Actualizado en data 15/12/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

REVISTA (ISSN 1887-2859)

CATEGORÍAS RELACIONADAS

nº 08 (2012).-QUINTÍA PEREIRA, Rafa: A cidade somerxida da Lanzada

©Rafa Quintía Pereira © Revista electrónica de investigación Galicia Encantada (http://www.galiciaencantada.com) / ISSN 1887-2859. nº 8, ano 2012. __________ Ás veces, a historia e a mitoloxía combínanse de tal xeito que crean fermosas lendas, ou crenzas, como a da cidade asolagada da Lanzada. As lendas recollidas en Noalla falan de misteriosas construcións baixo o mar. Unhas contan que baixo a illa Outeiro da Lapa —fermoso promontorio que antano foi castro— existen secretas galerías e un túnel oculto que uniría este lugar da costa coa illa de Ons. Outras lendas din que dende a ermida da Lanzada —ou dende o Outeiro da Lapa— e ata a punta de San Vicente do Mar hai un muro de silvas baixo o mar que marca un camiño polo que se podía cruzar ata a península do Grove. Segundo algunhas teorías interpretativas, o mito das cidades somerxidas —común a moitos países atlánticos— recolle a idea do valor simbólico do mar e das augas como porta de paso ó Máis Alá. Estas cidades son as cidades dos mortos e como tales están ó outro lado das augas, no Alén. Os seus moradores son mouros e outros seres mitolóxicos. Como mouros eran tamén, segundo o folclore local, os que foron enterrados nas tumbas da necrópole do Campo da Lanzada. Pero cabe tamén a posibilidade de que estas lendas de estruturas baixo o mar conteñan a lembranza dun antigo asentamento na zona que sería comesto polas augas. Mais non adiantemos acontecementos. Ata aquí o que contan as lendas pero que nos di a historia? Pomponio Mela, na súa “Chronographia”, fai unha descrición da costa galega situando a cidade de Lambriaca entre a desembocadura dos ríos Laero (identificado con Lérez) e o Ullam (identificado co Ulla). O mesmo entrante, abarcando a cidade de Lambriaca, recibe os ríos Laeron e Ullam, deixou escrito o xeógrafo latino aló polo século I da nosa era. Ó longo do tempo moitos foron os investigadores que tentaron localiza-la mítica cidade citada por Mela. No século XVIII o ilustrado Cornide y Saavedra, no seu “Mapa geográphico de la antigua Galicia”, sitúa na zona da Lanzada a antiga cidade de Lambriaca. Pola súa banda, o Padre Sarmiento fala da existencia dunha cidade afundida nas proximidades da torre da Lanzada debido ó avance do mar sobre a terra. Proceso polo cal, segundo o erudito, as augas que bañan a baía da Lanzada pasarían a coñecerse popularmente como Mar Novo. O Padre Sarmiento, na súa obra “Onomástico etimológico de la lengua gallega”, pon en relación a lenda da cidade somerxida cos sepulcros de laxas e ladrillos que, de cando en vez, aparecían na praia de Foxos como resultado da erosión do mar que devoraba o chan no que se localizaban os antigos enterramentos. Sarmiento argumenta que ninguén construiría os seus enterramentos onde o mar os puidese levar, do que se deduce que cando se fixo a necrópole —que el atribúe ós romanos— esta debía estar moi distante da acción do bravo mar da Lanzada. Estes feitos, e apoiándose nos textos clásicos de Mela, sérvenlle para argumentar que esa cidade asolagada era a famosa Lambriaca.

El que pasare a la romería de Nuestra Señora de la Lanzada, y al pasar a la hermita mira a poniente, verá a su izquierda, a doce pasos, un semicírculo que aquel mar bravísimo hizo socavando la tierra. En el terreno de este semicírculo se descubrieron ocho o nueve sepulcros, es impulso del mar, que sacó los huesos y los hizo flotar. […] El sitio está distantísimo de casa alguna, excepto la hermita. El mar es bravísimo y bate contra el sitio ¿No será fatuidad creer que, si el mar llegaba allí, ahí se habían de poner sepulcros? Luego es creíble que el mar estaba distante de allí, y que por acaso por allí había algún lugar o ciudad. El sitio no puede ser más a propósito, y estoy inclinado a creer que hacía allí estaba la ciudad Lambriaca, que trae Pomponio Mela, y no aparece.

Nos anos vinte Joaquín Sánchez Peña facíase eco no “Heraldo gallego” da localización da cidade de Mela nesta costa de Noalla:

Más tarde se fundó aquí la renombrada ciudad griega de Lambrica, o estribo de puente, que, al decir de los historiadores, se miraba en el río Umia y era alumbrada por el faro de la Lanzada. En ese sitio aún hace poco descubrió el mar nueve sepulcros con sus correspondientes esqueletos. Esta ciudad la atacó Junio Bruto, 45 años antes de Jesucristo, con objeto de extraer estaño. Debió quedar enterrada por una fuerte irrupción del mar.

Sería Murguía quen rexeitaría a localización de Lambriaca na costa de Lanzada pois, segundo as súas deducións, a cidade citada por Mela estaría situada na desembocadura do Umia. Os historiadores actuais non atopan argumentos fiables para soste-la afirmación de Sarmiento, co que se descarta que Lambriaca estivese localizada xunto ó santuario da Lanzada. Pese á súa afirmación primeira de que Lambriaca puidese estar alí, Frei Martín Sarmiento vai variando de opinión ó longo dos anos e así, nalgún dos seus escritos, decántase por localizala na parroquia pontevedresa de Lourizán, mentres que outras veces faina coincidir coa vila de Pontevedra:

El que dixere que (Pontevedra) se llamó ciudad de Lambriaca, famosa y única ciudad de aquellas marinas y de la cual da expresa noticia Pomponio Mela, no diría un gran desatino geográfico. No es inverosímil que Pontevedra sea la Lambriaca de Pomponio Mela.

Esta hipótese foi aceptada tamén por González Zúñiga, García de la Riega ou Álvarez Limeses que pensaban que Lambraica era a antiga vila de Pontevedra. Non faltan investigadores que identifican a cidade de Lambriaca coa Flavia lambria que cita Ptolomeo na súa “Geografía” ou coa Lansbrica, identificada coa citania castrexa de San Cibrán de Lás, en Ourense. Pese a todas estas teorías, a localización real de Lambriaca, hoxe por hoxe, segue a ser un misterio para os arqueólogos e historiadores galegos. A principio dos anos oitenta fíxose unha prospección arqueolóxica subacuáticas fronte á Punta da Lanzada, á altura da praia de Foxos, coa intención de localizar restos somerxidos relacionados co xacemento do Campo da Lanzada, así como para comproba-lo estado de conservación do pecio do século XVIII que descansa nestas augas do Noalla. Se ben na prospección non se localizou ningún resto arqueolóxico relacionado co xacemento de terra firme, cómpre dicir que, por falla de presuposto, só se realizou unha inmersión, co que o traballo de investigación subacuática foi moi limitado e non chegou a concluírse, mantendo vivo o enigma de se existen ou non ruínas baixo o mar da Lanzada. Recentemente, con motivo dunha presentación do meu libro “A Nosa Señora da Lanzada. Estudio antropológico de un sanrtuario costero” unha veciña de Noalla, xa de idade avanzada, achegouse a min e reveloume a clave do enigma da cidade asolagada da Lanzada. Segundo lle contará a súa bisavoa, fronte á ermida da Lanzada e a praia de Foxos existía antigamente unha vila de nome Vila do Carme que tiña un importante porto. Din que no porto había canóns de ferro como os que se poden ver na urbanización de Pedras Negras, en San Vicente do Mar. Esa cidade e o seu porto foron destruídos pola crecida das augas, feito catastrófico que obrigou a que se tivese que construír un novo porto, o que daría lugar ó nacemento da vila mariñeira de Portonovo. Pero aínda hoxe, e así mo afirmou a boa señora, é posible ver baixo as augas do mar da Lanzada os vellos muros e valados cubertos de silvas da desaparecida Vila do Carme que un día as augas quixeron cubrir. Quizais o topónimo Porto Mouro —cabo da costa de Noalla— faga referencia a ese antigo porto devorado polas augas do Mar Novo da Lanzada. Pero, se temos en conta —como afirma o filólogo Isidoro Millán— que a palabra latina maurus (de onde deriva mouro) procede do céltico mrvos que nos leva ó latín mortuus, é dicir, mortos; é posible que o Porto Mouro de Noalla faga referencia ó mítico lugar de onde partían as almas cara o Máis Alá, esas mesmas almas que en forma de Santa Compaña baixaban polos campos da Barreira e paraban no campo da Lanzada antes de emprende-la derradeira viaxe ás illas do Benaventurados. Gardarán todas estas historias a lembranza mitificada polo pobo daquel poderoso emporio comercial que foi o castro da Lanzada? Farán referencia a outra vila perdida? Ou corresponderán a determinados sistemas interpretativos e de ordenamento da realidade que rexen o noso mundo simbólico? Quen sabe, ata é posible que nunca cheguemos a coñece-la verdade destes feitos pero, que máis ten, iso non nos vai facer estragar unha boa historia tecida polo pobo ó longo do tempo, a historia da cidade asolagada da Lanzada e o seu porto perdido.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: