Actualizado en data 11/10/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

REVISTA (ISSN 1887-2859)

CATEGORÍAS RELACIONADAS

nº 01 (2005).-AMIGO GONZÁLEZ, Anabel: Os brindos

Autora: AMIGO GONZÁLEZ, Anabel Título: Os brindos. Revista de Investigación 1, 2005. ISSN 1887-2859 URL: http://www.galiciaencantada.com/dentro.asp?c=34&id=525 Antes que nada, parécenme imprescindibles unhas anotacións para definir este xénero literario dialogado que podería presentarse como xenuino, das montañas da provincia de Lugo, en particular da comarca do Cebreiro. Xa Xosé Lois Foxo rexistrou a súa existencia no Courel malia que un dos seus entrevistados fose precisamente Antonio Río, o mesmo que proporcionou o material para este pequeno traballo, a quen visitei na súa casa de Louzarela no concello de Pedrafita do Cebreiro. Independentemente da extensión xeográfica na que puidera darse este xénero, que segundo informacións do propio cantor era durante a súa infancia común pola zona, é imposible non emparentalo tanto polas semellanzas como polas diferenzas cun tipo poético irmán e máis coñecido: a regueifa. Piar importantísimo para unha primeira delimitación do brindo foron as apreciacións feitas por quen tan ben o coñece, Antonio Río, un dos escasos e posiblemente dos últimos brindadores desta terra, a quen realicei unha pequena enquisa na que me describiu como se vivía este subtipo de tradición oral. A utilidade do xénero entronca coa da regueifa, e de non ser porque está constatado un costume poético paralelo que consiste en pedir a “rosca” nas vodas mediante un canto realizado polas mulleres, podería mesmo falarse dunha forma modernizada da mesma baseada na petición do tabaco, ó padriño primeiro e o noivo despois, mediante esta técnica de desafío. Segundo informacións de AR, poden ademais “botarse os brindos” en calquera outra celebración (comuñóns, bautizos, matanzas, etc.), esta afirmación fai intuír a existencia de xéneros contaminados, ou polo menos dunha extensión do termo a cantos dialogados doutras temáticas, é decir, pola similitude entre as técnicas discursivas e os estilos, pode ás veces denominarse brindo a calquera canto de desafío ou mesmo a coplas das que é posible esperar unha resposta. O acto petitorio comezaba perto da noite, cara ó escorecer, cando o brindador, acompañado do seu séquito, chegaba á casa onde se celebraba o casamento, e demandaban o tabaco mediante un verso cantado e con cheo graza. Adoitaba falarse deles como os de fóra, fronte ós de dentro que sempre se resistían o donativo para poder dar lugar á disputa lúdica que había de finalizar sempre coa entrega do produto solicitado. Así pois, e se comparamos este proceso co desenvolvido polos tradicionais regueifeiros, tanto a formula petitoria como o tipo de verso son similares, o único que varía é o motivo que se demanda, o doce que da nome á regueifa, fronte ó tabaco no caso do brindo. O feito de non dispor de abundante material de campo dificulta un estudo contrastivo mais rigoroso, pero cómpre ter en conta unha observación do informante, quen asegura que cando coincidiu e mesmo disputou con regueifeiros de Bergantiños na gravación dun programa de televisión, percibiu unha diferenza moi importante: o tipo mordacidade subxacente ás regueifas non se dá nunca no brindo, a destreza no brindador aumenta precisamente na medida en que este sexa capaz de proporcionar diversión e graza sen caer no insulto nin no obsceno, que aparece suxerido de foma moi subtil. Esta cualidade, xunto coa capacidade de improvisación, de ir adaptando o canto a cada voda ou a cada situación, de implicar ós presentes no discurso, e de tratar de atallar as capacidades técnicas e retóricas do adversario son pois a base do tipo de cantar que nos ocupa. Non menos curioso resulta o destinatario da demanda, que responde a unha plasmación clara da cultura e os costumes tradicionais; o tabaco, que se entendía como cousa de homes solicitábase ós varóns protagonistas, e os doces considerados actividade feminina, á madriña; así, a rosca pídese siplemente cun canto realizado por mulleres.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: