol polo que adoitaba xogar ao balón cos pequenos nos recreos.
Un día, os mouros, vese que o confundiran cun rapaz, levaron ao cura canda eles. Cando o cura viu onde o levaban, e, sobre todo, cando viu aos mouros dirixirxe cara el cun coitelo nas mans, púxose a rezar desesperado.
Foi entón cando pasou o que vén de contado. Presentouse naquel lugar un vello dun tamaño descomunal, un xigante enorme que levaba un carballo pousado no ombro coma se fose unha vara das de afalar as vacas.
O xigante díxolles aos mouros que era mellor que deixasen en paz ao cura e que se dedicasen a facer cousas boas e vez de causar tantas maldades a inocentes. Os mouros negáronse dicindo que nunca antes tiveran oportunidade de papar un cura e que para unha ocasión que se lles presentaba, que non a ían botar a perder. E sen máis, sen dicir outra palabra, botáronse ao vello xigante con intención de matalo. O xigante resistiuse canto puido, revirouse e dunha volta caeu co carballo que levaba ao ombro e esmagou aos mouros e ao cura. Mais, non acabaron aquí as desgrazas; cunha das pólas do carballo prendeu nun dos piares do edificio e, como consecuencia do impacto, derrubouno e provocou tamén a morte de varios alumnos do centro que aínda andaban a xogar no patio do colexio sen decatarse da desaparición do cura futbolista.
O vello xigante, malferido física e psicoloxicamente, pois causara demasiadas mortes de inocentes, púxose a chorar desconsolado. Chorou aquel día e o seguinte, e todos os días que viñeron. E disque aínda chora arreo todos os días do ano desde entón.
Hai quen asegura que ao pasar por cabo do edificio do instituto pode sentir os seus laios. E hai tamén quen supón que aquel vello xigante tiña unha noiva, unha vella que o vai visitar todos os días, que entra no sochán polo único buratiño que quedou practicable despois do derrubamento do edificio.
Os que din isto xuran ver a vella, unha muller descoñecida, entrar polo burato das ruínas e que aos poucos xa non senten ao vello laiar. Cando a vella sae, os choros do vello xigante volven ao de sempre por mor da pena inmensa que lle quedaría despois de provocar aquela terrible desgraza.
Quédame contarvos que sobre das ruínas daquel antigo centro escolar construiuse un novo colexio, o que agora se chama IES Xograr Afonso Gómez, e que, aínda que non todos, hai alumnos que xuran ver a vella entrar no soterráneo do centro e sentir os lamentos do vello xigante.
Estase investigando pola dirección do centro se os días que din ver a vella entrar alí coinciden cos que hai exame dalgunha asignatura.

Recreadores: Alumnos de 3º de ESO no IES Xograr Afonso Gómez de Sarria (Lugo), curso 2005-2006.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: