Actualizado en data 15/12/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

REVISTA (ISSN 1887-2859)

nº 02 (2006).-REIGOSA CARREIRAS, Antonio: Enredos no castro de Zoñán

Autor: REIGOSA CARREIRAS, Antonio. Título: Enredos no castro de Zoñán. Revista de Investigación 2006. ISSN 1887-2859 Galicia Encantada, Enciclopedia da Fantasía popular de Galicia, http://www.galiciaencantada.com/dentro.asp?c=34&id=957) [Artigo publicado orixinalmente no xornal La Voz de Galicia , A Mariña, 20 de agosto de 2002] Este verán do ano 2002 troúxonos unha boa nova ós naturais de por alí, do Zoñán da cara do sol, das boas augas e aínda mellores xentes, e é a novidade que uns arqueólogos andan con piquetas e outras ferramentas remexendo nas ruínas do noso castro. E digo que estamos de noraboa porque nos van descubrir, por fin, e xa ía sendo hora, o que hai de verdade debaixo da croa do castro de Zoñán. Por se non estades avisados destas cousas, para que non veñades dicindo despois que tal e que sei eu, ou que vosoutros non dades creto ós contos dos vellos, eu póñovos en antecedentes do que podedes atopar. No sochán da croa do castro de Zoñán viven os mouros. Si, señor, os mouros; eses seres ás veces loiros, ás veces morenos, que desde que foron derrotados por Roldán e os Doce Pares de Francia abandonaron a vida en superficie e pasaron a vivir soterrados. Son ricos coma cochos, gardan fortunas inmensas nos seus pazos aterrados e teñen cabalos que levan a beber de noite por un túnel que vai desde a croa ata o rego que pasa preto da igrexa do San Cristovo. Hai quen víu fumegar as chemineas das súas casas soterradas por entre os felgos e as queirogas da tona da terra. É probable que atopedes ouro en po metido en olas de barro, (coma unha do grandor dunha nena de 9 anos que atopara non sei quen e acabou non se sabe onde) anque estes son tesouros de pouco proveito pois evapóranse, esváense, ó contacto co aire. Estes mouros teñen, díxomo en moito segredo o meu avó Xusto Carreiras, unha inmensa laxe para xogar ós bolos, cunha bola e os bolos precisos para o xogo, todiño feito de ouro. Se afinábamos ben o oído sentíamos bater a bola na laxe e o ciscarse dos bolos turrando uns contra os outros. Ningún tesouro se atopou polo momento. Moito ollo Ollo, pois, arqueólogos, andade con tento e avisádenos cando atopedes, só por velos, algún destes haberes. Se avistades algún mouro e entrades en tratos con el, cumpride coa palabra que lle deades, pois a cambio dalgún pequeno favor faravos ricos de por vida. Así está escrito nas lendas. Pero, coidado; do contrario, de traizoardes o falado, de non respetardes o acordado, seredes víctimas das súas terribles vinganzas. Mesmo a morte ronda a quen incumpre un trato cos mouros. Os de Zoñán sabemos que antes ou despois ten que descubrirse algún destes tesouros e teredes que darnos a razón. E igual que vos digo esto e vos desexo sorte, tamén vos aviso doutros perigos que vos rondan, que non son poucos. A un tiro de pedra da croa está, beira do vello camiño dos Cucos e de Pelourín, a Pena Grande. Un penedo competente no que fan vida ou que usan de poleiro, ó estilo dos mitineiros de Hyde Park, outros enredantes pouco amigos de que se saquen á luz as intimidades dos aparentes daquela contorna. Testemuñas Na Pena Grande viven uns encantos que tocan a gaita, cantan, bailan e aturuxan, maiormente pola noite do víspora do San Xoán. Cóntao Lence-Santar e pon por testemuñas de telos visto e sentido, entre outros, ó Angulo e ó Grilo de Pelourín, a Monterroso de San Cristovo e ó Picos de Tronceda. O mesmo Angulo de Pelourín víu alí mesmo o trasgo unha noite de San Xoán ó regresar de Zoñán cara á casa. Seica aganchaba por un castiñeiro ó tempo que laiaba, que ensinaba os dentes e que esgazaba as canas. Farruco da Costa, xa leva fóra deste mundo desde o 2 de xaneiro do ano 1933, o derradeiro home da comarca, segundo Lence, que gastou monteira, que dominaba a ciencia de ver nacer as herbas e que botaba as contas dos pelos dun xato, tamén víu o demo na Pena Grande por tres veces. Máis arriba, por onde ía o camiño vello cara á Estelo, mesmo debaixo de onde lle din O Morollo, hai unha pena que fala, que engule mozos e nenos, sexan ou non sexan arqueólogos. E a máis ou menos altura pero por enriba do castro pasa unha rota aérea exclusiva pola que voan, dacabalo das súas vasoiras de xibarda, as bruxas desta zona; despegan do Monfadal e soben camiño do xuntoiro maior que teñen na Toxiza.

© Galicia Encantada _____________________________


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: