Actualizado en data 15/12/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

REVISTA (ISSN 1887-2859)

nº 04 (2008).-SEIXO PASTOR, Marcos: Xurar e fumar

Título: Xurar e fumar. Autor: Marcos Seixo Pastor Revista de Investigación 4, ano 2008. ISSN 1887-2859 ________________ Non sei se estas liñas que vou reproducir teñen interese etnográfico suficiente para ser reproducidas en Galicia Encantada, mais decidín envíalas porque conteñen expresións, ditos e experiencias evocadoras para min e que seguramente poden resultar estrañas e curiosas para a xente máis nova. Na miña xeración, e de seguro tamén en moitas xeracións anteriores e posteriores, había dúas probas necesarias para demostrar que xa se era home: xurar e fumar. Cando fun vivir para Cuntis, con dez ou once anos, iniciouse a miñaa afección polo tabaco, ou, mellor dito, por fumar, pois o que consumíamos ao comezo non era exactamente tabaco. Era un verán de principios dos anos 70 e as mazarocas de millo comezaban a madurar mostrando con ostentación as súas venerables barbas castañas, pois, ao contrario do que sucede coas dos seres humanos, inicialmente son de cor branca e despois, pouco e pouco, comezan a empardecer até adoptar unha cor castaña escura. Coincide isto cun tempo en que os carballos están cargados de landras, e este froito (ou semente, se se prefire) era ideal, cando tiña un tamaño considerábel, para construír unha estupenda pipa ou cachimba. Cunha navalla furábase por un extremo a landra até deixala oca por dentro, procurando non sacarlle toda a polpa para que non quedara demasiado feble. Despois espetábaselle por un lado do extremo que permanecía pechado o pau dun chupa-chups, que daquela xa eran de plástico. Logo a cousa era ben doada. Cargábase a pipa con barbas de millo ben secas, prendíaselle lume e chupábase polo tubiño plástico. Non duraba demasiado, e mesmo cumpría non aproveitar demasiado este sucedáneo de tabaco pois ao final tiña mal sabor, cando a brasa baixaba até o plástico e comezaba a derretelo. Realmente aquilo sabía a raios, mais o de ser un home conlevaba os seus sacrificios. Algúns rapaces experimentados comentaban que antes de existir os paus de plástico usábase no seu sitio algún tipo de palla dura que facía este mesmo mester, mais, como vemos, a modernidade e os avances da técnica chegan aos ámbitos máis insospeitados. Coa chegada do outono e o comezo do curso escolar acabábase o de fumar de balde e axiña houbo que botar man da industria tabaqueira, aínda que a nosa achega económica a este sector non era demasiado importante: os catro cigarros Celtas Cortos que nos daban por unha peseta eran todo un banquete para compartir entre varios, e ás veces un mesmo pito podíase apagar e deixalo para outro momento. Naqueles conclaves no monte da Roza, distanciados da ollada inquisidora dos adultos, os que eran algo maiores aprendíanlle a fumar aos máis pequenos nun ritual de iniciación que incluía aprender a tragar o fume, botalo polo nariz ou mesmo botar pola boca círculos de fume e outras acrobacias. Cando xa se tiña unha certa experiencia aprendíase a falar aguantando o fume nos pulmón sen que saíse nada. Ben recordo cando conseguín meterlle unha calada ao pito e dicir de corrido, sen trabucarme e sen que me saíse nin un chisco de fume, tal como me ensinaban os maiores: "Fun ao monte, cortei un ca rro de toxo, planteille lume e aí vai o fume", aínda que resultaba máis universal pronunciar o pareado "O home que sabe fumar bota o fume despois de falar", soltando inmediatamente despois unha boa bocanada de fume que deixaba abraiados aos máis pequenos.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: