Actualizado en data 15/12/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

REVISTA (ISSN 1887-2859)

CATEGORÍAS RELACIONADAS

nº 07 (2011).-VAAMONDE, Pablo: As doenzas

As doenzas © Pablo Vaamonde García (Médico de familia. SAP Labañou (A Coruña) © Revista electrónica de investigación Galicia Encantada (http://www.galiciaencantada.com) / ISSN 1887-2859. nº 7, ano 2011. (Artigo publicado anteriormente en Cadernos de Atención Primaria (Edita: AGAMFEC, Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, Ano 2010, volumen 17, páx. 222-228 Serie: Medicina Popular en Galicia III _________ 1. INTRODUCCIÓN O meu barrio Desde hai máis de vinte anos vivo e traballo en Labañou, na cidade de A Coruña. Trátase dunha barriada popular, deitada á beira do monte de San Pedro, onde se agocha o sol ao caer a tarde. É moi venteada todo o ano e ten a un tiro de pedra o estadio de fútbol e a praia de Riazor. Noutro tempo tivo sona de terra confl itiva, afectada pola droga e por actividades Delictivas de baixa intensidade. En algunhas casas están os avós a cargo dos netos. Hoxe é unha zona tranquila , que medrou de xeito desmesurado ao engadírselle a urbanización das Roseiras onde antes só había algunha leira cultivada e moita bouza abandonada. O paseo marítimo abriulle ao barrio as portas do mar. Ata hai uns anos, á beira das rochas só había maleza, casetos con animais domésticos e algunha chabola habitada por indixentes. Agora os domingos pola mañá moitos coruñeses pasean a fan deporte nesta parte da cidade, onde o obelisco Millenium rivaliza en altura coa torre de Hércules e, entre as dúas, enmarcan a entrada da enseada do Orzán. Unha parte importante dos que aquí vivimos ainda temos aldea. Aló están os nosos pais ou os nosos irmáns, e as fi ns de semana imos de visita para regresar cos maleteiros cheos de patacas, ovos e verdura. Hai moita xente procedente de Lugo e Ourense e das vilas do interior de Coruña (Arzúa, Melide, Curtis...). A presenza do idioma galego na vida diaria é moi importante, aínda que non exclusiva. E tamén están vivas moitas crenzas e interpretacións do mundo que proceden do mundo rural. O imaxinario colectivo da poboación desta barriada, (o que axuda a entender a vida e a moldear a relación cos demais), está construído sobre unha base procedente da aldea e que se transmite de xeración en xeración, xa que a relación, aínda que debilitada polo paso do tempo e a infl uencia doutras culturas aportadas pola vida urbana e polos medios de comunicación, tamén sigue viva. Sei de algunhas persoas que creen na Santa Compaña, que confirman a existencia do mal de ollo, que acoden con regularidade a algún santuario para cumprir unha promesa e que, de cando en vez, visitan cincuenta anos. Nas xeracións máis novas esta cosmovisión está a esmorecer e as buscas de axuda terapéutica fora dos circuítos ofi ciais diríxense, máis ben, cara a acupuntura, a homeopatía, a herboristería, a quiropraxia e outras ofertas máis modernas das chamadas “medicinas alternativas”. No fondo da cuestión persiste unha mesma crenza: hai males e doenzas que non son de médico, e aos que a medicina científi ca non sabe dar resposta. Non é doado que un paciente confirme, no decorrer dunha consulta médica, que tamén acude ao curandeiro. Pero despois de tantos anos, e cando existe unha relación de confi anza, algúns non teñen reparo en confi rmalo. Os médicos non podemos favorecer que as persoas acudan ao curandeiro, por suposto, pero entendo que debemos escoitar e atender con respecto a quen ten estas conviccións xa que, en moitos casos, aportan alivio e conforto a quen utiliza estes recursos. Forman parte dunha maneira de entender a vida e de explicar a irrupción do malestar ou da doenza que, desde un punto de vista antropolóxico, ten tanta validez como os argumentos que aporta a ciencia e a medicina moderna. Só debemos combater estas prácticas cando sexan claramente prexudiciais para o doente. Cando, pola natureza da propia doenza ou das terapias a utilizar, o recurso ao curandeiro ou a outras “medicinas alternativas” poida provocar danos derivados da evolución da enfermidade ou do retraso en aplicar o tratamento preciso; daquela deberemos ser infl exibles e argumentar de maneira sólida e convincente para evitar a interferencia prexudicial destas prácticas. Historias de medo Nacín e crieime nas terras do Val de Barcala, por onde discorre o río Albariña (antes moi troiteiro) procurando atoparse co Tambre, perto de Negreira, para seguir despois xuntos ata dar co mar, xa perto de Noia. Ben podedes entender, polo tanto, que estas cuestións, que agora recordo nos libros, non me son alleas. Coñézoas de primeira man. Recordo un tempo, que me semella moi próximo, en que non había televisor nas casas. Eran os primeiros anos da década dos sesenta. Daquela as noites do inverno eran longas e tiñamos moito tempo para contar historias á beira do lume. Había relatos e contos de todas as cores, pero nalgún momento da noite falábase de aparecidos e sempre había alguén que se atopara coas luces da Santa Compaña. Teño moi nidia na memoria a vivencia das noites de esfolla, cando se xuntaban os veciños da aldea para axudarse uns aos outros. Na casa de Marcos amoreaban as canas do millo no enorme pallal e durante varias noites reuníase un numero variable de persoas de todas as idades. Mentres esfollabamos as espigas unha a unha, que se iban recollendo nos cestos para despois gardalas no hórreo, xurdían as picardías, as risas e tamén as historias de medo. O señor Manolo era experto nesta materia e sabía poñer moi ben os efectos especiais. Penso que se demoraba no relato para apreciar a reacción que producía nos máis cativos. Había historias de lobos famentos que baixaban en manada ata chegar á beira das casas, de reptís pezoñentos que entraban por debaixo das portas e chegaban a meterse ao quente, debaixo das sabas. Tamén relataba, con todo luxo de detalles, o tránsito da Estadea polas corredoiras da comarca e reproducía fi elmente o ruído das cadeas e o lamento das almas en pena. Ao seu paso enmudecían os cans e acudían os gatos a agocharse na leñeira da cociña. Sempre, despois de tar pasado, ocorría algunha morte na parroquia. Noutras ocasións relataba, con moito acompañamento anomatopeico, os numerosos episodios nos que tiña participado o Trun, o enterrador da parroquia. A emocionante e intensa vida deste home levárao a coñecer casos de persoas soterradas en vida e mesmo a toparse en moitas ocasións coa procesión das ánimas, que o obrigaban a sumarse á comitiva e recorrer camiños durante toda a noite ata aparecer, no abrente, no medio dunha silveira ou no fondo dunha corredoira. Había un pouso de ironía nestas historias, xa que non deixaba moi claro se se trataba de auténticas Experiencias sobrenaturais ou, máis ben, da excesiva afección do personaxe á caña de herbas. O que sí conseguía sempre o señor Manolo era deixarnos aos rapaces co corazón encollido no peito e o medo instalado nos ósos. Volvíamos para a casa, correndo na escuridade e, xa metidos na cama, sempre reclamabamos á nosa nai que deixase unha luz acendida e a porta aberta. A óptica da psiquiatría O doctor Luís Ferrer i Balsebre, actualmente xefe do servizo de Psiquiatría do Hospital de Santiago de Compostela, naceu en Madrid e formouse como psiquiatra no hospital de Toén (Ourense). Presentou a sua tese doutoral na Universidade Complutense de Madrid no ano 1991 (“Antropología Médica de la parroquia de Olelas. Municipio de Entrimo”). Non consta que ningún psiquiatra fi xera a tese de doutoramento sobre temas de medicina popular desde que o doctor Cabaleiro Goás tivese lido a súa en Madrid, dirixida por Laín Entralgo, no ano 1953 (“A psiquiatría na medicina popular galega”). Despois de tantos anos a sensación de extrañeza segue a estar presente nas verbas do doutorando. Así se expresaba no capítulo adicado vá “folkmedicina”: “Para calquera profesional da medicina que aspire a exercer a profesión en Galicia é toda unha sorpresa, case un desconcerto, comprobar o fondo calado e a extensión que posúe a chamada medicina popular. Crenzas, mitos, Supersticións e paramedicinas que adoitan ser o primeiro lugar de consulta para o paisano galego. No exercicio concreto da miña especialidade este feito é notablemente chamativo. Puiden comprobar como, na práctica totalidade dos pacientes consultados que proviñan do medio rural, tiveron contactos previos con algún dos recursos “paramédicos” presentes nesta cultura. Atreveríame a asegurar que, na maioría dos casos, o paisano acude ao médico como unha alternativa sempre secundaria ao conxunto de remedios ofertados polo seu medio cultural”. O autor da tese expresa deste xeito a súa sorpresa e entende que estas prácticas son algo peculiar da cultura galega. O antropólogo Mariño Ferro, no seu libro “A medicina popular interpretada”, afirma que este tipo de interpretacións e prácticas populares existen en numerosos puntos da xeografía humana. Segundo a concepción tradicional a doenza pode deberse a causas naturais e sobrenaturais. Neste segundo caso o recurso ao curandeiro, e a outros recursos das “medicinas simbólicas”, forma parte das crenzas populares nas máis diversas culturas do mundo. Recolle e documenta diversas prácticas deste tipo realizadas en diversos lugares de Italia, Francia, Inglaterra e nos distintos pobos de España. Para explicar a pervivencia destas prácticas nos anos fi nais do século XX o doctor Ferrer argumenta: “Hai que precisar que, antes de existir títulos universitarios de Medicina, alguén tiña que predicir e curar: barbeiros, magos, adiviños, bruxos, etc. , nun pobo aillado, onde a medicina ofi cial chegaba tarde e difi cultosamente por motivos culturais e físicos. (..) O título ofi cial de médico só se remonta ao século XVII. Namentres, o home foi atendido na súa enfermidade por toda clase de protomédicos, que aínda persisten en terras de Galicia, e que –convén resaltalo- aínda seguen a axudar ao home enfermo por máis que se escandalice a medicina ofi cial. A tan denunciada falla de relación médico-enfermo atopa o seu bálsamo en xentes que non só a manteñen senon que fan dela a base do seu poder curativo. O doente precisa que o intenten comprender xa que o seu mal, en ocasións, cura con palabras e non con medicinas. Necesita, e recordo a obra de Levi-Strauss, depositar a confi anza en alguén que crea superior e que, na Galicia profunda (e na outra, moito máis do que pensamos) a cultura defi ne nunha escala de valores que non sitúa nos primeiros chanzos os títulos ofi ciais, as batas brancas e a linguaxe técnica”. 2. CRENZAS OU SUPERSTICIÓNS As primeiras aproximacións por escrito á medicina popular en Galicia foron ealizadas coa intención de combater e desterrar o que consideraban prácticas supersticiosas, froito da incultura e da credulidade das xentes do rural. O padre Feixóo, seguindo o espíritu da Ilustración, entende que para mellorar a cultura do pobo é preciso denunciar a superstición e o escurantismo. Considera que as prácticas da medicina popular nacen da ignorancia e por eso adica varios discursos a atacar as prácticas dos curandeiros. Menciona aos saludadores que sopran sobre os doentes, os que camiñan sobre as brasas acesas, etc. Máis as súas críticas móvense nun plano xeral. Será o médico Xesús Rodríguez López, que se considera continuador da obra do padre Feixoo, quen, nos comezos do século XIX, analice máis polo miúdo estas prácticas no seu libro “Superticiones de Galicia y preocupaciones vulgares”. O doutor Rodríguez López naceu en Lugo en 1859 e morreu na mesma cidade en 1917. Estudou medicina en Santiago e exerceu como médico na súa terra. No prólogo da cuarta edición dou seu libro afi rma García-Sabell: “Esta obra ten por misión contribuír a desterrar as falsas crenzas do pobo galego (..). Desde unha perspectiva positivista a superstición é unha doenza. E si a ignorancia é a súa causa o repertorio terapéutico só pode ter un nome: cultura”. Ese é, pois, o obxectivo principal deste libro iniciático: facer un catálogo das supersticións e falsas crenzas do pobo para poder combatelas por medio da razón e do pensamento. Así o expresa o propio autor: “Propóñome facer ver aos engañadores, botadores de cartas e curandeiros que coñecemos esas prácticas e esas oracións que eles ocultan tanto e que no seu misterio fundan a virtude que lles atribúen para fovorecer a súa engañosa industria. Os meus primeiros e máis crueis enemigos son os que ainda teñen fe nas supersticións que sinalo”. Por ser unha herdanza do pasado a superstición convértese nun elemento para reconstruír a historia da humanidade. Por eso o obxectivo do seu libro é “coleccionar as supersticións para que o día de mañán sirvan de curiosidade histórica”. No anexo II veremos, a modo de exemplo, algunhas das crenzas recollidas no seu día por este autor. Esta óptica positivista marcou as diferentes aproximacións a este fenómeno cultural durante décadas ata os anos sesenta cando, á sombra dos traballos de Carmelo Lisón Tolosana e Julio Caro Baroja, realízanse as primeiras aproximacións antropolóxicas á medicina popular e publícanse alguns estudios de etnomedicina en Galicia: Rof Carballo, García-Sabell, Cabaleiro Goás, Antonio Rodríguez López, Marcial Gondar, Emilio González, David Simón, Santiago Lamas e Mariño Ferro son autores de diversos traballos que analizan a medicina popular desde esta nova óptica. Aparece, pois, unha ollada diferente que tenta comprender a medicina popular en relación coa cultura da que nace. O antropólogo Mariño Ferro, que viveu unha temporada cos indios bolivianos e fixo a tese de doutoramento sobre ‘Muerte, religión y símbolos en una comunidad quechua’ (1984) afirma con rotundidade (“A etnomedicina en Galicia” en “Espiritados”): “Grande parte do sentimento de inferioridade cultural que teñen os nosos labregos ven do desprezo con que os ilustrados tratan a súa cultura. Porque a popular é unha cultura, certamente distinta da urbana moderna, pero unha cultura”. E argumenta máis adiante: “Non existen crenzas vanas, crenzas xurdidas da ignorancia. Toda crenza ten unha ou varias funcións que cumprir. A misión do antropólogo consiste en descubrir esas funcións. Os resultados son espectaculares: donde se agardaba atopar unha especie de homes primitivos con mente pouco lóxica e desenvolvida descubrimos un pensamento perfectamente racional. Eso sí, acorde cos ideais da propia cultura. Os quechuas, os navaho ou os pigmeos non son pobos supersticiosos: son pobos con crenzas distintas das nosas”. Elisardo Becoña (“La actual medicina popular gallega”, 1981) tamén argumenta nesta mesma dirección: “En todo o material recollido non hai unha miga de superstición. Explicareime. Existe en moitos sectores a costumbre de considerar superstición ou ´fora do normal` a todo un conxunto de cousas que descoñecemos e atribuímos este apelativo polo descoñecemento das causas e o por qué das mesmas. Atribúese esta consideración a todos aqueles procedementos extraños que non encaixan coa mentalidade establecida, estando encuberto, no fondo, o intento de impoñer outra mentalidade diferente”. En conclusión, dacordo con Mariño Ferro, “o achegamento á medicina popular recorreu un longo camiño: desde cando se pretendía facela desaparecer poñéndolle a etiqueta de superstición, que a rebaixa ao mundo do irracional, ata os traballos de antropólogos e etnopsiquiatras que van descubrindo unha linguaxe simbólica perfectamente artellada, unha necesaria concordancia co tipo de sociedade na que se produce e, ademáis, en moitos casos, unha efi cacia irrefutable. É de agardar que, no futuro, novos investigadores e perspectivas novas enriquezan a nosa visión da medicina tradicional”. 3. CATÁLOGO DE DOENZAS Lis Quibén recolle no seu libro “La medicina popular en Galicia” un amplísimo e documentado catálogo de doenzas, cos seus respectivos remedios, recopilado por toda a xeografía galega. A aportación documental resulta abrumadora. Mariño Ferro (“La medicina popular interpretada”) recolle e analiza desde o punto de vista antropolóxico, unha xenerosa e ben documentada relación de males e as prácticas sanatorias aplicadas en diversos puntos do país. Máis, para o fi n que aquí se persigue, que non é senon unha aproximación divulgativa a este fenómeno, usaremos o catálogo de doenzas sintetizado, de xeito breve e pedagóxico, por Elisardo Becoña. Ainda que o número e variedade das doenzas é grande este autor agrupounas como segue: 1.- Mal de ollo, envexa, para defenderse das bruxas, da envexa, de tódolos males, feitizos. 2.- Aires (araña, becho, cemiterio, camiño, animal, defunto, gato, mala muller, roupa, vasoira, sabandixa, toupeira, etc.). 3.- Posesión de espíritus (bos e malos). 4.- Intervencións sobrenaturais (exemplo: vía santos, corpos abertos, espiritistas, etc.). 5.- Enfermidades infantís, como as lombrigas, anemia, ourizós, paletilla, papeiras, úlcera ou cachucha, sarampelo, etc. 6.- Enfermidades das vías respiratorias, como catarros, constipados, gripes, anxinas, tosferina, pulmonía, asma, tuberculose, etc. 7.- Problemas e enfermidades relacionadas co embarazo e o parto, como desquitarse, mal parto, problemas da matriz, peito malo, conservación dos rapaces, bautismo anticipado, etc. 8.- Infeccións, como graos, flemóns, picaduras de abellas, de bechos, collizos, etc. 9.- Dores, de estómago, barriga, cabeza, boca, lombo, pernas, oídos, menstruación, etc. 10.- Enfermidades da pel, como desipela, eccema, herpes, empinxa, espullas, callos, sabañóns, calvicie, caspa, sarpullido, sarna, tiña, etc. 11.-Enfermidades tradicionais, como avenida, campanilla, tiriza, lamparóns, escrófulas, hipo, etc. 12.-Outras enfermidades: reuma, feridas, hemorraxias, diarreas, estreñimentos, almorranas, insolación, insomnio, pedras nos riles, queimaduras, asombramento, etc. Algúns dos termos que aquí fi guran xa desapareceron do noso vocabulario. Teño a certeza de que provocarán asombro aos profesionais sanitarios máis novos, sobre todo aos de procedencia urbana, que nunca oiron nomear estes procesos. Máis, con todo, esta erminoloxía sirveu, durante moitas décadas, para poñerlle nome ás doenzas e para dar soporte a unhas prácticas terapéuticas que, ainda que custe entendelo, provocaban alivio e mesmo a curación das persoas afectadas. Pode observarse que, neste amplio catálogo de doenzas, hai procesos mórbidos de diversas clases. Entende Becoña que as enfermedades poden clasifi carse en tres categorías: físicas, mentais e sociais. A doenza física é aquela que se refi re a procesos patolóxicos do noso corpo, e a súa causa é orgánica. A este tipo de procesos a medicina ofi cial dalle unha resposta axeitada; os medios diagnósticos actualmente dispoñibles e as terapias utilizadas, fundamentalmente os fármacos, son útiles para curar ou aliviar estes procesos con grande efi cacia. A día de hoxe, cando as persoas se ven afectadas por un proceso deste tipo adoitan acudir ao médico e non aos sanadores tradicionais. A enfermidade mental é aquela da que non coñecemos a causa. A curación é máis difícil que na doenza física. No medio urbano as persoas con problemas de tipo psicolóxico adoitan acudir aos especialistas en saúde mental. Co tempo está a desaparecer o estigma que hai anos acompañaba a visita ao psiquiatra, pois entendía a xente que a doenza psíquica era froito da debilidade ou dalgún defecto persoal. Pero no medio rural e nos barrios periféricos das ciudades non é infrecuente que as persoas con problemas afectivos ou con doenzas psiquiátricas busquen axuda, nalgún momento do seu periplo en busca de remedio, aos curandeiros ou aos santuarios. Nun artigo publicado por Xosé Mazaira e David Simón (“Aprendendo a ser psiquiatra e curandeiro” en “Espiritados”) remataban coa seguinte recomendación: “Suxerimos a todos os residentes da nosa especialidade que non deixen de visitar, cos cinco sentidos ben despertos, a romaría do Corpiño. É o vintecatro de xuño en Vila de Cruces”. O terceiro tipo de enfermidade é a social. Consiste nunha determinada doenza, froito da mesma cultura na que estamos mergullados. Un exemplo de doenza social sería o mal de ollo. Dacordo coa interpretación popular a persoa aollada padece unha serie de síntomas mórbidos que foron producidos por alguén coñecido que lle bota o “mal de ollo”: unha ollada maligna e perxudicial que dana a saúde, producida xeralmente por un sentemento de envexa: o aollador sinte rencor polo éxito, o benestar, a saúde ou a felicidade do aollado. En realidade afectados polo mal de ollo son verdadeiros enfermos psíquicos, como se pretende aclarar na tese de doutoramento do doutor Cabaleiro Goás. O que os diferencia dos doentes psiquiátricos doutras latitudes é a forma de expresar a súa enfermidade, porque as doenzas psiquiátricas non teñen unha expresión universal. 4. A PSIQUIATRÍA NA MEDICINA POPULAR Como xa dixemos anteriormente o psiquiatra Manuel Cabaleiro Goás (a quen Emilio González considera o psiquiatra galego por excelencia) presentou a súa tese de doutoramento (que permanece inédita) en 1953, baixo o título de “La psiquiatría en la medicina popular gallega”. O propio autor afi rma: “ A enfermidade psíquica é para a medicina popular galega algo misterioso e extraño, consistindo a súa natureza na influencia sobre o home de ´poderes máxicos e demoníacos´. Este concepto da medicina popular ten o seu punto de arranque na crenza primitiva en poderes sobrenaturais atribuídos a persoas, cousas ou seres que, dun modo fatal poden, en determinadas circunstancias, actuar sobre a individualidade humana”. O máis valioso deste traballo, como ben destaca Mariño Ferro, é o estudio de duas mil historias clínicas de enfermos psíquicos, 1174 mulleres e 826 homes, todos eles procedentes do medio rural galego. No segundo capítulo da súa tese (publicado en “Espiritados”) trata sobre a etiopatoxenia na medicina popular e fai unha serie de aportacións sobre o tema de enorme interese, e que, de seguido, tentarei resumir. Seguindo o seu esquema pódense dividir as teorías etiopatoxénicas das doenzas psíquicas, tal como as amosa a medicina popular, en tres grupos: teorías supersticiosas, teorías psicolóxicas e teorías somáticas. I. Teorías supersticiosas a) O mal de ollo: Non ten carácter exclusivo para explicar a xénese da enfermidade psíquica, pois a él tamén se atribúen múltiples afeccións dos máis diversos órganos e aparatos. O mal de ollo non é máis que un cúmulo de síntomas que se atribúen á mirada dunha persoa que quere mal. Atribúense á mirada certas infl uencias malignas. Non é un proceso exclusivo de Galicia: noutras comunidades da península tamén ten un grande arraigo este concepto. Na casuística estudada polo profesor Cabaleiro son, con frecuencia, os familiares dos enfermos psíquicos os que expresan a súa crenza de que a doenza foi provocada pola “mala mirada” de alguén que quere facer mal. O propio enfermo, habitualmente, acredita coa mesma interpretación dos feitos. As doenzas psiquiátricas que se agochan detrás desta denominación poden ir desde unha distimia a unha psicose paranoide. b)O mal de aire: Ten menos importancia en relación coa enfermidade psíquica. Lis Quiben define o mal de aire como “unha serie de doenzas que o vulgo cre debidas ao que emana dun animal ou unha persoa viva ou morta, ao que procede dun astro, de certos obxectos, sitios ou lugares, e que o home adquire ao estar en contacto con eles ou baixo a súa acción, producindo, na maioría dos casos, un estado de debilidade xeral ou unha afección na pel”. O mal de aire é, mais ben, unha causa indirecta de enfermidade psíquica. c)Os bebedizos: Neste caso os familiares e o propios enfermos psiquiátricos cren que alguén lles deu a beber algo que contiña un poder maléfi co que os fi xo enfermar. Polo xeral, a autora do feito é unha muller que, non correspondida, trata con isto de lograr ou ben que a queiran ou vingarse dunha afrenta amorosa. No traballo de Cabaleiro son moitos os doentes que aceptan esta interpretación (abundando os esquizofrénicos paranoides). d)Caída da paletilla: Entende a xente que hai varias partes do corpo que teñen tendencia a caer: a espiñela, o calleiro, as asaduras. A paletilla podemos identifi cala co apéndice xifoides, a espiñela co omóplato, o calleiro co estómago, e as asaduras con todas aquelas vísceras que se aloxan na cavidade abdominal. É frecuente que todos estes conceptos se agrupen baixo o nome de paletilla, ao que os curandeiros lle atribúen un sen fi n de males. Detrás desta interpretación poden atoparse unha anemia, unha gastrite, problemas de ansiedade ou unha personalidade hipocondríaca. Ainda hai moitos “levantadores” pola xeografía galega, pois a este país cáeselle a paletilla con moita frecuencia. e)O meigallo: Trátase dun malefi cio que pode ter moi diversas manifestacións. A xente do pobo cre que o meigallo, o demo, pode penetrar neles e provocar a doenza. Os enfermos afectados consideran as súas vivencias anormais, as alucinacións auditivo-visuais e todo o “extraño” que lles acontece, como obra do meigallo, que penetrou neles e que os ten dominados. Esta interpretación, que choca frontalmente cos conceptos da medicina moderna, ten un forte arraigo na cultura popular de Galicia. Pero debemos lembrar que o concepto de endiañado, como sinónimo e como causa de enfermidade mental, persisteu en Psiquiatría ata o século XVIII. O delirio de posesión demoníaca xurde con maior frecuencia no sexo feminino e, en moitas ocasións, aparece asociado a un delirio de tipo místico. Na casuística analizada polo profesor Cabaleiro a maioría das portadoras do meigallo eran enfermas histéricas e esquizofrénicas. Moitas persoas portadoras deste mal, e doutras doenzas da mente e da alma, acuden en busca de axuda á romaría do Corpiño (ver anexo I). II. Teorías psicolóxicas O trauma psíquico é admitido actualmente como causa motivacional dunha serie de trastornos psiquiátricos e concédeselle importancia como factor desencadeante ou descompensador de procesos morbosos. En Galicia hipertrófi ase a infl uencia dos factores psíquicos. Os ´disgustos´, os ´sustos´, as impresións fortes, etc., son considerados, inmediatamente, como factores etiolóxicos de primeiro orde. As malas experiencias e as emocións ingratas teñen un grande ´poder de penetración´: “Metéuselle dentro o disgusto”, ou “metéuselle unha cisma na cabeza”, son expresións frecuentes na consulta cando a persoa tenta describir o seu malestar psicolóxico. En opinión de Cabaleiro “o enfermo psíquico produce no home galego curiosidade e angustia á vez. Curiosidade por coñecer a esencia deste misterioso mal e ansia por chegar á súa verdade. E angustia pola ignorancia que sobre a cuestión teñen, xa que toda ignorancia ante un fenómeno descoñecido en sí mesmo e nas súas consecuencias conduce, precisamente por ese descoñecemento, á angustia”. Afi rma que “ a causalidade psicolóxica ten, na medicina popular, unha importancia e un valor verdadeiramente indiscutibles, pois non só nos aspectos expostos se acude a esta causa. Repetidas veces temos visto atribuir oligofrenias profundas ao feito dun susto ou dunha emoción violenta da nai cando se atopaba en plena xestación. Resulta difícil disuadir deste punto de vista aos pais e familiares, por estar tan arraigada esta crenza no ambiente popular galego”. III. Teorías somáticas a) Debilidade: A debilidade somática, como factor etiopatoxénico das enfermidades psíquicas, é considerado, na medicina popular, como o máis importante de todos os sinalados como causais desde o punto de vista corporal. Quérese expresar co nome de “debilidade” o estado de esgotamento corporal que, por diversos motivos, pódese producir e, máis concretamente, a un estado de desnutrición do organismo. Baséase a teoría da “debilidade” como etiopatoxénica das doenzas psíquicas no feito de que o sistema nervioso, e especialmente o cerebro, debilítase por exceso de traballo corporal ou intelectual, por hipo-alimentación, por durmir poucas horas, etc. Sen buscar máis alá, a medicina popular acepta empíricamente a “debilidade” como factor patoxénico de primeiro orde das enfermidades mentais. b) Lombrigas: A medicina popular concede extraordinaria importancia ás lombrigas (ascaris lumbricoides), ás que atribúe infi nidade de males. Como factor etiolóxico en neuropsiquiatría é moi utilizado. Sinálanse, por exemplo, como causantes de ataques convulsivos; outras moitas doenzas psíquicas considéranse producidas por estes parásitos. c) Conxestión: Advirte Cabaleiro que resulta difícil precisar o concepto de conxestión na medicina popular. A difi cultade estriba na súa amplitude conceptual, pois abarca todos aqueles trastornos somáticos para os que non hai unha explicación clara. Ten un síntoma moi característico: o vómito. A conxestión pode ser causa de enfermidade psíquica. Dacordo coa interpretación dos enfermos e familiares a conxestión actúa sobre o cerebro dun modo directo (conxestión cerebral) ou ben indirectamente , dunha maneira que non saben explicar con precisión, dando así comezo á enfermidade mental. d) Ramo de sangue: A medicina popular cree que un “ramo de sangue”, unha cantidade de sangue superior á que normalmente irriga o cerebro, pode chegar a provocar a doenza mental. d) Amenorrea: A clínica psiquiátrica coñece desde antigo a relación na muller entre amenorrea e doenza mental. Enténdese que, ao non producirse a hemorraxia menstrual, este sangue acumúlase no cerebro e provoca o trastorno mental. e) Puerperio:O concepto tóxico prima xunto coa debilidade na maneira de enxuiciar as chamadas psicosis puerperais. Remata o profesor Cabaleiro afirmando: “Estas son as máis importantes teorías etiopatoxénicas que, sobre as doenzas psíquicas, mantén a medicina popular. En moitos aspectos revela un sutil espíritu observador da clínica destes enfermos, con algunhas apreciacións que foron aceptadas en certo tempo pola chamada psiquiatría científi ca e outras que ainda admite a psiquiatría actual encanto ao difícil e irresoluto problema da causalidade das enfermidades psíquicas”. 5. ANEXOS I-A romaría do Corpiño Nunha reportaxe publicada por Xosé Hermida hai uns anos (El País, 26-06-93), o autor extrañábase de que, nos tempos da enxeñería xenética, ainda acudisen miles de galegos á Virxe do Corpiño para buscar remedio aos seus males. “Cada ano acuden menos endemoñados á romaría, pero o vintecatro de xuño unha multitude agólpase darrredor do santuario de Losón, en Vila de Cruces (Pontevedra) e recrea un ritual exorcístico que algúns expertos creen de orixe precristiano. Cando a ciencia non atopa respostas, os labregos ven reafi rmada a súa convicción de que existen males causados polo máis alá que escapan ao coñecemento da medicina. Os especialistas consideran que se trata dunha especie de psicodrama colectivo”. A lenda asegura que no século XIII vivía en Losón un ermitaño moi devoto da Virxe, e que o corpo quedou incorrupto despois da súa morte. No século XII houbo varias aparicións da Virxe e a partir de ahì comezou un culto que aínda pervive. O Corpiño foi desplazando a outros santuarios ata converterse no principal lugar de peregrinación para espantar o meigallo ou o mal de ollo. O xornalista describía como “no mediodía, despois da misa cantada, a Virxe sae en procesión entre berros esgazadores. A multitude agólpase sobre a imaxe e trata de colgarlle billetes e tocala cos panos da mán. Despois da procesión varias mulleres cumplen a penitencia de andar sobre os xeonllos darredor da igrexa. - Señora, vostede cre que ún se pode curar no Corpiño? - Todo é bó. Sen os médicos non faríamos nada. Pero estas cousas tamén axudan”. A propósito desta celebración escribeu o psiquiatra Emilio González: “Non é fácil ver hoxe aos endiañados típicos que se convulsionan ou caen en trance. Pero acuden moitos enfermos de nervios, polisémico concepto que tamén engloba aos enmeigados actuais. Da envexa e do mal de ollo sobre a casa, as terras e os animais, propios da familia troncal, estamos pasando á envexa urbana sobre o piso e a integridade da familia nuclear. Mesmo o problema das drogodependencias, ao ser interpretado culturalmente, da sentido ao Corpiño neste tempo”. II-A noite de San Xoán e as preocupacións femininas O médico lucense Xesús Rodríguez López, cando presentou o seu libro “Las supersticiones en Galicia” a un certame literario-musical celebrado en Monforte, aló polo ano 1895, non podía suspeitar as numerosas preocupacións que este texto lle iba carrexar. Tal como relata Alonso Montero no prólogo da quinta edición “estamos ante un libro con avatares: apenas saída a primeira edición, a Autoridade Eclesiástica ordena a retirada e prohibe a lectura, retención e reimpresión da mesma.(..) Ademáis, o fariseismo local confabulouse de tal modo que ata se chegou a propalar a especie de que Rodríguez López ´non debía ser solicitado como médico´. Téñáse en conta que sempre foi home de estricta ortodoxia relixiosa, moi lonxe da antirrelixiosidade de Leiras Pulpeiro ou do anticlericalismo de Curros Enríquez”. Pese a todo, a Autoridade Eclesiástica publicou no Boletín Ofi cial do 9 de outubro de 1985 a seguinte PROHIBICIÓN: “Habiendose editado ha poco tiempo en la ciudad de Lugo un folleto sobre las “Supersticiones de Galicia”, y hecha por el Ministerio fi scal de este Obispado denuncia ofi cial del mismo a la Autoridad Eclesiástica, la cual sometió el escrito a la censura competente, y resultando del informe emitido por ésta que el autor, sin duda por no conocer bastantemente ni la materia objeto de su libro ni la doctrina católica con ella relacionada, llama superstición a mucho que, lejos de serlo, se halla aprobado, reconocido y practicado por la Iglesia, y que, a pesar de hacerse en el libro protestas de catolicismo y de recta intención, hay en él frases que no es dable, sin violencia, interpretar en sentido sano, y contiene no pocas proposiciones cuando menos inexactas, atrevidas, temerarias, malsonantes, ofensivas de los oídos piadosos, injuriosas, erróneas, impías y que favorecen la incredulidad: venimos, por tanto, en virtud de nuestro deber, en declarar perniciosa para la fe la lectura del citado folleto, prohibiendo a todos nuestros diocesanos leerle, lo mismo que retenerle y reimprimirle, debiendo entregar los ejemplares del mismo, aquellos que los poseyeran, ya en nuestra Secretaría de Cámara o bien a su párroco respectivo, para que los remita a ésta. Dada en Santa Visita Pastoral de Deza, en Lalín, a 5 de octubre de 1985. Benito, Obispo de Lugo”. Feitas algunhas correccións, solicitadas polo bispo Benito Murúa, houbo unha segunda edición do libro en 1910. Pero a terceira, editada en 1948, en plena dictadura franquista, tamén foi denunciada e prohibida cando quedaban só cinco exemplares da mesma. Pouco despois a obra deitouse en Bos Aires, baixo o coidado de Luís Seoane. Cal era a mensaxe perniciosa que había nestas páxinas para ser atacadas dese xeito pola autoridade relixiosa? Por qué razón foi prohibida esta obra cando a intención do autor non era outra que combater a superstición e a ignorancia? O prologuista Alonso Montero considera que se trata, sobre todo, dun “excelente inventario de crenzas e prácticas supersticiosas e vulgares”. Vexamos, a modo de exemplo, algúns dos seus enunciados, e que cada quén saque as súas propias conclusións: *Virtudes de la noche de San Juan - La víspera de San Juan dejan al sereno casi todas las familias gallegas una vasija con agua en la que sumergen una porción de fl ores, rosas y hierbas aromáticas. A la mañana siguiente se lavan todos en aquella agua, en medio de gran alegría, sobre todo los niños, que esperan estas fi estas con gran ansiedad y las reciben con extremado regocijo. Dicha agua tiene virtudes especiales para las erupciones cutáneas y enfermedades de la vista. - Las muchachas, en llegando a pollitas, tienen también buen cuidado de poner al sereno, a víspera de San Juan, a las doce de la noche, un vaso de agua, en el cual dejan caer la clara y la yema de un huevo. A la mañana siguiente observan con gran interés y atención la forma que ha tomado en contenido, porque es la de la herramiento o de algo que indica el oficio que ha de tener su futuro esposo. Así, si parece un barco, su novio será marino; si adquiere forma de martillo, será carpintero, etc. - En los puertos de mar creen que los que se bañen a las doce de la noche de San Juan y reciban nueve golpes de ola, curan de sus padecimientos o se preservan de enfermar. - La víspera de San Juan en todos los lugares de Galicia encienden hogueras por encima de las cuales saltan los muchachos. En Silleda saltan las niñas ya casaderas por encima de la llama, diciendo: Salto por enriba Do lume de San Xoán Para que non me morda Nin cobra nin can. Y al saltar sin tocar la llama da la esperanza de casarse en el año; pero la que toca la llama cree que no podrá casarse en tan corto plazo. - Durante la noche de San Juan cuelgan de ventanas y balcones toda la ropa que pueden para que se empañe en el beneficioso orballo de aquel día, que mata la polilla y destruye todo maleficio. *Preocupaciones femeninas - Los antojos de pulpo durante el embarazo producen las manchas violáceas que algunas personas tienen, y los antojos de liebre son causa de que los hijos salgan con labio leporino (bico gallado). - Para facilitar el parto cuelgan del pecho de la mujer un diente de cerdo, y le hacen beber agua en la que hubiesen codido un hueso de difunto. - Las vueltas del cordón que el feto trae alrededor del cuello son debidas, según la gente ignorante, a la circunstancia de haber pasado la madre durante el embarazo por debajo de un ramal o cuerda que sujeta un animal. - Para facilitar el parto ponen la llave de la puerta debajo de la almohada. También, con el mismo fi n, ponen en agua una flor, que llaman de Sericó, y según se va abriendo, así favorece la expulsión del feto. - En una bodega no debe entrar ninguna mujer con la menstruación,porque creen que se agriaría el vino.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: