Actualizado en data 18/10/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

ÁREA RE-CREATIVA

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O lobo incendiario

Hai moitos mutos anos, cando aínda había enormes superficies sementadas de centeo das que vivía a moita xente que había nas aldeas, ardeulles a faceira ós veciños portugueses da Mofreita. Acordeime desta historia cando fomos dar unha volta polo alto da raia, o agosto pasado, para ver Brumoso desde outra perspectiva.
Esta desgraza aconteceu cando eu aínda non era, cando os meus avós eran aínda mozos. Un irmán do meu avó Anselmo, o ti Xico Bernaldón , contaba a historia da orixe daquel lume, segundo el mesmo puidera ver. El estaba coa res nas Mendreiras, por riba do Couto, preto da raia, e como o lume baixou de España cara a Portugal, ata alí lle viñeron os guardiñas portugueses investigando, na procura do incendiario. Isto foi o que lles contou:

“Eu non prendín o lume, xúrollelo. Como había prender estando aquí coa res, sen poder fuxir a escape? Tería que ser parvo. Pero sei quen foi, sei como ocorreu.
Esta sentado alí embaixo, naquel penedo, comendo a merenda, cando ví que viña o lobo cara a min, por ese carreiro que pasa por riba da fraga do Corvo. Estábame incorporando e mirando de coller pedras para espantalo antes de que se acercase ao magote cando puiden ver que se ía dar de papo cun home que subía polo mesmo carreiro, camiño da raia. Ví como o lobo lle regañaba os dentes e ví como aquel mozo se agachaba a coller penedos diante dos pes. Se fose un can, ó velo agacharse xa fuxiría, pero o lobo vira o meu magote e non quería molestarse en dar arrodeos, así que abriu a boca e amosoulle todos os dentes ao mozo, ao tempo que se preparaba para saltar sobre él. Cando o lobo xa ía polo aire , o mozo tiroulle un xeixo con todas as forzas e meteullo pola boca, que levaba aberta. Non ben caeu ó chan, deu media volta para fuxir, coma se o penedo xa lle quitase a fame. Daquela, o mozo tiroulle outro xeixo que lle entrou ao lobo polo cu. Polo que se ve, os penedos bateron un contra o outro, dentro do lobo, é botaron chispas. O lobo alampeouse como a isca, ao tempo que comezaba a fuxir. E correndo desapareceu para alá arriba, cara a raia, deixando un río de lume detrás del. O vento, que ven do norte, como poden ver, fixo o resto”.

Así o contaba o ti Xico Bernaldón. Non digo que fose así, pero así o contaba. Eu creo que posiblemente foi el propio quen tivo que enfrentarse co lobo a xeixazos. Que lle quixo furtar algún cordeiro e que, nesa defensa, fixo lume dentro do lobo. E logo pasou o que pasou. En calquera caso, o incendiario non fora él, fora o lobo.

[Xentileza de Xavier López Rodríguez, publicado no seu blog BRUMOSO, o 6 de setembro de 2008]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: