Actualizado en data 18/10/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

nº 10 (2014).-REIGOSA, Antonio:O poder do Alicornio

O meu amigo, o antropólogo Rafael Quintía Pereira, acaba de publicar un fermosísimo libro que responde ao título “Alicornio. O poder do corno de Unicornio na medicina tradicional galega”. Rafa Quintía é un home inquedo e sabio, e, como ten feito con outras moitas das súas publicacións e investigacións, responde aquí, unha por unha, a numerosas interrogantes que a todos os demais mortais nos poden parecer irresolubles. Existen os Unicornios? Como e de onde son? Cando chegaron os Unicornios a Galicia? Teñen realmente poder os cornos de Unicornio? E aínda unha cuestión non menor nestes tempos tan falsarios: Existe fraude no comercio de cornos de Unicornio? Respostas que o noso amigo vai debullando, capítulo a capítulo, unha tras outra, coa serea convicción de quen amosa o seu saber unha vez contrastadas e interpretadas con criterio as fontes documentais. Lendo este libro descubrimos que sempre tivemos necesidade de crer nestes seres que no noso país soemos chamar Alicornios ou Licornes, coas súas variantes, e que a confianza nos seus efectos beneficiosos para a saúde vennos de moi antigo. O Unicornio xa se menciona nos libros sagrados e científicos dos primeiros séculos desta era, e desde entón ata agora mesmo chegaron ata nós inxentes cantidades, en pezas, anacos ou en po, da parte nobre e máis útil do animal, o seu marabilloso corno. O éxito deste exótico remedio foi por moitos séculos incuestionable. Boticarios e cregos, sabias e curandeiros, fixeron del obxecto de culto e de negocio. Entre a xente do común posuír ou poder dispoñer deste amuleto equivalía a ter a man un seguro de vida; como se houbese SERGAS durante case toda a nosa historia. O Unicornio máis fermoso é o que se describe con figura de cabalo branco, con un só corno na fronte, ás veces con zancas de antílope e perilla de chivo. Para darlle caza debemos pedir a axuda dunha moza virxe que lle ofrece botar un sono na almofada do seu colo. O Unicornio cede ao engano, agacha a testa, réndese e, por fin, adormece. O autor do libro di ter escoitado falar de unicornios negros, incluso azuis, e aínda doutros ben diferentes. Mais, oi iso cremos nós, o Unicornio verdadeiro só pode ser este, tan fermoso e tan incauto, con figura de cabalo branco inmaculado. Usos do Alicornio Desde reis ou raíñas ata os máis humildes humanos, fixeron uso dos poderes do corno de Alicornio. Para picadas e velenos, para mordeduras e feridas, contra o mal de ollo, epilepsia, lepra, gangrena, para rexuvenecer e ata para cambiar de sexo. Como amuleto contra conxuros e apócemas, para os males da cabeza, contra “soños de vulto” (cando ademais de ver, apalpas o que soñas) …, en fin contra case todos os males e a favor de case todo, tanto para persoas como para animais. A fe na existencia real deste animal forzou a morte certa dun innúmero de seres cornados (rinocerontes, narvais, cabalos, cervos, …) que foron sacrificados para que o mito do Unicornio sobrevivise ata os nosos días. Todas estas criaturas inocentes, vítimas dese devezo enfermizo que temos os humanos por acadar a ilusión de ser inmortais. Sabémolo ben en Lugo, pois na Xoiería Refojo confeccionan desde quen sabe cando un anel con prata de sete marías (que pertencese a sete mulleres chamadas María) cun estoxo onde se metía po de corno de Alicornio ou da Gran Besta; en caso de escasearen esta materia prima tamén valían as raspaduras de vacaloura. Usábase contra a epilepsia. San Genadio e o Unicornio do Bierzo Un dos últimos apartados do libro dedícao o autor ás lendas arredor dos Unicornios ou Alicornios. Son relatos que nos axudan a descubrir bestas unicornias galegas, bercianas, zamoranas, navarras, estremeñas, manchegas, europeas … que nos amosan a convicción dunha longa tradición cultural arredor dun fenómeno absolutamente imaxinario. Entre as lendas que nos trae Rafa Quintía, a min gústame especialmente a de San Genadio, un home santo que andou de eremita polo Bierzo aló polo século X na compaña dun Unicornio; un Unicornio humilde, tal canciño que en compaña do anacoreta andaba polos arredores de Penalba de Santiago. Parece que aquel Unicornio entendía a fala daqueles nosos devanceiros pero que, sobre todo, era moi despistado. Un día descarreirouse e foi dar a San Pedro de Montes de Valdueza. E alí quedou, a vivir entre os veciños ata que morreu. E cando isto sucedeu, as xentes daquelas fermosas espenucas entenderon con asisado criterio que se trataba dun corpo santo, e que como tal merecía veneración. Claro que daquel corpo, por moi santo que fose, o que máis lles interesaba era o seu corno pois sabían que botando algunhas raspaduras nas augas, ora turbas e infectadas, volvíanse milagrosas. Mais a verdadeira razón pola que Rafa Quintía se puxo a investigar as orixes e usos deste poderoso amuleto foi ver na súa propia casa un Alicornio herdado xeración tras xeración pola súa familia materna. Un lindo corno de Alicornio que con só miralo estarrece os sentidos e fai traballar a imaxinación. Cando un ten, como Rafa Quintía, a posibilidade de ter nas súas propias mans un destes obxectos, ten que sentirse meigo e se a ocasión o pide, eu non o dubidaría, atreverse a usar o seu poder para enmeigar. Só así poderemos saber se o Unicornio existe ou se é produto exclusivo dunha fantasía secular.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: