Actualizado en data 18/10/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

REVISTA (ISSN 1887-2859)

CATEGORÍAS RELACIONADAS

nº 07 (2011).-VAAMONDE, Pablo e ALONSO, Elena: Os curandeiros

Os curandeiros © Pablo Vaamonde García (Médico de familia. SAP Labañou (A Coruña) Elena Alonso Deibe (MIR-4 Medicina Familiar e Comunitaria. SAP Labañou (A Coruña) © Revista electrónica de investigación Galicia Encantada (http://www.galiciaencantada.com) / ISSN 1887-2859. nº 7, ano 2011. (Artigo publicado anteriormente en Cadernos de Atención Primaria (Edita: AGAMFEC, Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, Ano 2010, volumen 17, páx. 144-149. Serie: Medicina Popular en Galicia _________ 1.INTRODUCCIÓN O concepto Os curandeiros tiveron un grande predicamento entre as xentes de Galicia, sobre todo no mundo rural. Ata moi avanzado o século pasado era unha das opcións terapéuticas máis utilizadas polos nosos veciños. Téñase en conta que a xeneralización da medicina oficial e o acceso universal da poboación aos servizos sanitarios é un feito ben recente. Ata hai corenta anos a primeira opción para atender os males da saúde, tanto dos seres humanos como dos animais, era, con frecuencia, a visita ao curandeiro. Os termos menciñeiro e curandeiro podemos consideralos como sinónimos. Entendo que a utilización de ambos termos está máis determinada por diferencias xeográficas, se ben o etnógrafo Antonio Fraguas sinalou que “mentres os menciñeiros fan uso de elementos máxicos e naturais non seus procesos curativos, os curandeiros, pola contra, baséanse no coñecemento da fitoterapia e no uso de elementos naturais nos que amosan propiedades curativas”. Sobre as habilidades terapéuticas dos curandeiros o antropólogo Marcial Gondar ten escrito: “O curador tradicional está aberto á totalidade. Escoita, xunto cos males, historias nas que, ás veces, aparece implicada media aldea, catástrofes, malasortes, desexos, temores..., e a todo isto sabe darlle unha explicación global que satisfai, sen dúbida mellor que a medicina oficial, as múltiples demandas que están debaixo da enfermidade. Compre desbotar a idea de que as práticas tradicionais son algo en recesión e os seus usuarios, residuos escleróticos dun mundo práticamente desaparecido; a medicina popular (teoría, prática e xestión social incluídas) resposta ás necesidades que o mundo culto é incapaz de satisfacer e testemuña a presencia do simbólico, ancorado no fondo do ser humano a pesares de tres séculos de racionalidade instrumental.” Dacordo con Laín Entralgo, “tódalas prácticas de medicina tradicional descansan no que os cristianos chaman o conforto: nunha apoiatura crenzal que acompaña a existencia no baleiro do enfermo, que ven a ser o consolo e a comprensión da persoa enfermo”. A experta Carme Pernas Bermúdez afirma que “en numerosas ocasións a medicina oficial falla porque a relación entre o médico e o paciente non é a que se establece entre o curanderio e o paciente. A persoa enferma necesita que a comprendan, e moitas veces o seu mal cúrase máis con palabras que con medicamentos. A medicina oficial sufre un proceso de deshumanización, é dicir, o médico atende ao paciente pero non do xeito que necesita para ser comprendido, namentres que o curandeiro sí o fai e coñece ben a psicoloxía dos seus doentes. De aí o éxito que tivo e segue a ter a medicina popular”. Os estudiosos Os curandeiros, e os santuarios con virtudes curativas, foron estudiados nos últimos anos por numerosos escritores, antropólogos, etnógrafos, médicos, veterinarios e investigadores diversos: Lis Quibén, Rodríguez López, Pérez Hervada, Ramón Ballesteros, Lisón Tolosana, Álvaro Cunqueiro, García Sabell, , Taboada Chivite, Cabaleiro Goás, Becoña Iglesias, González Reboredo, Blanco Prado, Moure Mariño, Antonio Fraguas, Mariño Ferro, Marcial Gondar, Emilio González, Vázquez Gallego e moitos máis. Entre as aportacións máis destacadas podemos sinalar a: Víctor Lis Quibén (Bos Aires, 1893 - Pontevedra, 1963) foi un destacado falanxista, encargado da organización de Falange Española en Pontevedra. Na guerra civil estivo no bando dos sublevados e participou en diversas actuacións como xefe da autodenominada Guardia Cívica. En total, está considerado responsábel da morte de 20 persoas e da detención de 30 máis. Terminada a contenda abandonou a política, dedicándose ao exercicio da profesión médica e á investigación etnográfica. Pese aos seus antecedentes é autor do libro “La medicina popular en Galicia” (1949) texto de referencia obrigada para todos os estudiosos que posteriormente se achegaron a este tema. Eduardo Pérez Hervada (A Coruña, 1902-1996), exerceu como médico na súa cidade natal e foi presidente da Real Academia de Medicina de Galicia durante máis de 25 anos. Tamén dirixiu a revista Medicina Galaica. Colaborador habitual en prensa deixou escrito o libro “Curanderismo en Galicia” (1984), no que afirma que “en calquera tempo e en calquera meridiano atopamos o curandeirismo e a superstición”. Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911- Vigo, 1981) é unha das grandes figuras da nosa literatura. Achegouse á medicina popular desde a súa óptica de escritor e deixou unha obra espléndida “Escola de Menciñeiros”, no que retrata a un feixe de persoaxes únicos que se adican ás artes da curación: Perrón de Braña, Borrallo de Lagoa, Xil da Ribeira, Lamas Vello, o Coxo de Entrebo, Pardo das Pontes, Silva da Posta, o señor Cordal, Cabo de Lonxe e o Licho de Vilamor. Moitos destes menciñeiros, redibuxados pola imaxinación do autor, coñeceunos Cunqueiro na farmacia de Mondoñedo rexentada polo seu pai, don Joaquín, quen lle ensinou tamén o amor pola natureza, o coñecemento das plantas e o manexo das substancias utilizadas na botica. Él mesmo dí na cabeceira do libro: “xente é esta da que eu falo que coñecín, e algunha de moi perto”. O humor de Cunqueiro impregna cada unha das páxinas deste fermoso libro. Cando describe a Pardo das Pontes, por exemplo, dí: “Era moi lido, e por darlle solemnidade ás súas receitas, acostumaba meter entre o nome da menciña e a dosis un ´verbigracia`. Adoitaba cobrar tres pesetas: seis reás por mirar ao enfermo e outros seis por escribir a receita. De propina admitía unha tortilla de chourizo ou de xamón, e un vaso de viño. Iba a Romariz visitar dez enfermos, poño por caso, e dez eran as tortillas que papaba”. Os menciñeiros de Cunqueiro préstanlle moita atención aos seus doentes. Lamas Vello “tiña, como todos os curadores que eu coñecín, unha postura de amigable escoitar, de garimoso confesor”. Perrón da Braña “estaba unha hora cumprida cabo do doente, fumando, falando de cousas de ir e vir, do tempo que corría e máis de xente allea”. Borrallo de Lagoa “levaba a Listeiro –un doente-, tódalas tardes a pasear; paseos de dúas ou tres leguas, e como quizaves se faría de noite na volta, quedaban a durmir nunha pousada ou nun palleiro”. Velaquí unha forma de entender e coñecer o que lle pasa a unha persoa enferma: falar e pasear. Algo debemos aprender os actuais sanadores agora que a figura do menciñeiro está a esmorecer. Debemos asumir que a persoa enferma é algo máis que unha maquinaria coas pezas desaxustadas, que precisa de nós unha actitude empática e respetuosa. Compre, en fin, recuperar o uso da palabra como instrumento de gran valor terapéutico. Domingo García-Sabell (Santiago de Compostela, 1908 – A Coruña, 2003) médico, escritor, político, e presidente da Real Academia Galega durante perto de 20 anos, é unha figura fundamental na nosa historia recente. Home de grande cultura, é autor de numerosos ensaios: “Notas para unha antropoloxía do home galego” (1972), “Análise existencial do home galego enfermo” (1991), “Paseata arredor da morte” (1999), e outros. É tamén autor do magnífico prólogo da “Escola de Menciñeiros” de Cunqueiro, donde fai algunhas reflexións moi atinadas sobre o tema: “Os menciñeiros non se dirixen ao encontro da doenza, senon ao encontro do home, do seu semellante, anterior e posterior a toda doctrina (..). O doente que acuda ao curandeiro non propón un conxunto de síntomas para que sexan ordeados por enfermidade, para que sexan diagnosticados. Propón unha situación vital enigmática, un acertixo existencial para que sexa descifrado. Os síntomas son só unha parte do acertixo”. Tamén afirma: “Hoxe moitos calificados psicoterapeutas acuden a procedementos literalmente superpoñibles aos nosos menciñeiros. Vehaí está, senón, o Psicodrama do norteamericano Moreno que, en esencia, consiste en facer representar ao doente unha acción teatral na que amosa, dalgún xeito cifrado e altamente simbólico, o seu propio e íntimo problema”. Marcial Gondar Portasany (Pontevedra, 1948, antropólogo) e Emilio González Fernández (Santiago, 1943, médico psiquiatra), son autores e recopiladores do libro “Espiritados. Ensaios de etnopsiquiatría galega” (1992), un conxunto de ensaios que tentan facer unha aproximación ao coñecemento da medicina popular galega. Afirman que “os médicos non deben ser fontaneiros, os enfermos non son tuberías. O denominador común destes ensaios é reclamar para os doentes a condición de corpos que pensan, desexan e, sobre todo, falan de xeito distinto segundo sexa o seu entronque cultural. Se o sanador descoñece ou minusvalora que as persoas que atende viven instaladas nunha cosmovisión, moitas veces disonante da que envolve o dircurso científico, está a perder a oportunidade de abrirse a un trato terapéutico efectivo”. Xosé Ramón Mariño Ferro (Castrofeito, 1950) é profesor de Antropoloxía Cultural na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela. Ten publicados numerosos textos sobre esta temática e varios libros:‘Antropoloxía de Galicia’, ‘Satán, sus siervas las brujas y la religión del mal’, ‘Las romerías/peregrinaciones y sus símbolos’, ‘La medicina mágica’, e ‘El simbolismo animal’. É tamén autor do libro “La medicina popular interpretada” (1985), no que fai un análise pormenorizado das distintas crenzas, interpretacións e prácticas empregadas pola medicina tradicional. Afirma que existe unha relación estreita entre medicina e cultura. “As teorías sobre a etioloxía, diagnóstico e tratamento das doenzas son parte da cultura humana e difiren tanto como difiren as culturas” Xesús Vázquez Gallego (Sarria, 1940) xefe do Servicio de Rehabilitación do Hospital Xeral de Lugo desde 1974, académico da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, é autor do libro “Tradiciones, mitos, creencias y curanderismo en medicina popular de Galicia” (1990). 2. A BUSCA DA EFICACIA TERAPÉUTICA As diferentes culturas estudiadas polos antropólogos coinciden nunha busca común da saúde, pero teñen os seus diferentes sistemas médicos autóctonos nos que se responde ás preguntas teóricas sobre que é a saúde e que é a enfermidade, e nos que se marcan camiños para previr e tratar a doenza. Así se expresa o antropólogo granadino Briones Gómez, quen conclúe: “Non hai unha senon moitas concepcións posibles e tratamentos viables das enfermedades”. Polo tanto, non existe só a medicina oficial que se aprende nas Facultades, senon que hai sistemas sanitarios subalternos que, na vida de moitas persoas, fanse compatibles e complementarios ata o punto que cadaquén, coa axuda da súa rede social, remata facendo o seu propio itinerario terapéutico, acudindo a donde cree máis útil en cada caso en función das ofertas dispoñibles no campo social. O curandeirismo ficaría, pois, como “un modelo asistencial que se dirixe á saúde integral e que, por procedementos empírico-simbólico-creenciais, busca unha eficacia, combinando modelos propios con outros tomados da relixión e da medicina hexemónicas”. Na atención aos doentes existen, básicamente, tres elementos que condicionan a eficacia terapéutica: 1.-A relación de confianza que se entabla co axente de saúde, a quen se admite como investido dun poder terapéutico. Só é posible acadar a eficacia terapéutica se o curador confía nas súas prácticas, o doente confía no sanador, e existe, ademáis, un consenso social e unha opinión colectiva favorable sobre esa práctica terapéutica. 2.-O soporte material que sirve de mediador do proceso curativo. Hai determinados obxectos que se consideran impregnados de poder curativo. Na medicina oficial o obxecto eficaz por antonomasia é o fármaco (tamén ten un grande prestixio a moderna tecnoloxía sanitaria). Na medicina popular hai numerosos obxectos que son portadores de capacidade curativa: as plantas e herbas medicinais, a auga, o aceite…Certos lugares tamén están cargados de potencia benéfica: os santuarios, as encrucilladas. 3.-O ritual Tanto a medicina moderna como a popular teñen os seus rituais que forman parte do proceso curativo. A palabra ten unha grande eficacia terapéutica e forma parte de todas as prácticas sanatorias. Hai determinados xestos e accións que son parte esencial do ritual da sanación: tocar, palpar, soplar, cortar, escupir, enterrar… A imposición de mans está presente na maioría dos rituais dos curandeiros. Vemos que non hai tantas diferencias entre as prácticas da medicina moderna e da medicina popular. Pero no primeiro caso búscase unha eficacia obxectiva, medible e cuantificable, mentras que a medicina tradicional persigue unha eficacia simbólica, imposible de medir e cuantificar. Máis o certo e que moitas persoas que buscan o seu auxilio confirman e defenden a súa acción benefactora. 3. O CURANDEIRO A definición O curandeirismo é a práctica de curar doenzas e maleficios por parte dos curandeiros. As técnicas que utilizan éstes non están aprobadas pola medicina oficial. Ven ser, polo tanto, unha práctica empírica de sanar por diferentes métodos e sistemas naturalistas e paracientíficos non recoñecidos pola ciencia moderna. Baséase nas facultados do “dotado” e nos coñecementos do curandeiro que utiliza para atender aos doentes. O curandeiro ven ser o equivalente actual da figura antigua do chamán: un persoaxe recoñecido pola comunidade como posuidor de poderes para axudar aos demáis. Na Gran Enciclopedia Galega defínese ao curandeiro como “unha persoa con fama de entendido en curar certos males que padecen persoas e animais”. Antonio Fraguas, autor de dito texto, fai a seguinte reflexión: “o curandeiro diferénciase do menciñeiro por non usar tanto a medicina máxica e porque a súa actividade encamíñase máis ben a compoñer ósos e a tratar doenzas especiais e frecuentes nos animais e nas persoas”. As características do curandeiro Elisardo Becoña, no seu libro Medicina Popular, fixo o grande esforzo de resumir as características máis importantes que definen a un curandeiro: 1. O curandeiro é, na maioría dos casos, un home; rara vez unha muller recibe a denominación de curandeira. 2. Atende todo tipo de enfermidades sen excepción, pero non ten trata con espíritus como fai o espiritista ou o corpo aberto. 3. Trata tanto a persoas como aos animales, pero adoita estar especializado máis nunha ou noutra clase de doenza. 4. Ás veces inclúe entre as súas prácticas o amaño de ósos, polo que, neste caso, fai tamén funcións de compostor. 5. A súa aureola é importante en case tódolos casos. De modo frecuente adícanse en exclusiva á función curativa, pero non adoitan pedir remuneración polos seus servizos senon a vontade. 6. Recibe xente de sitios lonxanos, ás veces a centos de quilómetros da súa residencia. Moitas persoas xa visitaron a outros curandeiros ou acudiron á medicina oficial.Tamén se dan casos que compaxinan ambos tipos de medicina. 7. Utiliza as herbas e outros procedementos naturais (auga, augardente, tellas, encrucilladas...). Tamén pode acompañar os elementos naturais con oracións ou ensalmos. Rara vez usa obxectos benditos nas curacións. 8. Os seus coñecementos téñenos por herencia familiar, por ter man, por ter nacido con cualidades especiais ou por aprender estas artes doutro curandeiro. As mulleres curadoras Dacordo co experto JM Blanco Prado entre as mulleres curadoras pódense distinguir: a sabia, a boa muller, a bruxa e a meiga. A sabia é unha muller que amosa sabiduría en canto ás propiedades das plantas e, ademáis, é recoñecida nun amplio territorio como unha persoa que cura doenzas ligadas ao mal de aire, o enganido, a a paletilla caída. Non ten ningunha relación co ocultismo nin coas forzas do mal. As boas mulleres son aquelas veciñas que, ainda que non poseen a popularidade das primeiras, coñecen unha serie de remedios eficaces para certas doenzas. As bruxas e meigas foron ampliamente estudiadas polo antropólogo aragonés Lisón Tolosana (Brujería, estructura social y simbolismo en Galicia). Considera que a bruxa opera como representación simbólica do orden, a saúde a e vida; polo contrario a meiga asociase coas forzas que introducen o desorde, a enfermidade e a morte. Máis non hai acordo, porque Antonio Fraguas entende que bruxa e meiga son a mesma cousa, mentras que Elisardo Becoña considera que son seres ambiguos, que poden estar co ben e co mal, así tanto poden sanar a un neno como botarlle o mal de ollo. Glosario de sanadores Hai moi diversos tipos de curadores en Galicia, ainda que na actualidade persisten, básicamente, os curandeiros, os compoñedores e as sabias. De xeito resumido poderíamos definir os diferentes persoaxes que se adican ás artes sanatorias na medicina popular galega do seguinte xeito: 1. Os curandeiros Son os máis comúns na Galicia rural, que atenden diversas doenzas que forman parte do noso acerbo cultural: o mal de ollo, os males de aire, a caída da paletilla, diversos problemas relacionados coa gravidez e o parto, algunas doenzas infantís como o tarangaño, e algúns problemas cutáneos (desde os sabañóns e as verrugas ata os tirizós). Para atender estes males utilizan diferentes elementos físicos (herbas, augas, pedras, fregas,..) e determinadas habilidades (o uso da palabra curadora ou a apelación ao sobrenatural). 2. Os compoñedores Tamén denominados compostores, a súa especialidade son as contusións, esguinces e luxacións. Son persoas dotadas dunha especial habilidade manual e dunha boa capacidade de observación e aprendizaxe que acadan unha notable habilidade para manipular e “colocar” os músculos e os tendóns que saen fora do seu sitio. Tal como relata Elisardo Becoña “estas persoas aprenderon a curar os ósos de dúas formas: mediante a cura do gando baixo o seu coidado e pola transmisión de pais a fillos ou dun a outro familiar”. É preciso ter man ou cualidades e boa disposición para aprender. Moitos deles, ainda en activo, chegan a ter unha amplia clientela de puntos distantes da xeografía. A grande maioría son persoas prudentes, que dispoñen de mans fortes e adestradas para manipular as escordaduras, pero saben remitir ao médico aqueles casos que se escapan do seu campo de actuación. 3. As sabias Como xa dixemos antes, a sabia ven ser unha especie de bruxa boa, que está en posesión dun don divino. Abordan os maleficios que poden sofrir as persoas, provocados polo mal de ollo, o meigallo e o aire de difunto ou de animal pezoñento. Dacordo con Becoña, a sabia “é coñecida publicamente polos seus poderes curativos e intervén en grande número de doenzas; é coñecida non só na súa aldea senón noutras e acuden a ela persoas de lugares ben distantes”. Moitas sabias adquiriron os coñecementos por transmisión familiar pero é preciso que, chegado o momento, teñan poder. Se unha sabia ten cinco fillas, poñamos por caso, só unha delas adquire o poder de curar. Nas súas curacións utiliza un grande número de rituais, en moitos dos cales solicita a axuda de varias Marías (mulleres que teñen ese nome). Existían outros tipos de sanadores na nosa medicina tradicional, ainda que actualmente son un fenómeno residual: 4. Os ensalmadores Persoas que se consideran dotadas dun poder sobrenatural ou máxico e que poden curar mediante a utilización de ensalmos e esconxuros, acompañados de rituais moi elaborados (tamén aparece con frecuencia esta figura na medicina popular asturiana) 5. Os espiritistas Persoas co poder de comunicar a través de sí co espíritu dos mortos. Poden ser tanto homes como mulleres. A xente acuda a eles para coñecer si as almas dos familiares están ben ou si precisan algo, e tamén para pedirlles favores ou a súa intercesión en asuntos importantes donde anda por medio a casa ou conflictos familiares (Becoña). Comunícanse co máis alá entrando en trance. 6. As carteiras Utilizan as cartas como ferramenta de traballo, interpretando a partir das mesmas as enfermidades e os asuntos da vida. Non teñen nada que ver coa prolifereción de botadoras de cartas que existen agora no mundo urbano e audiovisual. A xente acude a elas para coñecer o futuro ou para tentar afrontar algun problema de dificil solución. 7. Os arresponsadores Tiñan como función espantalos lobos e outros males mediante a recitacion dun responso, de ahí o seu nome. O responso recítanllo a San Antonio, para que protexa o gando de todo mal. Para que sexa efectivo o arresponsador ten que ter man: non serve calquera para o asunto. “Para facer o recitado o arresponsador ten que axionllarse no chan e recitar con fe e sen trabucarse nas palabras, pois doutra maneira non fai efecto. Se ao rematar o recitado o arresponsacor sinte ledicia no corazón quere decir que o responso vai ser efectivo: o gando non será comido polo lobo, a persoa non sufrirá desgracia ou o obxecto perdido será atopado” (Mariño Ferro). 4. O CURANDEIRISMO HOXE - O pluralismo asistencial Nun traballo publicado en Gaceta Sanitaria (El fenómeno del pluralismo asistencial: una realidad por investigar. Gac Sanit V.18 supl.1 Barcelona mayo 2004) afírmase que a utilización de medicinas alternativas e complementarias é un fenómeno de crecente interés no ámbito internacional. A utilización da autoaxuda, da automedicación e o recurso dos sanadores situados en posicións diferentes das do sistema médico dominante é un fenómeno que pervive en todo o mundo. O uso de medicinas alternativas (homeopatía, acupuntura, naturismo, terapias manipulativas, etc) e da medicina tradicional é moi variable no contorno europeo: desde un 4% en Suiza ata un 49% de utilización pola población francesa. Nunca enquisa publicada en 2004 concluía que o 36% dos estadounidenses tiña usado algún tipo de “terapia alternativa” nos últimos doce meses. En España a presenza de sanadores “populares” forma parte das alternativas terapéuticas ainda na actualidade. Diversos traballos amosan que hai unha parte da poboación que fai uso destes servizos. - A substitución. Ángel Arnáiz publicou un artigo en El Correo Gallego (31-05-2010) no que afirmaba que “ainda que non hai rexistros oficiais destes paramédicos, diferentes estudios cifran en pouco máis de medio centenar, en toda Galicia, o número de practicantes da medicina popular, a maioría con máis de 60 anos ao lombo”. Como sucede co medio rural, que se está a quedar sen mozos, a falta de relevo xeneracional fai que perigue a pervivencia desta figura que forman parte da nosa cultura popular e que parece condenada á extinción neste tempo de hipertrofia tecnolóxica. Estase a dar tamén, sobre todo no contorno urbano, un fenómeno de substitución: estas prácticas enraizadas na cultura do pobo son desplazadas por ofertas terapéuticas importadas doutras partes do planeta e que nada teñen que ver coas nosas raíces: homeopatía, acupuntura, aromaterapia, terapia floral, biomagnetismo, musicoterapia, reiki, osteopatía, curación espiritual, iridoloxía, e un longo etcétera, forman parte da lista de ofertas terapéuticas que hoxe existen á nosa disposición, sendo todas elas de eficacia cuestionable. Deste xeito, a medicina popular, de forte sentido cultural e gran significado antropolóxico, vai esmorecendo sendo suplantada por estas prácticas importadas. - A regulación. En tempos recentes ten habido polémicas entre a os representantes da medicina oficial e os practicantes da medicina popular. Os colexios de médicos téñense pronunciado en diversas ocasións contra estas prácticas que consideran constitutivas dun delito de intrusismo. Os traumatólogos e os fisioterapéutas consideran que os compoñedores son unha figura a extinguir e que non teñen cabida nin función algunha nos tempos de hoxe. José Couceiro, traumatólogo de Santiago, lembraba nun artigo recente que os compostores teñen xogado un papel moi importante na historia da traumatoloxía. De feito o británico Thomas, considerado como pai desta especialidade no século XIX, era fillo e neto de compoñedores. Pero na actualidade, Couceiro entende que para realizar este tipo de prácticas compre ter unha formación académica adecuada, polo que aconsella que deberán formarse a tal fin. É certo que estas actividades viñéronse desenvolvendo durante décadas á marxe dunha regulación formal. Non hai unha formación estruturada, nin unha normativa clara sobre estas actividades, que se realizaban sen que houbese problemas de especial relevancia. A regulación destas actividades viña dada pola propia comunidade. O curandeiro que realizaba engaño ou que tiña unha mala praxis era severamente sancionado pola propia veciñanza. Só acadaban relevancia social e conseguían gran prestixio aqueles que acreditaban cos seus feitos ser uns bos profesionais. É máis doado que se produzan prácticas fraudulentas no crecente fenómeno das “medicinas alternativas” importadas. Con frecuencia aparecen novas nos xornáis sobre fraudes ou danos causados por quen se dedica a estas prácticas. En España non hai ningunha universidade que imparta formación reglada en medicinas alternativas. A formación nestes temas desenvólvese en centros de formación sin acreditación oficial, ou, como moito, con recoñecemento de países estrenxeiros con lexislación non homologada á española. Tampouco hai organismos que regulen e vixíen a realización destas actividades, polo que as persoas que acuden a estes servizos non dispoñen da posibilidade de discriminar o profesional competente do impostor. 5. FINAL O libro de María Perto da miña parroquia había unha sabia. No Castropombo vivía a señora María, unha muller analfabeta, máis posuidora dunha intelixencia prodixiosa. A súa capacidade de observación, a profundidade no análise das situacións e unha memoria fora do común fóronlle creando, co paso dos anos, un certo prestixio entre os seus veciños, que deron en decir que tiña poderes. Especializouse en quitar o aire e no levantamento de paletilla. O aire de difunto, ben é sabido, é moi perxudicial, sobre todo para os pequenos, que poden quedar desmedrados. A paletilla, cando cae, deixate sen ánimos, crebado, esmorecido e co corpo disgustado. Ou se coloca no seu sitio ou non tes forzas para enfrontarte á vida. Eu cheguei á súa casa unha tarde de verán, canso de andar polos camiños, e debía levar mala cara. Ela deseguida me diagnosticou: “tes a paletilla fora de sitio”. Deixeime facer. Sentoume no chan, a carón da lareira, coas pernas estiradas. Ela situouse detrás de mín e levantoume os brazos por enriba da cabeza: “Aquí o tes: a man esquerda está máis baixa ca outra. Hai que volver a paletilla ao seu”. Pasoume polo lombo uns ramallos de loureiro, namentras murmuraba polo baixo, agarrou outra vez os brazos e fixo algúns estiramentos ata que estalaron. Volveron os murmurios e os lostregazos co loureiro. Saín como novo. Ata tiña a sensación de que medrara un pouco. Estiven na súa casa moitas veces, máis que nada pola conversa. Algúns días, sobre todo en fin de semana, tiña media ducia de coches aparcados na eira. Vin algun licenciado agardando turno para recibir atención para él ou para a súa xente. Pero ela nunca falou, nin ben nin mal, de ningun cliente. Tiña moi clara a cuestión do segredo profesional. A mín preguntábame cousas do oficio, e prestaba moita atención ás explicacións. Estou seguro que memorizaba palabras para despois soltalas, cando houbese ocasión, e darlle un aire máis científico ao seu traballo. Un día confesoume que tiña un libro agochado no faiado. A pesar de que non sabía ler, moitas veces deixaba ao cliente agardando e iba consultar o texto máxico. Cando pasaba dos oitenta foi deixando, pouco a pouco, o exercicio profesional. Só atendía cousas de moito compromiso, ou a persoas moi achegadas. Tentei convencela varias veces para que me deixara o libro en herdanza, pero non houbo maneira. Dáballe a risa a miña perseverancia. Cando morreu andivo a neta buscando. Revolveu o faiado enteiro, pero o libro nunca apareceu. UNHA BIBLIOGRAFÍA BÁSICA -Blanco Prado, J.M. Religiosidad popular en el municipio de Begonte. Lugo: Deputación Provincial, 1993. -Blanco Prado, J.M. “Algunhas consideracións sobre a menciña popular na provincia de Lugo. As curacións por medio de ensalmos. (I)”, en Croa. Boletín da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga, nº 17, ano 2007. -Becoña Iglesias, Elisardo. Medicina popular. Vigo: Ir Indo, 1989. -Cabaleiro Goás, M. La psiquiatría en la medicina popular gallega. Tese de Doutoramento. Universidade de Madrid, 1953. -Freire, Pilar. Menciñeiros, saludadores e compoñedores. Los sanadores en la medicina popular de Galicia. Gran Biblioteca Temática de Galicia. Radio Voz, 2006. -García Sanz, A. Curanderismo. Lugo: Deputación provincial, 2002. -Gondar, M. e González, E. Espiritados. Ensaios de Etnopsiquiatría galega. Santiago: Laiovento, 1992. -Mariño Ferro, X.R. La medicina popular interpretada. Vigo: Xerais, 1986. -Laín Entralgo, P. La curación por la palabra en la antigüedad clásica. Barcelona: Anthropos, 1987. -Lis Quibén, V. La medicina popular en Galicia. Madrid: Akal, 1980. -Lisón Tolosana, C. Brujería, estructura social y simbolismo en Galicia. Antropología cultural de Galicia 2. Madrid: Akal, 1987. -Lisón Tolosana, C. Endemoniados en Galicia hoy. Madrid: Akal, 1990. -Pérez Hervada, E. Curanderismo en Galicia. Lugo: Alvarellos, 1984. -Risco, V. “Etnografía. Cultura espiritual”, en Historia de Galiza por Ramón Otero Pedrayo. Madrid: Akal, 1979. -Rodríguez López, J. Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Lugo: Edicións Celta, 1971. -Vázquez Gallego, X. Tradiciones, mitos, creencias y curanderismo en Medicina popular de Galicia. Lugo: Deputación Provincial, 1989.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: