Actualizado en data 11/10/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

REVISTA (ISSN 1887-2859)

CATEGORÍAS RELACIONADAS

nº 12 (2016).- REIGOSA, A.: A leiteira do conto e a violencia machista

Os individuos somos produtos culturais, moldeados coa ideoloxía dominante que, aínda que non o pareza, guía ata onde non somos quen de concibir a nosa idea da moral. O machismo non sempre se expresa con violencia a pesar de que o número de mortes e agresións, físicas ou verbais, causadas por homes contra mulleres produce calafríos e, no inmediato, reaccións plenamente xustificadas pedindo xustiza e antídotos legais efectivos.  Mais non sempre se manifesta tan dramaticamente e convén que reparemos nalgunhas outras causas, profundas e antigas, por veces tinguidas de candor, sobre as que asenta esta barbarie.

Permítanme que lles lembre a historia dun apólogo ben coñecido que escoitamos, lemos ou recitamos tanto no mundo oriental como no occidental desde hai arredor de tres mil anos.

Castelos no aire

Xa se decatarían de que nos referimos á historia da moza leiteira que fantasía mentres vai camiño do mercado cun cántaro de leite na cabeza. O final do relato, co que se pretende pór en ridículo a humana capacidade de soñar, non pode ser máis cruel; a moza tropeza nunha pedra e derrámanse de golpe o leite e, o que é peor, a ilusión dun mañá mellor.

A versión que aprendemos de mestres e pais  da nosa xeración, e estes dos seus respectivos educadores, foi a de Félix María Samaniego (1782), quen reproduce practicamente a de Jean de  La Fontaine publicada en francés cen anos antes. La Fontaine tomouna de Bonaventure des Périers (1558), este de Nicolás de Pérgamo (1482), e este de Jacques de Vitry (1240), un teólogo, bispo e predicador afeito a usar exemplum nos seus sermóns. Vitry, que mobilizou homes para as cruzadas e atacou desde o púlpito aos cátaros defendeu, sen embargo, as béguines, mulleres cristiáns organizadas en comunidades á marxe da xerarquía da igrexa católica (por considerala corrupta e non respectar os dereitos das mulleres); dedicábanse a coidar enfermos e pobres, ao traballo manual e á oración.

A versión de Vitry, século XIII, é a primeira da que temos coñecemento cuxo protagonista é unha muller, unha vella leiteira, e tivo moitos imitantes, entre eles a Don Juan Manuel, autor de “O conde Lucanor”. Deixamos aquí a orixe do relato en feminino, advertindo que non debemos esquecer que ademais de ser muller é de clase baixa, nun contexto de adoutrinamento relixioso e discurso moralizador.

Pero o relato tiña no século XIII moitos anos de historia, só que cun protagonista masculino. Vaiamos ao século IV ou V a. d. C., primeiro testemuño escrito dun conto co mesmo tema que vén (a súa circulación anterior por vía oral podemos supoñela) no Panchatantra, colección de fábulas en sánscrito de orixe hindú. Aquí é un brahmana, un sacerdote que vive das esmolas, quen rompe un recipiente con fariña mentres, despois de soñar que se fai rico a conta da venda da fariña que lle dan para o seu sustento, fantasía con que está casado cunha fermosa muller coa que ten un fillo ao que ten que defender da agresión dunha das súas vacas. O abaneo do caxato causa a rotura do recipiente onde recolle a fariña que debería ser a orixe do imperio soñado.

A partir desta fonte, e mediante traducións a diversas linguas en distintos momentos da Idade Media (árabe, latín, linguas romances), o tema deste conto con protagonista masculino vai aparecer en Plauto, no “Hitopadesa, en “As mil e unha noites”, no “Calila y Dimna”e nalgúns outros textos como no “Gargantúa e Pantagruel” de Rabelais (s. XVI) onde é un zapateiro o actor principal.

A ideoloxía dominante

A maioría destas compilacións de contos orientais que foron chegando a Europa, e que se adaptaban consonte ás circunstancias e ideoloxía dominante, tiñan a finalidade de educar a príncipes, sempre varóns pertencentes á nobreza cando non á realeza. A substitución do protagonista masculino polo feminino no século XIII foi a que se impuxo no occidente europeo, ata o punto de popularizarse e difundirse como versión referencial, primeiro desde o púlpito e logo desde a escola.

Seguir o itinerario histórico dunha narración coma esta, ben asentada na tradición desde hai moitos séculos, permítenos desenmascarar de paso o ideario dos grupos que exerceron e exercen o poder, o control social, económico e moral da sociedade.

A historia deste apólogo segue empeñada en dicirnos que as persoas de condición humilde non poden ou non deben soñar, a risco de afociñar, sobre todo se son mulleres! Parece, pois evidente que nun mundo machista como o noso repetir xeración tras xeración, aínda que sexa en verso, que houbo unha vez unha muller pobre que por soñar, perdeu de vez un escaso patrimonio e a oportunidade de ser feliz, non parece a mellor medicina para conseguir a igualdade real. Deberamos considerar que a ficción, que é unha das formas en que se manifesta a intelixencia connatural da especie humana, precisa da fantasía para alimentala e liberarse da opresión.

Oh, loca fantasía! Que palacios fabricas en el viento!, di Samaniego, despois de contarnos da pobre infeliz que non apetecía máis compaña que o seu pensamento, que alegre lle ofrecía inocentes ideas de contento. Para recomendarlle antes da moralexa final: non sexas ambiciosa, de mellor ou máis próspera fortuna, que vivirás ansiosa, sen que poida saciarte cousa algunha!

Ah!, era polo seu ben!

© Antonio Reigosa

Artigo publicado en El Progreso (24.11.2016)

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

Non hai que ser ambicioso da fortuna material,si da espiritual que é a que axuda a ser feliz.A primeira nunca te saciará,a segunda fará que reboses felicidade,cada vez máis.

Enviado por Margarita Bermúdez Rubiños o 24/11/2016 ás 21:16:03


Enviar comentario a este artigo: