Actualizado en data 18/10/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

REVISTA (ISSN 1887-2859)

nº 11 (2015).-REIGOSA, Antonio: Un pé de estribo para cabalgar a fantasía. O popular en Álvaro Cunqueiro

Álvaro Cunqueiro declárase, unha e outra vez, seguidor tanto da literatura de tradición oral como do estilo de contar dos narradores e narradoras orais tradicionais. O propio dun escritor é contar claro, seguido e ben, contar claro e seguido como conta o pobo. Recoñece expresamente as influencias dos romances que escoitei cando neno ás xentes da miña bisbarra e dos contos que escoitei de rapaz, da maneira de dicilos, da maneira de intercalar pequenas desviacións …

Álvaro Cunqueiro observa e repara nestas maneiras de dicir e contar, e desa observación pode que lle veña, ademais do manexo impecable das estruturas propias da oralidade, esa aparente espontaneidade que transmiten moitos dos seus discursos narrativos nos que é frecuente a reiteración e as repeticións de motivos que teñen por misión, como acostuma suceder na narración oral, chamar a atención do oínte sobre motivos do relato moi relevantes para a comprensión e o desenlace da historia que se conta.

En toda a súa obra narrativa é máis que evidente esa vontade de contar historias da xente, de acomodar o relato ás pautas e aos ritmos da oralidade, de incorporar elementos da narrativa oral, tratando sempre de contar, como el mesmo recoñece unha e outra vez, como lle contaría a el un narrador oral tradicional.

Queda ben explícito este pensamento de Álvaro Cunqueiro nunha das parrafeadas da nota de presentación do seu libro Escola de menciñeiros cando escribe: Conto o que oín, falo da xente que conocín (Cunqueiro 1976: 51).

Moitos dos personaxes principais das súas obras, como Felipe de Amancia en Merlín e Familia, son precisamente narradores, ese narrador que a el tanto lle gusta, pois tece o pano das historias, novelo a novelo (Cunqueiro 1985: 9).

Hai pegadas do popular na maneira de nomear os personaxes que protagonizan as súas historias, poñendo case sempre ao lado do alcume ou do nome de pía algún outro referido á condición física como O coxo de Entrebo (Osvaldo Jove) ou O enano das burlas; ao oficio como O verdugo na Cañiza, Felpeto, mariñeiro e músico ou, con moita máis frecuencia, unha referencia ao lugar, xentilicio ou topónimo de veciñanza do personaxe en cuestión, caso de Perrón de Braña, Melle de Loboso, Mel de Vincios, Lomas de Noceda, Pascuas de Lurres, Xil da Ribeira, Pardo das Pontes, Penedo de Alduxe, Merlo de Lousadela, Leiras de Prada e de tantos outros.

Os mesmos títulos de moitos dos seus libros e artigos son evidencias desa querenza polo popular: Escola de menciñeirosXente de aquí e de acolMerlín e familia, sempre dando protagonismo aos oficios que adoitan os protagonistas (xastres, costureiras, feirantes, tratantes, menciñeiros…), aos espazos xeográficos, culturais, sociais ou mitolóxicos nos que se desenvolve, transmite e recrea naturalmente a cultura popular.

Hai veces que descarga nos seus personaxes esa necesidade que ten de contar e de conversar e algúns deles son, ou reflicten, como nun espello, esa irremediable urxencia de compartir historias. Urxencia da que se ten dito e escrito como se moitos dos seus textos, sobre todo os artigos, fosen o resultado dunha improvisación, como se lle viñesen á memoria de repente. Mais esa improvisación é só aparente; a realidade é engano ou artificio de mestre.

Perrón de Braña, o sangrador, coñecía as doenzas dos seus clientes pola voz. Deitábase con eles para observar como durmían, contáballes historias e propoñíalles adiviñas. Cando se puxo á morte, pediu que lle desen conversación.

Cunqueiro é un compoñedor de historias. Bebe con sede vella nas fontes clásicas, nos mitos, nas lendas e na propia historia que usa indistintamente como tema literario. E de todo este barro, de toda esta arxila transformada coa ferramenta máis poderosa que ten un escritor para manipular os textos, as palabras, crea. Palabras que organiza como na lingua falada, palabras entre as que están, especialmente, os nomes. Cunqueiro é un gran creador de nomes.

En moitos destes retratos, semella un narrador oral que, en vez de contar de viva voz, escribe, que traslada ao papel o mesmo texto que podería estar contando no escano ao redor do lume dunha lareira ou dunha cociña económica, nunha taberna ou na botica do pai.

Borrallo de Lagoa era albino e curaba tolos, morriñosos e afrixoados. Para tratalos mudáballes o nome e inventáballes unha nova vida. Aos afectados de catarros de ventre dáballes cocementos das súas propias barbas. Cando a Borrallo lle chegou a hora de morrer, saíu da casa, sentou nun cómaro e abriu o paraugas. Xa deixara dito que o trouxesen para a casa sentado nunha cadeira.

Cunqueiro describe lugares e seres que, aínda que só existen na súa imaxinación (nalgún lugar deixou dito: escribo historias para consolar a miña imaxinación), semellan tirados dun encontro casual con calquera de nós nunha rúa ou nun rueiro.

Lamas Vello preguntáballes aos clientes o nome propio, o alcume de seu, da casa e da familia, como lles chamaban cando nenos ou rapaces e, de ser o caso, que nome lles dicían cando se querían burlar deles. Tamén os facía mirárense nun espello e faceren memoria para imaxinaren como eran fisicamente dez anos atrás. Controláballes o pulso cunha chumbada e curábaos dicíndolles á orella o nome humano da enfermidade que padecían ou contándolles contos e chistes para facelos rir ou receitándolles vacacións, folganza e pasatempos.

Trátase dun falso realismo que lle permite ao escritor achegar ao mundo real, como se fosen figuras dun nacemento ou dun belén, personaxes do mundo paralelo, sexa real ou sobrenatural, tal e como sucede nos relatos protagonizados por seres do trasmundo popular. E fainos tomar vida en escenarios, xeralmente dun tempo pasado, o tempo por excelencia da tradición popular. Para conseguir ese efecto do real, usa recursos tan contundentes como as constantes, as reiteradas citas bibliográficas de autoridades, de dicionarios, de enciclopedias ou de expertos, nas que case nunca faltan, chamo a atención sobre isto, os testemuños orais. Citas, por outra parte, tantas veces inventadas, seguramente para consolar a imaxinación.

O Coxo de Entrebo era un coleccionista de caixas de mistos con retratos de artistas espidas ou semiespidas. Os retratos ía apegándoos nas follas dun caderno e, de vez en cando, viaxaba a Madrid para ver en vivo as actuacións daquelas mulleres.

Mais nunha desas viaxes cambioulle radicalmente a vida. Primeiro, porque mercou un libro que ensinaba a predicir o tempo e a curar os males do gando e, segundo, porque perdeu todos cantos cartos levaba e tivo que volver andando a pé desde Madrid. Entón anoxou as artistas, deixou de coleccionar os seus retratos e fíxose menciñeiro. Cando contaba setenta anos, foi aprender latín cabo dun crego de Begonte e no prazo dun mes xa sabía o suficiente para entenderse nesta lingua cos animais.

Cunqueiro di, nunha rexouba idéntica á dun retranqueiro popular, que o Coxo de Entrebo receitaba no mesmo caderno no que apegara os retratos das artistas, e que o dono do animal acostumaba chegar á farmacia co pedido da menciña por unha cara da folla, mentres que pola outra ía apegado o retrato dunha daquelas mozas coas carnes ao aire.

Cunqueiro é un romántico. Percíbese nos temas dos que trata, sempre nese tempo pasado onde habita a melancolía, facendo alarde desa prosa barroca que lle permite describir ese tempo ido que el considera mellor que o presente, e que sempre será, no seu pensamento, infinitamente mellor que o futuro. Cunqueiro é un romántico catastrofista, mais a diferenza dos románticos do Romanticismo, é un romántico irónico; usa o humor con tanta mestría que toda a erudición desbocada que gasta en cada peza queda enmarcada no espazo sempre fantástico da irrealidade.

CUNQUEIRO, POETA SOCIAL E POPULAR

Aínda que non acostume aparecer nas reedicións das súas obras nin nas antoloxías, tamén hai un Álvaro Cunqueiro que crea á maneira popular e, ás veces, en clave social. Fíxoo polos mediados do século XX en Mondoñedo, naqueles anos tan duros e tan complicados para el.

Durante ese tempo no que reside en Mondoñedo sen oficio nin beneficio, foron imprimidos na Imprenta Sucesores de Mancebo, rexentada entón por Jesús López Díaz (e mesmo se escribiron no propio local), varios textos da súa invención. Moitos deles recuperados e publicados na revista Amencer aló polos primeiros anos da década dos 90, revista elaborada polos alumnos do Seminario Santa Catalina de Mondoñedo, entón baixo a dirección de Félix Villares Mouteira. Entre estes textos hai de todo, desde panxoliñas e versos para celebrar os maios, e para que os musicase o seu amigo Manuel Ledo Bermúndez O Pallarego, até poemas por encarga para pedir o aguinaldo ou para recomendar o consumo do famoso DDT, fabricado pola marca ZZ e comercializado pola empresa galega Zeltia da que eran fundadores e propietarios, entre outros, os empresarios galeguistas Álvaro Gil Varela, Emilio González López, Fermín Penzol e os irmáns Antonio e José Fernández López. O DDT xa hai anos que foi prohibido por ser un produto químico perigosísimo. Usábase contra o escaravello da pataca e era loado así polos versos de Álvaro Cunqueiro:

Si non qués correr peligro
nin tú nin o teu gado,
compra sempre ZZ
para matar o escaraballo
(Conde 2010: 69).

Son varios os versos que Álvaro Cunqueiro dedica ao DDT, por veces ben ocorrentes, como aqueles nos que describe o encontro do escaravello macho coa súa femia:

¿Quizabes foi pulmonía ou iso que Celeirote chama urxencia e fantasía?
Pois resulta que non: Foiche o DDT probado que lle chaman ZZ (Conde 2010: 69).

O Celeirote era o alcume dun menciñeiro de sona, natural do lugar do mesmo nome, da parroquia de Fanoi no concello de Abadín.

E tamén é autor destoutros versos cómicos de propaganda do mesmo produto coma estes:

Dicen que aló en Panxamón
houbo unha conferencia
entre sete escaraballos
e sete homes de cencia

Pediu un escaraballo
a discusión do desarme
-Mátenme con coidado
si é que pretenden matarme,
pró vir armados os homes
con DDT hastra os dentes!
Iso vai contra o tratado
sobre o dereito de xentes
! (Conde 2010: 70-71)

Un dos grandes clientes de Álvaro Cunqueiro, en cuestión de encarga de versos para pedir o aguinaldo, era Panchiño do Xirolo:

Axudade a Panchiño
Dios volo agradecer
e que pasedes contentos
os lacós de Carnaval

Ou estoutros, en castelán:

Fui Panchito, y ahora soy
el Viejo Pancho, señores,
que anda por esta vida
cojo, solo y sin dolores.
si les pido el aguinaldo
es porque lo necesito
¿Compadézcanse de Pancho,
que es cristiano el pobrecito!
otros lo gastan en chicas
otros lo gastan en vino,
otros en jugar al tute
o en fumar de lo fino.
Yo lo gastaré en vestirme
y algo también en calzarme.
obra de misericordia
es sin duda el ayudarme.
Ahora que nace Jesús
en un establo en Belén
es hora que le den a Pancho
el santo aguinaldo. Amén
(Amencer 1991: 11).

A este Pancho do Xirolo dedicoulle moitos versos deste tipo, mesmo xa entrada a década dos sesenta, pero tamén llos compuxo a un limpabotas que se chamaba Rufilanchas (morto en 1963, vítima do alcohol metílico) el limpia más famoso que da brillo y quita manchas, a un esmoleiro que el chama Prócer Belarmino, que con temple de psicólogo sabe pedir la limosna al cubano aplexigado como a la encopetada señora, o famosísimo e humorístico Sermón de Luis Villares con motivo do novo ano de 1959, personaxe este Luis Villares que non quita o sombreiro para saudar porque se gasta e ao que lle dedicou varios poemas nun ton parecido.

Nesta liña, escribiu versos para pedir o aguinaldo a outros personaxes como a unha tal Antonia, vendedora de El Ideal,ou cantares de cego que logo cantaban polas feiras o Cego de Alvite ou a Cega de Viloalle.

Tamén lle debemos á revista Amencer a descuberta doutros textos populares da autoría de Álvaro Cunqueiro como estes dedicados á nena Remedios Ledo, filla do seu grande amigo Manuel Ledo Bermúdez O Pallarego.

Pedinlle eu a D. Felipe
que me fixese él un verso
pra botarllo a Xesús neno
a carón do Nacemento.
Medio quilo de xabón
nestes tempos de extraperlo,
val como un ollo da cara,
i-a todos nos ven al pelo.
Pro... non vos é pra vosoutros,
mal está en que eu o diga;
que é pra San José e o Neno,
e mais pra a Virxen María
Aquí queda, meus santiños,
¡mesmo parece que é queixo!,
sirve pra laval-a roupa,
e mais pra afeitarse o vello.
E si en máis podo servirvos,
preguntao aló no pueblo
por unha nena mui guapa
que é filla do Pallarego.


Porque son mui pequeniña
non che me deixaban vir
pero díxenlle a abuelita
que me trouxera hasta aquí.
Pensei traerche un regalo
unha rosquilla ou un bolo
pero aínda a min tuveron
que traerme aquí no colo
(Amencer: 2011, nº 215, 9).

Para concluír, diremos que en Cunqueiro o popular, os recursos aparentemente sinxelos da oralidade, son o seu referente do ben contar, igual que o seu afán de popularizar ao recrear, sempre con humor, a mitoloxía e os relatos míticos clásicos ou as fazañas heroicas.

Que os lugares da oralidade e da transmisión de saberes e da literatura popular son moi frecuentados por el, igual que os espazos literarios preferidos: tabernas, boticas e reboticas, cociñas, peiraos, feiras… pero tamén camiños, encrucilladas, castros… Tal sucede cos personaxes populares que son, nunha alta porcentaxe, os protagonistas da maioría dos seus relatos e historias.

Xunto con moitos temas da literatura de tradición oral onde se fala de encantamentos e desencantamentos ou de fábulas protagonizadas por animais, aparecen personaxes propios da mitoloxía popular galega, como poden ser os mouros, tesouros, trasnos, encantos, ánimas e outros monstros, xunto con outros seres das mitoloxías clásicas como as sereas ou os personaxes heroicos, desde Roldán ou Carlomagno, Arturo, Merlín ou Simbad, relixiosos como San Gonzalo e San Froilán e tantos outros.

Aínda que Cunqueiro entenda o oficio de contar como imprescindible e irrenunciable e teña a necesidade de transmitir historias, noutros lugares tamén nos di que a súa ilusión é imitar referentes como o Manual de zoología fantástica de J. L. Borges ou o Diccionario Infernal de Collin de Plancy, obras que tanto cita e pon como exemplo dalgúns proxectos propios.

Dá preferencia á necesidade que sente de crear, de inventar os seus persoais seres míticos, cando, por exemplo, dá forma ás súas Novidades do mundo e da fauna máxica onde co lobo, co golpe, coa galiña ou co cuco fai convivir ao Demo oveiro, Demo Lionardo, Gatipedro, Tordavisco, Murigante, Bulimarte, Sorisco ou o Velagullas.

Cunqueiro é sabedor de que as culturas populares son o gran decantador das interaccións entre as tradicións orais e as fontes eruditas, mais, aínda que insista unha e outra vez na súa vontade de imitar as maneiras, temas e textos populares, non se pode considerar, coa excepción do comentado anteriormente ao referírmonos aos poemas de aguinaldo, de cego ou de propaganda da década dos 50, un recreador da literatura tradicional ou popular.

Abondaría para deixar probada esta afirmación a análise de Tesouros novos e vellos, o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, no que as referencias á nosa tradición son escasas e non determinantes para as a súas conclusións.

Cunqueiro declara máis dunha vez, e de dúas, que a máxima satisfacción á que pode aspirar un escritor é tropezar algún día con alguén que o sorprenda contándolle unha historia creada ou inventada por el como se fose unha historia tradicional, vella, con pouso xa na cadea de transmisión oral. E isto si que é revelador do que el desexa: crear, inventar, fabular e chegar con esas historias de seu ao corazón da xente, como tantos relatos tradicionais que se popularizan e se recontan unha e mil veces. Álvaro Cunqueiro desexa que o que el inventa guste até ese punto.

Mais Álvaro Cunqueiro é un escritor de rexistro culto que decanta, que trasfega e depura e que tamén tira proveito dos recursos, da simboloxía e claves da cultura popular galega e, en xeral, de todas as culturas populares, pero tamén de todo canto dato se lle pon por diante, veña de oriente ou de occidente, sexa antigo ou moderno, culto ou popular.

Con todo iso, sementou, alimentou, fertilizou e construíu, grazas á súa enorme capacidade para enfialo, o seu espléndido edificio creativo. Unha obra, no seu conxunto, única e irrepetible.

© Antonio Reigosa

Nota

___Texto elaborado para participar no faladoiro  “O popular na obra de Álvaro Cunqueiro” organizado polo Consello da Cultura Galega e  que tivo lugar en Lugo o  2 de xuño de 2011.

Publicado anteriormente na web do Consello da Cultura Galega

 

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: