Actualizado en data 15/12/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

ÁREA RE-CREATIVA

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Contos do Mariano: Un aire traidor

Contos do Mariano” é o título dunha serie de relatos da autoría de Nilo Cea Rodríguez, mestre de Furelos finado no ano 1992, considerado polos melidaos coma o "noso Castelao", pola súa dimensión literaria e artística, entroncada co legado da Xeración Nós.Mariano é un personaxe fanfarrón, botado para adiante, narrador ficticio destes relatos sacados da tradición oral das terras interiores das bisbarras de Melide e de Arzúa. 

Un aire traidor”  é o número 9 da serie orixinal (publicado o 4 de xuño de 1962). Texto e ilustración de Nilo Cea Rodríguez

***

Un aire traidor  (Nilo Cea Rodríguez)

 “Fai poucos días aínda, atopei  ao Mariano arrimado a unha longa mangueira de castiñeiro. Cangábase moito, laiábase ao andar, cal se estivera derreado, e parescía que lle custaba un perú cada pasadiña que daba, esteándose traballosamente con mans e corpo na mangueira que dixen. Xemendo coma unha parida, sentouse nunha pedra que atopou a xeito, ao pé dunha cerca, pillou folgo por dúas ou tres vegadas seguidas e logo dixo con vos cansa e doorida, que facía rir e mais que daba anguria ao mesmo tempo.

“Estou baldado redondo. Esta maldita reuma… estame roendo todos os ósos do corpo. Non rixo das xuntas!. Non acougo  ergueito nin deitado. De noite… seique aínda é pior; porque ao que dou en quecer, non paro na cama. E coma se me retorceran todas as cordas e máis todos os ósos cun acial, ou cunhas tenazas de ferrar ás bestas. Con esta, que pasou, xa levo catro noites arreo sen pegar ollo”.

¡Pero… entón ¡que é o que lle pasa, señor Manuel! ¿A que lle achaca vostede todo eso?

“¡Pois, verás, respondeu o Mariano, sen erguer os ollos do chan. O día vinteoito, do mes derradeiro, fun á feira de Boimorto; con idea de mercar unhos ranchos. E fixen trato de contado; pois en menos de media hora axustei e mequei catro ranchos en cento vinte. Eran as guías mellores e máis guapas que atopei na feira, e deso que había porcos ben bos por certo. Prendín aos meus cunhas trélas que levaba envolveitas derredor da cintura, metín un bocado nunha taberna, pinchei unha bordesca de carballo, e botei a camiñar cos ranchos antepostos, facendo mentes de chegar a casa cunha hora de sol.

Os ranchos iñoraban o leite da nai e víñanse zorrando, zorrando e greñendo, sen querer andar. Eu, de cando en ves, tiña que zorregarlles unha boa bordexada e anicarme para lles ir afalando, por mor de que andiveran unha miga máis a presa. Hai ranchos que vos son moi zorros; pro que se di, zorros redondos.

Eu, de tanto anicarme, a cada paso, e de tanto volver a erguerme, rompín a sudar, coma un boi, fora a ialma. En de chegando a Trapa, dixen para min. ¡Voúcheme sentar un anaquiño, e máis a descansar unha chisca antramentras boto unha pitillada, que tempo, gracias a Dios haino dabondo. E conforme o cavilei, así o fixen.

¡Máis me valera seguir camiñando!, pois aínda ben non sentara… cando xa vin vir, de cara min, un aire traidor, que me callou o sudor sobor do corpo. Foi o mesmo que se me tronzaran os cadrís, de parte a parte, cun coitelo, ou como se me eivaran a paus. No auto quedei baldado, tal e cal me estás vendo agora. ¡Dígoche, meu vello, que non aturo das xuntas!. Xa lle botei unha untura marela que merquei ahí na, botica do señor Lapido; pro … ¡Vaiche boa!: un come cartos. Non me fixo nada.

Agora estou agardando que me manden, polo estanqueiro da miña aldea, unha peliña de unto de lobo, para dar unhas fregas, nove días seguidos no crecente da lúa. Xa de outra echa que estiven da mesma maneira, dinas, e … ¡Santo romedio!: foron como unha xesta barredoira!”…

 [Transcrición do texto e imaxe remitidos por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Xaneiro de 2016]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: