Actualizado en data 18/10/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

ÁREA RE-CREATIVA

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Contos do Mariano: O mal de ollo

Contos do Mariano” é o título dunha serie de relatos da autoría de Nilo Cea Rodríguez, mestre de Furelos finado no ano 1992, considerado polos melidaos coma o "noso Castelao", pola súa dimensión literaria e artística, entroncada co legado da Xeración Nós. Mariano é un personaxe fanfarrón, botado para adiante, narrador ficticio destes relatos sacados da tradición oral das terras interiores das bisbarras de Melide e de Arzúa. 

“O mal de ollo”  é o número 7 da serie orixinal (publicado o 2 de xuño de 1962). Texto e ilustración de Nilo Cea Rodríguez

***

O mal de ollo (Nilo Cea Rodríguez)

"Mésmo me paresce estala vendo. Era pequeniña, miúda, e na tésta levaba sempre un pano marelo atado á curra. Dentes ... parésceme a mín que non tiña o primeiro; pro de naros e máis de queixelo ... ¡campar, campaba ben!

Marica, que así se chamaba, mouraba nunha casetiña pequena na compaña dunha gata moura, dun can cego e dunha pega marcha. Outra cras de facenda endexamais a tivera. Nin tan sequera un rancho nin unha galiña. Na faltriqueira levaba de cote, un dente de allo, o corno dunha vaca loura, a camisa dunha cobra e máis unha baraxa vella de trinta e nove naipes cheos de carraña e coas esquinas redondas, pra botar as cartas e adiviñar o porvir.

Os rapaces tíñanlle medo, as mozas fuxían dela coma o demo, e os homes, cando lles cadraba de pasar pola súa beira humildaban a cabeza e dábanlle os bos días cos ollos baixos sen estreverse a mirala de frente. Porque Marica tiña "mal de ollo", e con esto... xa está dito todo. Algún... se cadra non cré nél pró haber, haino tan fixo como a lus do sol que nos alumea.

Como Marica quixera... é dó que é mal! quería o máis das veces, facía secar as vacas de leite, malparir ás mulleres preñadas ou cobrirse de vermes as hortas. Se lle tiña enquina a unha moza, somentes con mirar pra ela con aqueles ollos pequenos, crudeles  e malinos que traspasaban a un hastra a cana dos ósos, no auto... íbanselle as ganas de comer, rispábanselle as coores da cara, quedaba sen azos e sen forzas pra nada, e aós quince días, cando máis ¡errecorderis, pecatamea domine!

Ao sacristán da parroquia, por se esquecer de lle dar os bos días, unha ves que bateu con ela nun camiño, fíxolle abortar á muller e máis caer en estado a unha filla solteira que tiña, a quen casualmente andaba cortexando un curman meu, por parte de, Dios goce, meu pai. E ao mestre, por lle andar decindo aos rapaces da escola, que non había "mal de ollo" nin farrapo de gaitas, vingouse del matándolle dun empacho ó porquiño da ceba e aínda non contenta con eso, fixo modo de entrar no cortello co achaque de ver unha laradiña de ranchos do leite que tiña o bo do mestre, e da mala ollada que lles botou aquela condanada, ao outro día pegou o bombín con eles, e dos nove marraos que eran, non quedou nin o inzo. Ao pedáneo, por lle lembrar con bós modos, que lle adeudaba un real do consumio, barreulle dunha nacida, ou sexa dunha traidora, unha xuvenquiña nova que estaba criando, e máis tolleulle á sogra. E ao menciñeiro: un home honrado por que si, que facía moito ben, valéndose das artes do demo logrou que se lle botaran a perder os xamós curados do porco macho. A outros facía que lles apodrecera o millo no hórreo, ou o pan da fornada, na artesa, ou que se derramara unha cría, ao nascer, ou ben, que se mirrase un neno da teta, como un figo paso, e de por parte tamén si se lle metía nos miolos, que non abarbeitase a facenda. Sen ir máis lonxe, na miña casa, fixo secar dúas vacas leiteiras, que parescían dúas fontes de catro canos, cando as muxían, e que daban tres canadas de oito netos, cada unha, todos os días ¡Que vacas!!... Ademais baixaban o leite sen mamar o becerro, coma a primeira hora, hastra un ano despois de paridas. Pois, secaron, e todo porque Marica non lle tiña boa pía ao padriño de miña nai, que en groria esteña!.

Aquela muller era unha plaga, unha pauliña: unha verdadeira disgracia na parroquia. Hastra que un día... pranteime eu, e dixen falando comigo mesmo: ¡Manuel, esto acabouse. e tes que ser, ti, e namáis ca ti, quen lle dea traza a este conto dunha ves.

E... deilla! ¡Vaia se lla dei! Xa veredes de que maneira.

Unha mañán... moi cediño: con estrelas aínda, erguinme do leito disposto a todo. De contado fun ao pendello, e na moa que tiñamos alí, afiei a navalla. E despois paseina pola pedra de asentar, hastra deixala ben empelada, e cunha punta aguzadiña coma dunha subela. De seguida metín enriba do curazón e por debaixo da camisa un rescrito que fora xa da miña bisavoa. E coa mesma, fixen un bon fumazo de xofre, collín unha ramiña de oliva e outra de loureiro bendito, do día de Ramos, botei "el nombre del Padre", e sen agardar máis, encamiñeime á caseta de Marica. Atopeina xa diante da porta, sentada nun cesto virado co cu pra riba e debullando un brazado de fabas pois cadraba de ser no tempo da recolleita.

Non lle dei máis falas ca éstas:

"¡Marica, o teu "mal de ollo"... acabouse pra sempre!!..."

E sen engadir outra cousa máis ca unhas palabras que levaba apresas; pró...¡facendo!: metinlle nas ventas o ramo de loureiro bendito o rescrito da miña bisavoa e máis a oliva de camiño que coa outra man que tiña libre, e tendo bon percuro de non mirala de frente, fun, e... ¡ris!!, fixen que lle daba unha picadela coa punta da navalla na meniña esquerda, que era onde aquela meiga tiña a nacencia da "frida dollo" que tanto mal levaba feito.

Marica co susto meteu un chilo hirto, que fixo ouvear ao can cego, i enfuouse coma unha chispa dentro da cabana coa súa pega enriba da cabeza. Dende aquela hora foi unha boa veciña, que non se metía con ninguén, e nunca máis se volveu a sentir falar do "mal de ollo" na nosa parroquia".

[Transcrición do texto e imaxe remitidos por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Decembro de 2015]

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: