Actualizado en data 15/12/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

REVISTA (ISSN 1887-2859)

CATEGORÍAS RELACIONADAS

nº 04 (2008).-LÓPEZ COSTERO, Fermín: A sierpe rupiana

[Debuxo de Lázaro Enríquez] O mito das serpes fabulosas, como o dos dragóns, está presente en case todas as culturas que habitan ou habitaron o noso planeta. Non podía faltar, xa que logo, no noroeste da Península Ibérica. En Galicia, moitas veces está relacionado coa fertilidade ou con certos remedios curativos, de maneira que a existencia destas serpes entraña aspectos positivos, tal e como ocorre na Pena Abaladoira da Serra do Xistral, no concello de Alfoz (Lugo). Con todo, o normal é que estes monstros supoñan unha terrible ameaza para os animais domésticos e para as persoas, como a que representaba a serpe do Castro de Troña, en Santa Mariña de Pías, Ponteareas, (Pontevedra), que, de cando en vez, baixaba e roubaba animais domésticos para comer, e ata falaba coas cabras: «¡Dáme do teu leite, que eu che darei o meu peite!», dicíalles. Ou a serpe de Casal, O Entrimo (Ourense), que sentía predilección polas raparigas, e todos os primeiros domingos de cada mes había que entregarlle unha, a cambio de que non destruíse a aldea. Outra serpe de sona é a que habitaba no Castro do Torrillón, en Xove (Lugo), que tiña sete cabezas. No entanto, o repertorio das serpes galaicas é tan variado e extenso, que daría para confeccionar un vademécum; así e todo, tamén merecen ser citadas a do Pozo de Xan de Candia (Abadín, Lugo) e a serpe voadora de San Pedro de Neiro, en Mazaeda de Neiro (A Fonsagrada, Lugo), entre outras. En Asturias, e en boa parte da provincia de León, estas fabulosas serpes reciben, preferentemente, o nome de cuélebres, e a súa «existencia» está relacionada co mito grego do dragón que custodia as mazás de ouro do Xardín das ninfas Hespérides, cuxo roubo constitúe un dos doce traballos de Heracles (Hércules). Igualmente, o vellocino de ouro sustraído por Xasón e os argonautas tamén estaba vixiado por un terrible dragón, segundo conta Apolonio de Rodas no seu poema épico titulado «Argonáuticas». Así e todo, na cultura celta, o cuélebre (ou o dragón) non era un ser perigoso, senón todo o contrario. Nas súas orixes exercía de xenio ou de protector de fontes e lagos; pero, a raíz da implantación do cristianismo, que viu nel a reencarnación do Mal -unha das representacións máis comúns do Diaño é, precisamente, a da serpe-, converteuse nun dragón terrible. Así foi como xurdiron lendas do tipo da de «San Xurxo e o dragón», nas que, no canto dun heroe laico, é un santo aguerrido quen acaba coa vida do monstro. O cuélebre, tal e como chegou ata os nosos días, é, polo xeral, unha serpe alada, que vive nos bosques, nas simas, nas covas e nas fontes e demais zonas húmidas, como as revoltas dos ríos e os regatos. O seu alento é fedorento e velenoso, e o seu espeluznante asubío percíbese a gran distancia. Ten como misión, case sempre, custodiar fabulosos tesouros -que non teñen por que ser unicamente de tipo material- ou persoas sometidas a encantamento -a maioría das veces, princesas de beleza arrebatadora-. Por este motivo, non dubidan en atemorizar, atacar e devorar a aqueles individuos ou animais que se achegan aos seus dominios, con frecuencia atraídos polos magoados cánticos das súas prisioneiras ou pola cobiza que provoca o seu tesouro. Os cuélebres son, xa que logo, terriblemente perigosos para as persoas que habitan na contorna das súas covas, que, coñecendo o seu carácter, adoitan alimentalos ben para que o animal non os devore ou para que non saquee os cemiterios, en busca de cadáveres recentes. Aínda por riba, o cuélebre medra de xeito incesante, e, a medida que se vai facendo vello, as escamas da súa pel vólvense máis grandes e máis duras, ata o punto de que rexeitan todo tipo de proxectís; entón, o único xeito de acabar con semellante fauna é ferilos nos ollos ou na gorxa, que son as súas únicas partes vulnerables. Porque o cuélebre non morre de vello; aínda que, durante a noite de San Xoán, perde os seus poderes e queda como aletargado. Entón é cando as súas fermosas prisioneiras, que en Asturias se chaman Ayalgas ou Atalayas poden fuxir, levando, se o desexan, os seus fabulosos tesouros. Debido ao seu crecemento continuo, chega un momento en que as dimensións do cuélebre son tan considerables que a súa gorida non pode contelo. Cando isto ocorre, non lle queda máis remedio que partir cara á Mar Callada co seu tesouro, por iso o fondo deste mar fabuloso almacena infindade de riquezas: montañas e montañas -submarinas- de tesouros, que, con todo, resultan inalcanzables para os humanos, debido ao número inxente destas criaturas que nadan ao redor deles. Ás veces, a envergadura do cuélebre é tan considerable que ata lle custa voar, por iso é polo que a máis dun as ás quedánselle enganchadas entre as árbores, provocándolle a morte por inanición, no medio de agónicos e espantosos bramidos. En Asturias son famosos, entre outros, os cuélebres de Brañaseca (Cudillero), Perllunes (Somiedo), Bisecas (Cangas do Narcea) e Salinas (Castrillón), así como o cuélebre do convento de Santo Domingo, en Oviedo, que moraba nunha cova adxacente e ía devorando un a un aos monxes, ata que un día o frade encargado da cociña deulle a comer un pan recheo de alfiletes e que lle supuxo a morte. En León, un dos cuélebres máis famosos é o que se escondía no faial do Monte Faedo, en Getino, localidade situada ao norte da provincia e pertencente ao municipio de Cármenes. No Bierzo, o cuélebre máis popular, sen dúbida, é o de Montes de Valdueza, coñecido co nome de «Sierpe Rupiana», polo Castro Rupiano (ou rupianense) que existe nas proximidades deste encantador pobo. Segundo a lenda, alá polo século VII, a espeluznante serpe de Montes habitaba unha cova situada por baixo da ermida visigótica da Santa Cruz, exactamente ao fondo do precipicio e á beira do río. Á parte de horrible, era tan longa que, cando a súa cabeza acadaba a ermida, a súa cauda aínda permanecía no interior da gorida. Polo demais, na súa dieta alimenticia non faltaban as persoas e o gando, pero cando este empezou a escasear, o monstro comezou a sentir predilección polos monxes do veciño cenobio de San Pedro -fundado de habúa pouco por San Fructuoso-, aos que atopaba moi suculentos. Os cenobitas, vendo tan mermada a súa gandería e tan ameazada a súa existencia, decidiron pedir axuda a San Fructuoso, que entón volvera a dirixir os destinos da súa primeira fundación monástica, en Compludo. Consciente da gravidade do caso, San Fructuoso, que era un monxe moi sabio e moi emprendedor, e que, antes que santo, foi bispo de Dumio e de Braga, no actual Portugal, decidiu retirarse uns días ao denominado Campo das Danzas, lugar sagrado -aínda que pagán- nas estribacións do Pico da Aquiana (ou Guiana), a meditar. Alí, acolléndose á divina inspiración, matinou un plano, tan enxeñoso como temerario, para poñer fin ao pesadelo que vivían os seus discípulos. De maneira que, nada máis chegar a Montes, o virtuoso e astuto monxe púxose ao choio e axiña conseguiu emborrachar á sierpe dándolle a comer un enorme pan de fariña de castañas que os seus compañeiros amasaran cunha mestura de mollo de tezo e de apio. Despois, cando o réptil quedou adormilado, introduciulle no seu único e terrible ollo un enorme pao de castiñeiro que previamente afiara e quentaro no lume, tal e como fixo Ulises co Cíclope Polifemo. Ao parecer, os asubíos e os golpes dados co rabo da serpe puideron oírse en todo Valdueza, tan tremenda era a súa dor; ata que, por fin, caeu morta, co cerebro abrasado. Na parte superior do arruinado retablo da ermida da Santa Cruz pode verse representado este episodio. Hoxe en día, hai atardeceres, na contorna do lugar de Montes, nos que, de súbito, se escoita un asubío afastado moi inquietante. Naturalmente, trátase do vento, que se filtra entre as copas dos frondosos castaños... ¿Ou seica non é o vento...?


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: