Actualizado en data 15/12/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

REVISTA (ISSN 1887-2859)

nº 04 (2008).-SOLLA, Calros: A legua do frade

No rigoroso Nadal de 1745, o nomeado frei Martiño Sarmento, fachón aceso do transcendental “siècle des Lumières”, ascendeu ao Outeiro do Coto, cemba do monte do Seixo, nun arrouto de curiosidade insatisfeita. Malia a súa formación cartesianista, o cincuentenario tataraneto do capitán Gosende de Meilide non arrombara no esquecemento as mil e unha historias que, verbo do Seixo e a son da lareira, escoitara de boca dos seus avós, ao abeiro dos grosos muros do pazo das Raposeiras. Cando, na chuviosa tarde do cinco de decembro, día do Señor, na compaña dun guieiro aldeán, encamiñou os seus pasos pola costa da Ghalghareta, o frade bieito arelaba non só enxergar o mar galego des a privilexiada curota, senón tamén pór o pé nesoutros recantos adobiados cos flocos do fantástico: o Castro Ghrande, toqueira do rato Rabisaco, citado no “Catálogo de voces y frases de la lengua gallega” (1745-1755); a Laxa Mosqueira, loada na “Colección de voces y frases gallegas” (1746-1770); a prodixiosa carqueixa do Seixo (“Chamaespartium tridentatum”), á que lle dedicou en 1759 un minucioso tratado: “Disertación sobre las eficaces virtudes y uso de la planta llamada carquesa, conocida en Galicia por el nombre de carqueixa”... Ducias de referencias, esparexidas polos seus escritos, que, xa daquela, facían fincapé na extraordinaria singularidade da montaña. Mais, non foi Sarmento o primeiro en facer aprecio das privativas calidades do monte do Seixo. Cincocentos setenta e oito anos antes da aventura do frade das Raposeiras, nas calendas de xaneiro de 1167, o rei de Galiza Fernando II, fillo de Afonso VII “o Emperador”, fixera doazón do ansiado monte do Seixo aos frades do mosteiro da Armenteira (Meis). Consonte a historia, don Ero, señor feudal da Armenteira, foi nobre cortesán, maiordomo do rei Afonso Reimúndez. O arcebispo Xelmírez coroara emperador a Afonso VII na catedral de Compostela no ano 1110. Don Ero e a súa dona vivían amargurados por non poder enxendrar descendencia. Inspirados pola Virxe no transo da ensoñación, decidiron abandonar os asuntos mundanos e entregar a súa vida en prol da regra cisterciense. Don Ero transformou o seu castelo do monte Castrove nun mosteiro baixo a advocación de Santa María. A seguir, foi nomeado abade e por mor da súa amizade co rei, acadou da coroa gorentosos privilexios, entre eles, o agasallo do monte do Seixo. Consonte a lenda, don Ero, abade da Armenteira, transmitíralle ao rei o interese do mosteiro por se beneficiar do alleamento de terras na bisbarra de Montes. O rei aviuse á petición, mais, con non pouca retranca, outorgoulle en dádiva a superficie que abranguese a pelella dun boi. Don Ero non se engurrou. Habelencioso, fixo do pelico finas fitas de coiro coas que deslindou unha tenza dunha legua (5.572 m) de lado, uns 30 quilómetros cadrados de superficie, a chamada “Legua do Frade”. Ao rei da Galiza non lle quedou outra ca recoñecer e gabar a viveza do relixioso. Curiosamente, o abade Ero fixou as derregas da nova propiedade acaroándoas no monte do Seixo a fitos ben coñecidos, a saber: a Mámoa Ghrande de Chan de Mamas, sartego, segundo o pobo, do Tecelán de Carballás, hoxe asoballada polo transformador do parque eólico; a Mámoa de Xestido, localizada preto da Laxa Mosqueira, a par do muro do pasteiro; e o marco da fonte da Urce, penouco ateigado de riscos cruciformes, ao pé do camiño de Doade, o camiño da feira, non lonxe dun milladoiro destruído polas obras do parque eólico e da neveira de Cimadevila. Os dous marcos primeiros localízanse no actual concello de Forcarei. No marco da fonte da Urce, converxen os lindes dos concellos de Forcarei, Cotobade e A Lama. Alén do Seixo, unha mámoa da Portela da Cruz (parroquia da Barcia) e outra medorra do Outeiro dos Ramos, na serra do Suído, fincan as estremas da “Legua” de don Ero da Armenteira. O Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra conserva unha copia de copia da carta de doazón efectuada polo rei Fernando II ao mosteiro de Armenteira, onde se certifica e detalla todo o exposto. Non acaba aquí o conto. Don Ero atinxe a categoría de santo –dende agora, san Ero– cando na soidade do rezo e a meditación, no recollemento da fraga, demandoulle á Virxe testemuño do Paraíso, do Máis Alá. Ao tempo, ficou arroubado polo rechouchío dun rousinol. Recuperada a consciencia, san Ero encarreirouse cara ao mosteiro, mais ningún dos freires recoñeceu o noso santo, xa que a súa éxtase delongárase trescentos anos. A comunidade escoitou as razóns de san Ero, acadando a gozosa conclusión do milagre mariano. Pouco tempo despois, revelada a súa peripecia, o frade faleceu. A cristianizada lenda da viaxe ao Paraíso, ao Alén, é patrimonio inmaterial común das nacións celtas: os príncipes irlandeses Bran mac Febal e Maelduin, o abade irlandés san Brandán, o abade santo Amaro, o monxe galego Trezenzonio... foron protagonistas destes periplos (“immrama” en lingua gaélica) por insondábeis latitudes. A nº 103 das “Cantigas de Santa María”, que o rei Afonso X “o Sabio” (1252-1284) compuxo na honra da Virxe, recolle este suceso excepcional. A cantiga en cuestión é introducida como segue: “Esta é como Santa María feze estar o monge trezentos anos ao canto de passarĩa, porque lle pedía que lle mostrasse qual era o ben que avían os que eran en Paraíso”. Vou concluíndo. Posto que amasamos na artesa do lendario, sábeme pór en relación o eslumecido interese de san Ero da Armenteira por engadir o monte do Seixo ás posesións do cenobio co seu degoxo por obter respostas do Outro Mundo. Sábeme indicar tamén que a mítica peneda de Portalén, o portelo dimensional do Seixo, inclúese dentro da “Legua do Frade”, tal e como este dispuxo as estremas. Engado finalmente que, segundo a tradición, nada do visto ou escoitado tras a soleira de Portalén pode ser dado a coñecer sen pór en risco a vida de quen incumpre o pauto. Lémbrese a súbita morte do abade tras compartir cos seus a fabulosa experiencia. Coñecía Ero da Armenteira a maxía atesourada no monte do Seixo? Saciou o frade a súa curiosidade no oráculo de Portalén? Cantos máis segredos agocha a nosa montaña máxica? Cómpre teimar na procura das respostas.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

Subimos ó monte Seixo a pasada fin de semana. Estivemos en Portalén. Gracias por falar da nosa aldea.

Enviado por bufo o 08/03/2008 ás 16:20:41


O Seixo nunca nos deixará de sorprender.

Enviado por Portomartiño o 21/01/2008 ás 11:38:44


Enviar comentario a este artigo: