Actualizado en data 15/12/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

REVISTA (ISSN 1887-2859)

CATEGORÍAS RELACIONADAS

nº 04 (2008).-SOLLA, C.: Mitoloxía do río dos Gafos (Pontevedra)

O río dos Gafos nace na fonte do Salgueiriño, illó do Mato da Xestiña, lugar da Boullosa, freguesía de Figueirido, concello de Vilaboa, provincia de Pontevedra. O río dos Gafos atravesa as freguesías de Figueirido e Bértola do concello de Vilaboa, e Salcedo, Tomeza (freguesías rurais), A Virxe do Camiño, San Xosé e Santa María (freguesías urbanas) do concello de Pontevedra. O río dos Gafos desemboca na ría de Pontevedra (peirao das Corvaceiras) a carón do rueiro da Moureira. Casuística: A POZA DA MOURA O pego do río dos Gafos coñecido por poza da Moura, ao pé das Brañas de Salcedo, onda o Mar da Presa, encalco do muíño de Cabanas, está vencellado á lenda dunha moura, encanto de loiros cabelos, xenuíno ser mítico do patrimonio inmaterial da galeguidade: Contan os nosos maiores que hai moito, moito tempo, un labrego da contorna, alindaba o seu gando nas Brañas, á beira do río dos Gafos. Coma ensoñación, do goio xurdiu unha fermosa muller en cuxos cabelos aniñaba o refolguexo do sol. A engaioladora dama adiantoulle que unha das súas vacas ficara preñada había pouco e que ía parir dúas fermosas crías, un xato e mais unha xovenca. En troco polo bo agoiro, a moura pedíulle ao gandeiro que lle chimpase a becerra na poza cando a vaca librase. Pasaron os meses, pariu con ben o animal e, consonte o vaticinado pola xacia, trouxo unha repoluda parella de vitelos. Lembrou, daquela, o noso home, o trabuco avindo. Botou contas e reparou que, na feira, pagaríanlle mellor a becerra, polo que no canto de botar na poza a femia, botou o macho. Nun pestanexo, as augas calmas argallaron un remuíño e do ollo da ola aboiou unha grade de pau. Sentada nunha pena do río, fíxose visíbel a moura, recriminoulle ao labrego o seu aquel migalleiro e, antes de se sumir no piago, díxolle que de cumprir co trato, teríao agasallado cunha grade de ouro. Bole na aldea unha outra versión, que, segundo o escoitado, é a que se lles adoita contar aos cativos: Os vellos advirten os nenos do perigo agochado na poza da Moura, posto que, hai anos, un home que pasaba polo lugar guiando unha xugada, por causas aínda non ben esclarecidas, caeu ao río e xamais nunca se volveu saber del. Sospéitase que andaba en tratos coa moura da poza e quizais por non gardar fidelidade á palabra dada, o encanto cativou o campesiño, a parella e mais o carro, ad vitam aeternam, na insondábel fondura. [Informantes: Adelina Laxe Souto (70 anos) e Xosefa Acuña González (65 anos), veciñas de Tomeza] O DEMO ASUBIADOR Verdade ou lenda, alí onde o río dos Gafos se nomea río da Estación (Figueirido), acostuma escaravellar un trasno rebuldeiro, o demo asubiador. O tal perello ten por ocupación escoller no aninovo o parvo da aldea, un parvo por ano. O demo inviste o seu lecer, que é moito, asubiando no ouvido do escolleito. A vítima pasa o ano escoitando campás e sen saber onde. Cumprido o prazo, o mítico pillabán afánase na elección doutro coitado, e, segundo din, isto leva acontecendo dende que as orellas penduran da cachola. [Informante: Pedro Aboi Santos (65 anos)] O RACHADOR Segundo testemuñan os naturais, no mesto milleiral dos Redondelos (Salcedo), na ribeira do río dos Gafos, embosca o Rachador, sanguento asasino. O inclemente Rachador escolle por vítimas as mulleres que, sen compaña, vadían imprudentes polos arredores. O Rachador viola e mata sen dó. Ignórase a identidade ou natureza do desapiadado agresor, descoñécese o seu paradoiro, así como a maneira de pór fin ás súas atrocidades. _________________________ Máis información sobre o río dos Gafos en VAIPOLORÍO. _________________________


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: