Actualizado en data 15/12/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

nº 07 (2011).-VARELA VARELA, Xosé Manuel: A romaría de Santo Hadrián en Malpica de Bergantiños

©Xosé Manuel Varela Varela (http://www.galiciaencantada.com) _________

Meu Santo San Hadrián que estás no monte de Beo, librarás o meu irmán que é do primeiro sorteo.

Santo Hadrián é tema recorrente no cancioneiro galego. O de Malpica de Bergantiños, que se festexa cada 16 de xuño ou domingo seguinte, se o primeiro non cadra a domingo, é espello dos versos que citamos arriba, porque ademais de ser patrón de canteiros, tamén o é de soldados e mariñeiros. E a encomenda ó santo, feita por unha voz feminina, devota, con fe, solicítalle a concesión da liberación do servizo militar dun irmán seu. A historia de Santo Hadrián lévanos ós séculos III e IV, en plena sociedade romana. El era un mozo idólatra, empregado na administración de xustiza, que o emperador Maximiliano enviara a Nicomedia (Turquía) para presidir o martirio de 23 cristiáns. Cando viu a paciencia no sufrimento, preguntoulles qué premio esperaban recibir por tanto padecemento. Eles respondéronlle que ninguén podía imaxinar o ben inefable que Deus tiña preparado para os seus amigos. Entón, Hadrián, tocado pola divina graza, mandoulle ó escribán que anotase o seu nome xunta o dos martirizados. Ó sabelo o emperador, e despois de facelo desistir, ordenouno prender. A súa muller, Santa Natalia, convertida anteriormente ó cristianismo sen coñecemento do home, disfrazouse de varón e introduciuse no cárcere para contemplar os martirios do esposo. Azoutárono, cortáronlle unha man e as pernas cunha macheta. Quixérono queimar, pero o seu cadáver volveuse incombustible. Por último, recolleron o corpo e levárono a Constantinopla (Istambul) onde o soterraron. A ela desprazouse Santa Natalia para vivir, ata o fin dos seus días, a carón das reliquias do esposo. Tres séculos máis tarde a devoción a Santo Hadrián estendeuse pola Hispania visigoda para se converter nun dos santos de máis culto antigo na Península. En Galicia esparexeuse polos concellos máis occidentais, mentres que, na actualidade, en Bergantiños se celebra en catro parroquias. Dúas mariñeiras: Corme-Aldea (Ponteceso) e Malpica de Bergantiños. Dúas labregas: Sofán (Carballo) e Verdes (Coristanco). A romaría de Santo Hadrián en Malpica é a máis sonada da comarca, ademais dunha das máis salientables da Costa da Morte, xunto co San Fins do Castro, a romaría da Barca de Muxía ou os Milagres de Caión. As catro rivalizan na presenza dos milleiros de devotos que acoden puntualmente ó seu entorno relixioso. A contorna relixiosa de Santo Hadrián no Monte de Beo xurdiu enriba dun espazo sacro precristián, xa que, segundo manifesta Antón Rodríguez Casal na Carta arqueológica del partido judicial de Carballo de Bergantiños (Coruña), aquí encontráronse os restos arqueolóxicos do castro coñecido como Bico do Castro: «sobre una cresta, cuyas laderas llegan al mar, en lo más occidental del Cabo de San Adrián ―al que se conoce también con el nombre de Monte do Castro―, parroquia de San Xiao de Malpica». Para o arqueólogo, os vestixios históricos apenas son visibles, mais, polo contrario, perdura a lenda, que para nada fala de serpes e si de tesouros soterrados: «disque na caída do Bico hai un cacharro de ouro e ouro de xufre. Puxeron os dous xuntos porque si estala o de xufre, seguro que envenena a quen o rompa». Un cruceiro, a fonte de augas milagreiras, unha capela, a vigorosa romaría e a lenda do santo son as pegadas actuais do proceso de cristianización deste antigo espazo sacro. A cruz de pedra, exenta de decoración, érguese a medio camiño da ermida e das illas Sisargas. A súa presenza faise constante enriba do pedestal de escaleiras como unha parte máis da paisaxe que domina o cabo. É agradable a mirada, a través dos seus brazos, de cómo o promontorio de Santo Hadrián se intenta achegar ata a máis próxima das Sisargas, a Chica, nun esforzo en balde. A ermida, humilde e alongada, conta cun altar exterior apegado no oeste e está rodeada por un cercado de formigón e pedra. A primitiva construción databa do XVI. Un século máis tarde, Jerónimo del Hoyo, nas Memorias del Arzobispado de Santiago de Compostela, fálanos aínda da súa existencia: «... otra de San Adrián en la parte de la tierra». A actual, branca e con teito en tella do país, que a deixan ver desde o mar, é unha construción de principios do XX e na que hai que salientar a espadana coroada por cataventos de ferro. Na imaxinería destaca unha imaxe de Santo Hadrián, «bella talla del siglo XVII, cargada de ingenuidad e impresionando como producto del arte popular», segundo nos comenta Juan José Cebrián Franco no volume Santuarios de Galicia, que aquela se garda na parroquial durante todo o ano e que tan só sobe á ermida o día da romaría. Á beira do camiño e fóra do adro, como resto de cultos hidrolátricos, abundante en mananciais, a fonte de augas milagreiras cóbrese, desde o día da romaxe para o resto do ano, cun colorido manto que tecen os panos dos romeiros. As augas posúen propiedades curativas para sandar as verrugas, sempre e cando o ofrecido as molle con fe e deixe o mulido, como ofrenda, entre a filgueira que a rodea. A asistencia ós oficios relixiosos comeza cunha novena que realizan grupos de tres a seis persoas durante a cal van en peregrinación desde Malpica de Bergantiños ata a ermida, en tanto no camiño rezan o rosario e lle dan varias voltas á capela. E tamén no tempo en que algúns romeiros acoden ás misas celebradas na igrexa matriz para escoitar oficios días antes do 16 de xuño. Tan só chega que o párroco enuncie que «esta misa vale por Santo Hadrián». O día da romaría comeza coa misa da alba na vila de Malpica de Bergantiños. Desde aquí, as imaxes de Santo Hadrián e Santa Natalia, cos mantos engalanados de billetes presos de alfinetes, son levadas en andas por ombreiros de ofrecidos ata o Monte de Beo. Atravesan as rúas alfombradas de espadanas para a festa. A ascensión é acompañada por unha multitude de romeiros, uns de pés descalzos, outros axeonllados, coa noite nas pálpebras. Carrexan nas mans brandóns, corpos de cera e exvotos, facendo visible así, desde ducias de anos, o ronsel desta fervorosa romaxe. A Area Maior de Malpica de Bergantiños, o promontorio de Canido, debuxado en mil valados que cercan as posesións terreas, o pequeno areal de Seaia, que se pinta de batidos taraios, e unha senda parella á recortada ribeira serven de mapa do percorrido para se achegar á fonte de Navenllos e á ermida. Desde o mar, embarcacións ofrecidas, seguen a procesión con lanzamento de foguetes. A mediados de século algúns destes barcos ten varado nos baixos do cabo de tanto se achegaren por mar á comitiva. Porque, entre os mariñeiros, a devoción na imaxe é maiúscula. Unhas veces ó lle poñeren o nome de Santo Hadrián a algunhas embarcacións da vila. Outras, porque aquelas que realizan as súas capturas entre os Baixos de Baldaio e as Sisargas, ó pasaren a rentes do cabo, e na hora do Ánxelus, se persignan e rezan o Noso Pai. Ou tamén, porque en todo o Cabo Santo Hadrián existen numerosas marcas e a propia capela que indican caladoiros para os barcos do día de Malpica de Bergantiños. Aínda que non só é devoto entre mariñeiros, senón tamén entre emigrantes, xa que cada Nadal, auspiciado por aqueles que se achegaron á Terra Nai, se celebra unha misa na capela na súa honra. Digamos que Santo Hadrián forma parte da medula da maneira de ser de todos os malpicáns, tanto que cada vez que un neno ou nena se bautizan con seu nome (Hadrián ou Hadriana) o párroco fai resoar as campás da parroquial. Días antes da romaría o recinto sacro comeza a vivir un ambiente festivo que lle vén dado polas casetas, as vendedoras de roscas, toda caste de enganadores e a mendicidade. Os romeiros teñen a obriga de acudiren a calquera das seus misas que se celebran. En tempos, cando a superstición estaba máis viva no rural galego, acudíase ás misas con vacas ou calquera animal doente. Non obstante, o momento álxido da romaría é a misa maior que se celebra a mediodía. Por entre os fregueses, os sancristáns, vestidos para a ocasión, pasean coas bolsas para recibir os donativos, que despois encherán sacos de patacas ateigados de moedas e billetes. No remate da misa, a poxa da función para o ano vindeiro que o anterior párroco non deixaba á alza, para que non fosen sempre as mans dos armadores máis ricos os que agasallasen o santo. Tras a misa e do baile no campo da romaría, hoxe desaparecido, celébrase a sardiñada, organizada por asociacións locais, ou as comidas particulares, estas tamén en retroceso. Segundo Juan José Cebrián Franco, a sardiñada substituíu «la costumbre que existía por parte de los miembros de la Cofradía de San Adrián de festejar al Santo mediante una suculenta comida que cargaban sobre las cuentas de la misma». O banquete debía ser tan escandaloso que «a veces ocasionaba altercados desagradables hasta el punto de verse obligados los prelados en varias Visitas Pastorales a ordenar la supresión de esta costumbre», indica Cebrián Franco. Desde 1950, unha peculiaridade que tamén se perdeu foi o costume de baixar o santo, consistente en que alguén pasase unha pequena talla de Santo Hadrián «sobre la cabeza, los hombros, pecho y espaldas del ofrecido diciendo mientras tanto una oración ritual, ancestral, en la que se invocaba el poder del Santo y de Dios», como describe Cebrián Franco. Na parroquial aínda se gardan «tres imágenes dedicadas en otros tiempos a este fin», conforme nos di Cebrián. Despois do xantar, o reducido número de romeiros acoden á poxa dos animais ofrecidos ó santo ó longo do día. Cadaquén paga o prezo de cada peza en diñeiro, moito máis do que ofrecería en calquera mercado ou praza. Rematada a subhasta, a reducida comitiva acompaña os santos na baixada da procesión polo mesmo camiño que seguiran na primeira hora do día. Desapareceu tamén a danza da procesión de baixada que se organizaba nun relanzo do camiño arredor das figuras santorais. Para Cebrián Franco a primitiva danza desapareceu porque «fue degenerando hasta convertirse en un baile chabacano. Hubo discusiones hasta que por fin se llegó al acuerdo de proscribir de tal acto el baile moderno o agarrado exigiendo que los únicos bailes a realizarse serían los típicos gallegos. En ocasión hubo algunos que se obstinaron en bailar el agarrado, lo que ocasionó un tumulto que terminó con la supresión de esta tradicional danza». A mitoloxía de Santo Hadrián dinos que o santo se achaba predicando por terras occidentais de Galicia, por aquel tempo cubertas de serpes, e dun forte golpe dado co pé abriu un burato no chan por onde desapareceron todas. En Gondomil (Corme. Ponteceso) a lenda dinos que tras o peto no chan as serpes quedaron encantadas baixo da Pedra da Serpe para sempre. Unha apareceu gravada na propia pedra. Hoxe podemos observar o altorrelevo dunha serpe alada, con cola rematada en punta triangular, con cabeza e pescozo contorsionados. Figura que se pode encadrar desde a época medieval ata a barroca, en opinión de Francisco Calo Lourido e Antón Rodríguez Casal no artigo "Aportamento ó estudio do tema da serpe en Galicia. A Pedra de Gondomil", que contrasta coa de autores como Barros Silvelo, Murguía ou Carré que a consideraban prerromana. A lenda malpicá cóntanos que unha comunidade de monxes, que habitaba nas Sisargas, se vía asediada por unha gran colonia de serpes. Santo Hadrián, que se encontraba predicando o evanxeo pola Costa da Morte, en tempo de marea baixa, achegouse ás pedras da ribeira e díxolles: «Eu, Santo Hadrián, libérovos das serpes e desde hoxe nunca máis ás Sisargas irán». Dito isto, pisou unha que pasaba a rentes dos seus pés e gravouna nas mesmas pedras da ribeira. Xunta ela deixou tamén insculpidas as súas pegadas e a cunca. Aínda hoxe, próximo á zona coñecida como O Portiño ou A Graña, podemos observar os restos que serviron de alimento á imaxinería popular ó longo dos séculos para manteren vivas, tanto a lenda como a devoción no santo. Nunha observación máis científica repararemos que a cunca e as pegadas son as pías que nacen froito da erosión da pedra e a «culebriña» é unha formación rochosa na que nin tan sequera interveu a man do home coma en Gondomil.

San Hadrián é barqueiro, barqueiro é San Hadrianhe. San Hadrián é barqueiro, que leva o remo na manhe.

Nesta ocasión a cantiga non é tan sabia. A iconografía represéntanos a un Santo Hadrián, con sandalias, vestido de romano, coa palma do martirio presa entre o manto de pregues barrocos e o antebrazo esquerdo. E na dereita unha cruz ergueita como símbolo da súa conversión ó cristianismo.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: