Actualizado en data 11/10/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

REVISTA (ISSN 1887-2859)

nº 03 (2007).-BLANCO PRADO, J. M.: Fondos etnográficos e antropolóxicos de Galicia na biblioteca do Seminario Diocesano de Lugo (III)

©José Manuel Blanco Prado (http://www.galiciaencantada.com) _________ Autor: José Manuel Blanco Prado (nota 1). Artigo publicado orixinalmente en “Lucensia”. Miscelánea de Cultura e Investigación.Biblioteca Seminario Diocesano.Nº 22. Vol. XI. Lugo, 2001, páxs. 111-123 [versión ampliada]. ____________________________________ A chamada Etnografía realista moderna ten como fundamento a capacidade de convencer ó lector da autenticidade do que se manifesta. De aí que o etnógrafo sexa un mediador entre a cultura que estudia e os lectores que, pertencentes a outras esferas culturais, agardan un texto intelixible (nota 2). Por outra banda o texto etnográfico rematado non existe, sempre é unha aproximación, debido a que todo autor está baixo a influencia do seu contexto (nota 3). Neste terceiro artigo sobre a cuestión proposta, fago referencia a corenta e unha obras, que ordeno, segundo unha disposición cronolóxica, do ano 1961 ó 1991. Sete destas obras, correspondentes ós anos 1961 ó 1980, non puideron ser examinadas no segundo artigo por razón alleas a miña vontade, polo tanto fago unha análise delas no presente estudio. Desde o punto de vista temático distingo no conxunto da obra tres niveis de contidos: 1º. Contidos de base espiritual: 19 obras. 2º. Contidos de base material: 10 obras. 3º. Contidos de base espiritual e material: 12 obras. En todas estas obras fago alusión ós principais temas de índole etnográfico e antropolóxico. Finalmente desexo que as 127 obras, que fun mencionando e resumindo nestes tres artigos, poidan servir de guía e orientación para todas aquelas persoas que, con inquedanzas etnográficas e antropolóxicas, realicen un estudio ou investigación sobre calquera dos variados temas tratados nas mesmas. RELACIÓN DE OBRAS. TABOADA CHIVITE, Jesús.: Folklore de Verín. Las creencias y el saber popular. Orense: La Región, 1961.. Nesta obra de 126 páxinas, Xesús fai unha análise dos seguintes temas: 1. A relixiosidade antiga e as súas supervivencias. 2. O calendario relixioso. 3. A expresión da relixiosidade actual. 4. A bruxería e outras supersticións. 5. As preocupacións vulgares e a ciencia popular. LORENZO FERNÁNDEZ, Xoaquín.: Cantigueiro popular. Vigo: Fundación Penzol. Galaxia, 1973. Este libro está composto de 300 páxinas. Da 29 á 165 o autor fai mención a dúas mil cincocentas corenta e sete cantigas de temas variados. Da 169 á 170 a nove composicións. Da 171 á 178 a seis desafíos. Da 179 á 185 a once parrafeos. Na 189 a sete oracións. Da 193 á 195 a seis romances. Finalmente da 199 á 280 Xoaquín fai alusión a oitocentas sesenta e sete notas sobre o cantigueiro. MARTÍNEZ RODRÍGUEZ, Ignacio.: El hórreo gallego. Fundación Pedro Barrié de la Maza, Montevideo (Uruguay), 1975. Ignacio, nesta obra de 408 páxinas, fai un estudio das seguintes cuestións: 1. O cultivo do millo. 2. A función do hórreo. 3. As súas denominacións. 4. Os seus orixes e a súa evolución. 5. Os seus elementos arquitectónicos. 6. O material empregado na súa construcción. 7. Finalmente, a súa tipoloxía no ámbito galego. O autor ademais fai alusión a unha bibliografía comentada sobre esta construcción, a un breve vocabulario e a tres apéndices, que tratan sobre os hórreos portugueses, asturianos e vascos. A obra leva tamén 187 ilustracións sobre esta construcción popular. RIELO CARBALLO, Nicanor.: A romaxe do Faro. Vigo: Col. “O Moucho”, nº 56. Ed. Castrelos, 1978. Nesta obra de 45 páxinas Nicanor fai referencia á historia do santuario; ás súas características artísticas e devocionais; ás lendas da Virxe; ao refraneiro; ás cantigas populares; ás cantigas de amigo de Xoán de Requeixo (S.XIII); aos cantares de Avelino Gómez Ledo e ás coplas dun devoto. ROMANÍ, Arturo.: Xogos infantiles de Galicia. Santiago: Follas Novas, 1979. Esta obra está composta de 98 páxinas. Ó inicio leva un limiar de Baldomero Cores Trasmonte quen expresa " que este libro é unha tecnoloxía do xogo galego, porque adepréndense as normas que rixen os distintos xogos..." Logo, Romaní fai unha pescuda dos xogos dos rapaces no inverno, distinguindo entre outros, a trompa, o trompo, a estornela, o corno, o pincho. Tamén analiza os xogos dos rapaces no verán, resaltando os anuncios, a chave, a tumba de gatos etc. Finalmente fai referencia a outros xogos: a pá, o cotelo de parella, o coviño, o xogo do galo etc. SUÁREZ, Andrés.: Luaña. Mitos, costumes e crencias dunha parroquia galega. Vigo: Ed. Galaxia, 1979. O autor fai un exame, nesta obra de 104 páxinas, dos seguintes asuntos: 1. Dalgúns datos xeográficos e históricos da parroquia. 2. Da súa base económica e ás propiedades comunais. 3. Da Santa Compaña e das Ánimas do Purgatorio. 4. Do Trasno e dos poderes que posúe o patrón da parroquia, S. Xián. 5. Dalgunhas romarías importantes: S. Andrés de Teixido. Stª Minia de Brión. A Virxe da Barca. A Paz de Romarís. San Ramón de Hermedelo. 6. Dalgúns rituais sobre a noite do S. Xoán e dalgunhas crenzas sobre as meigas, o meco ou cocón, os biosbardos. 7. Do poder do sal e do costume de atar a San Antón. A obra leva ademais sete ilustracións, que tentan ser un reflicte dalgúns dos seus contidos. GARCÍA ALÉN, Alfredo.: A alfarería na literatura popular galega. Vigo: Galaxia, 1980. Nesta obra de 118 páxinas Alfredo describe 285 cantigas. 13 formuliñas dos pícaros. 260 refráns. 62 frases e modismos 23 adiviñas. Como remate fai mención dunha bibliografía referente a estas cinco manifestacións da literatura popular. FARIÑA JAMARDO, José.: La parroquia rural en Galicia. Madrid: Instituto de Estudios de Administración Local. 2ª ed.,1981. Este libro consta de 544 páxinas. Da 13 á 127 o autor fai unha análise da orixe histórica da parroquia. Da 136 á 176 estudia a parroquia como entidade eclesiástica, distinguindo entre outras cuestións: as contas de fábrica, os mordomos, o funcionamento das confrarías, os cemiterios etc. Da 245 á 254 fai referencia aos traballos, servicios e obras comunitarias. Finalmente da 254 á 264 distingue a parroquia rural como unha entidade sociolóxica, expoñendo os feitos sociais diferenciais, a unidade parroquial, as festas etc. BOUZA-BREI, Fermín.: Etnografía y folklore de Galicia (1). Vigo: Ed. Xerais de Galicia, 1982. Ó inicio deste libro, que está composto de 315 páxinas, hai un prólogo de D. Julio Caro Baroja quen manifesta " que los escritos de D. Fermín son sobre todo obra del amor de un gallego a su tierra y a su raza..." Logo o seu fillo D. Xosé Luís Bouza Álvarez fai unha recompilación de trece artigos publicados en diferentes revistas científicas. Trátase dos seguintes: 1. El maestro Mateo en la tradición popular de Galicia. 2. Fortuna de las canciones de gesta y del héroe Roldán en el románico compostelano y en la tradición gallega. 3. El lagarto en el folclore galego-portugués. 4. Referencias a una eutanasia familiar primitiva en el folclore galego-portugués. 5. Ritos agrarios propiciatorios del espíritu de la tierra en Galicia. 6. La liturgia popular del juego de los "petos" y otras piezas cerámicas en Galicia. 7. Ritos impetratorios da choiva en Galiza: a inmersión dos " sacra" e os vellos cultos hídricos. 8. Un conto oriental na Galiza. 9. Os cesteiros galegos de Mondariz e a súa fala gremial. 10. El santuario de la Barca y su tradición marinera. 11. Los mitos del agua en el noroeste hispánico. 12. El tema romancesco del ciervo del pie blanco en la novelística popular gallega. 13. Galicia factor en el folclore americano. Contactos del folclore canario con el galego -portugués. TENORIO, Nicolás.: La aldea gallega.. Vigo . Ed. Xerais, 1982. Esta obra está composta de 176 páxinas. Ó inicio leva un prólogo de Carlos García Martínez quen revela " que este libro es el primer intento más o menos exhaustivo y global de recogida de datos etnográficos de una comarca homogénea y definida...Se trata, de una observación empírica de primera mano, sin encuestas cubiertas por intermediarios más o menos cultos..." Logo Nicolás fai unha pescuda das seguintes cuestións: 1ª. A descrición do partido xudicial de Viana do Bolo. 2ª. A aldea. Fundación, condición social dos aldeáns e propiedade comunal da aldea. 3ª. Os costumes agrícolas da aldea: a xeira, a tornaxeira, a xeitura, a malla do centeo, as particións de augas, o cultivo dos prados, o cultivo e preparación do liño... 4ª. As tradicións familiares da aldea: o noivado, o matrimonio e a defunción. 5ª. As festas públicas da aldea: o día do Sto. Patrón, o Entroido, os Reis, a festa do S. Antón, os Maios, a noite do S. Xoán, o Fiadeiro etc. 6ª. As supersticións da aldea: a bruxa, a influencia do trasno, algunhas influencias que se levan a cabo o domingo de Ramos, sábado santo e o día do Corpus... TABOADA CHIVITE, Xesús.: Ritos y Creencias Gallegas. A Coruña: Sálvora, 2º ed, 1982. Nesta obra de 298 páxinas, Edicións Sálvora fai unha recompilación de catorce artigos do autor, publicados en distintas revistas castelás, galegas e portuguesas. Trátase dos seguintes: 1. La noche de S. Juan en Galicia. 2. El entierro de la sardina. 3. Moros y cristianos en tierras de Laza. 4. El culto a los árboles en Galicia. 5. O culto da Lua no Noroeste Hispánico. 6. La Navidad Gallega y su ritualidad. 7. O culto das pedras no Noroeste Peninsular. 8. Las leyendas castreñas. 9. Ceremoniales ígnicos y folclore del fuego en Galicia. 10. Moros y cristianos en Galicia y sus antecedentes bélico-religiosos. 11. El juego de las ollas en Galicia. 12. La encrucijada en el folclore de Galicia. BAS, Begoña.: As construcións populares. Un tema de etnografía en Galicia. Sada (A Coruña). Cuadernos do Seminario de Sargadelos, Ed. do Castro, 1983. Nesta obra, que consta de 270 páxinas, Begoña fai un estudio das construccións populares galegas, facendo a seguinte clasificación: 1. A casa: os seus elementos e dependencias. 2. As construccións de producción e elaboración agrícola: os alpendres e as palleiras, os hórreos, as adegas, os fornos, as eiras, os muíños. 3. As construccións ligadas coas actividades pesqueiras e marisqueiras: os peiraos e varadoiros, as pesqueiras, os secadoiros de redes e do peixe. 4. As construccións para o gando e animais da casa: as cortes e cortellos, os curros, os pombais, as alvarizas... 5. As construccións para a auga: as fontes, os pozos... 6. As construccións populares e os oficios: os oleiros, os bataneiros, os forneiros... 7. As construccións populares de índole relixiosa: os cruceiros, os petos de animas, as capelas, as ermidas e os camposantos. Tamén fai mención dalgunhas cantigas e refráns ligados coas devanditas construccións populares. A obra leva ademais 74 debuxos e 136 fotos en branco e negro. GIMSON, Mark.: As Pallozas. Vigo: Galaxia, 1983. Nesta obra de 120 páxinas Gimson fai inicialmente unha introducción xeográfica, tanto física como humana, do marco espacial que lle serve de estudio. Logo distingue catro partes: Na primeira describe as pallozas, resaltando a súa distribución en planta, a súa construcción, os utensilios e moblaxe e a súa tipoloxía. Na segunda analiza os factores modificativos, dándolle importancia ó clima, á situación, economía etc. Na terceira estudia as influencias culturais, distinguindo a tradición prerromana, os romanos, o cristianismo e feudalismo e a cultura moderna. Finalmente expón a relación existente entre as pallozas e as construccións vernáculas do noroeste de España e tamén co resto de Europa. GARCÍA ALÉN, Luciano.: La Alfarería de Galicia. Catalogación Arqueológica e Artística de Galicia do Museo de Pontevedra. T.I. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1983. Luciano fai unha análise, neste libro de 247 páxinas, dos seguintes contidos de índole xeral: 1. Unha aproximación á historia e á arte da alfarería de Galicia. 2. As grandes áreas da alfarería galega. 2.1. As ribeiras do Sil e do Miño: Portomourisco e o Seixo, Gundibós, Lobios, Santomé e Ramiras, Tioira, Outeiro, Niñodaguía... 2.2. As aldeas da Terra Chá: Gaioso, Silvarrei, Tirimol, Bonxe... A obra leva ademais 182 debuxos, 15 mapas e máis de 500 fotos relacionadas con distintos motivos da alfarería galega. GARCÍA ALÉN, Luciano.: La Alfarería de Galicia. Catalogación Arqueológica e Artística de Galicia do Museo de Pontevedra. T.II. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1983. Nesta obra de 248 páxinas o autor segue analizando as grandes áreas da alfarería galega: 1. A Galicia Litoral: Mondoñedo, As Pontes e S.Clodio, Buño, Betanzos, Bamio, Pontevedra etc. 2. As Alfarerías transplantadas: Prado, A Guarda, Rubiana. Ademais Luciano incorpora á obra 8 mapas e máis de 100 debuxos e 500 fotos ligadas con diferentes aspectos da alfarería galega. RIVAS QUINTAS, Eligio.: Historia del Santuario de los Milagros. Orense: Imprime S. Martín (Orense), 1983. Nesta obra de 187 páxinas Eligio fai un estudio dos seguintes temas: 1. O contorno xeográfico do santuario. 2. As súas orixes e a súa historia dos séculos XVII ao XX. 3. As confrarías ligadas a este ámbito sagrado. 4. Finalmente, a súa construcción, arte, economía, ensino, personaxes ligados ó mesmo e a súa intrahistoria. CID RUMBAO, Alfredo.: Historia de Allariz. Villa y Corte Románica. Orense. Diputación Provincial , 1984. Esta obra consta de 267 páxinas. Da 261 á 264 o autor menciona as quince freguesías do concello, nas que distingue as capelas, cruceiros, ermidas e santuarios máis importantes PORTELA, Cesar.: As pesqueiras do río Miño. A Coruña: Monografías do Patrimonio Monumental Galego, nº 1. Dirección Xeral do Patrimonio Artístico e Monumental. Xunta de Galicia. Consellería de E. e Cultura. Ed. do Castro, 1985. Portela, nesta obra de 46 páxinas, analiza os aspectos arquitectónicos, etnográficos, históricos e xurídicos das pesqueiras. Estas constitúen un dos monumentos con máis antigüidade sen modificacións esenciais desde a época medieval, que se seguen utilizando na actualidade en condicións de rendibilidade. Desde o punto de vista práctico a obra leva os croques dunha pesqueira e unha rede, a planta dunha pesqueira e un debuxo da canle fluvial do río Miño entre Baranda e Penedo (Arbol) (Pontevedra), onde aparecen sinaladas as pesqueiras existentes nestes lugares. MANDIANES CASTRO, M.: Loureses. Antropoloxía dunha parroquia galega. Vigo: Galaxia, 1984. Esta obra consta de 192 páxinas. Ó comezo hai un prólogo de Domingo García Sabell quen expresa " que o autor achegouse á aldea de Loureses e foi rabuñando nos feitos e pescudándolle-la raiceira significativa..." Mandianes divide o seu traballo en catro capítulos: 1. A percepción do tempo, onde distingue as corentenas rituais, ecolóxicas e o tempo cualitativo. 2. A percepción do espacio en relación cos elementos: aire, auga, lume e terra. O mundo ten un centro, pero maniféstase de varios xeitos. 3. A organización social. Os homes organízanse en grupos e transmítense a súa educación e a súa civilización. 4. O ciclo da vida. A comunidade ten medo da esterilidade, do celibato e da morte; reacciona con esperanza o día do bautismo, do casamento...; xúntase para facer fronte a tódalas ameazas. SANTAMARINA, Antón e SCHUBARTH, Dorothe.: Cancioneiro Popular Galego. Oficios e Labores. Vol.I. T.I. Melodías. La Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1984. Esta obra está composta de 300 páxinas. Nela ámbolos dous autores mencionan case 400 melodías referentes a oficios e labores. Ademais fan alusión a unha relación de informantes, segundo a orde das melodías, e ás localidades onde apareceron. A obra remata con cinco mapas de localización das melodías: un xeral de Galicia e catro provinciais. SANTAMARINA, Antón e SCHUBARTH, Dorothe.: Cancioneiro Popular Galego, Oficios e Labores, Vol.I, T.II, Letra. La Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1984. Nesta obra de 126 páxinas Antón e Dorothe recollen a letra de distintas cantigas e romances, que tratan sobre os seguintes temas (nota 3) : seitura (122), la e liño (49), costureiras e xastres (91), muíño (50), cocción e peneira (20), esfolladas (6), labranza (57), gando (21), pastores (38), labores da casa (43), foliadas (95), oficios (196), temas varios (130). Tódalas cantigas levan o lugar, onde foron recollidas, e ademais o ano e mes correspondentes. A obra remata cun apéndice de 60 cantigas sobre temas varios. VARIOS.: I Coloquio de Antropoloxía de Galicia. A Coruña: Organizado polo Museo do Pobo Galego e a Sección de Etnografía do Instituto de Estudos Galegos P. Sarmiento, Cuadernos do Seminario de Sargadelos nº 45. Ed. do Castro, 1984. Nesta obra de 260 páxinas os diferentes autores fan alusión a 20 artigos de etnografía e antropoloxía, que versan sobre os seguintes temas: 1. O pobo nunca tivo a Razón. 2. Algunhas consideracións ó redor das fontes etnográficas do libro III da Xeografía de Estrabón: as nocións de "logos" e "ethnos". 3. Jerarquía interdoméstica tradicional en el área de Monfero. 4. Análise antropolóxica da emigración. 5. La herencia en Galicia. Implicacións psicopatolóxicas da herdanza en Galicia: o troque da mellora. 6. Notas sobre los trabajos colectivos de una parroquia rural. 7. Notas para un estudio del meigallo: desorden y reconciliación. 8. Medicina popular: racionalidade das crises histéricas e da resposta ás mesmas. 9. Bruxas: as fillas de Mani. 10. Velatorio e manipulación de tensións. 11. Aproximación a antropoloxía e conflicto de linguas en Galicia. 12. Folclore de tradición oral: a necesidade dun enfoque diferente. 13. Notas para un achegamento ó xogo. 14. Vida e costumes dos galegos segadores en Castela. 15. O ocaso da cultura popular na Illa de Ons. 16. Das influencias nórdicas nas embarcaçoes tradicionais do NW. peninsular. 17. O territorio galego como patrimonio arquitectónico colectivo, a palloza:un exemplo de racionalidade arquitectónica fronte a un clima adverso. 18. O estudo do instrumental agrícola paleotécnico de Galicia:unha aproximación. 19. O muíño de Mesón: unha mostra para o coñecimento dos muíños de vento en Galicia. 20. Presente e futuro dos hórreos: ausencia e urxencia dunha planificación. FRAGUAS FRAGUAS, Antonio.: El traje galego. Catalogación Arqueológica y Artística de Galicia del Museo de Pontevedra. La Coruña: Fundación Barrié de la Maza, 1985. Nesta obra de 117 páxinas Fraguas fai alusión ó liño, á la, ó traxe na época castrexa e medieval, ás versións dezaoitescas e románticas, á roupa de muller, ó traxe masculino, ó calzado. Tamén fai referencia ás diferentes variantes comarcais con respecto ó traxe. GONZÁLEZ COUGIL, Ramiro.: Galicia. La Religiosidad gallega ordenada a una liturgia intercultural. Ourense: Diputación Provincial , 1985. Esta obra está composta de 214 páxinas. Ó comezo hai un limiar de Xaquín Lourenzo Fernández. Logo o autor fai referencia a catro capítulos: 1. O tema interdisciplinar da obra, na que inclúe a estructuración e a metodoloxía aplicada. 2. Os espacios da sacralidade galega, nos que distingue os lugares naturais: montes, augas, árbores... e os construídos polo home: casa, igrexa parroquial, cemeterio, cruceiros... 3. Os tempos da sacralidade galega: o ciclo festivo relixioso ao longo do ano, a vivencia relixiosa ao ritmo da alternancia noite-día e a vivencia relixiosa ao ritmo do devenir humano - etapa prenatal, parto, recen nacido, bautismo, infancia, adolescencia, xuventude, casamento, madurez e vellez-. 4. As persoas no ámbito sacral galego, distinguindo dous niveis: os personaxes sacralizados e con facultades supostamente extraordinarias - a meiga, a bruxa-sabia, os menciñeiros, os vedoiros... e as persoas con poderes sacros e axentes de funcións sacras - o crego, o sacristán, o mordomo, o confrade... A obra leva ademais 31 fotos en branco e negro e 1625 notas ós catro capítulos. MARTÍN, Paco.: ¿Que cousa é cousa? Libro das adivinas. Vigo: Cultura Popular. Galaxia, 1985. Martín nesta obra de 414 páxinas alude á 1102 adiviñas e as súas respostas correspondentes. Tamén fai referencia a 84 autores galegos, que realizan 206 adiviñas orixinais coas súas respostas. SANTAMARINA, Antón e SCHUBARTH, Dorothe.: Cancioneiro Popular Galego. Festas Anuais. Vol.II, T.I, Melodías. La Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1986. Antón e Dorothe, neste libro de 254 páxinas, fan mención a 291 melodías referentes ás diferentes festas anuais. Tamén expoñen unha relación de informantes, segundo a orde das melodías; un índice das localidades, onde se recolleron, e cinco mapas de localización das mesmas: un xeral de Galicia e catro provinciais. SANTAMARINA, Antón e SCHUBARTH, Dorothe.: Cancioneiro Popular Galego, Festas Anuais, Vol.II, T.II, Letra. La Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1986. Nesta obra de 102 páxinas ámbolos dous autores recollen e ordenan a letra de diferentes cantigas, que versan sobre as seguintes cuestións (nota 4): Nadal (86), Vilancicos (12), Aninovo e Reis (152), Aguinaldos (121), Paixón (3), Maios e María (15), Santos (19), Ánimas (4), Catequese (12)... Tódalas cantigas levan o sitio, onde foron colleitadas, e ademais o ano e mes correspondentes. FERRO RUIBAL, Xesús.: Refraneiro galego básico. Vigo:Biblioteca básica da cultura galega, Galaxia, 1987. Nesta obra de 614 páxinas podemos distinguir dúas partes: na primeira Xesús alude ás fontes que utiliza, ós criterios de clasificación e á linguaxe deste refraneiro. Na segunda describe 11363 refráns, que levan indicados a súa procedencia. SANTAMARINA, Antón e SCHUBARTH, Dorothe.: Cancioneiro Popular Galego, Romances tradicionais. Vol.III. La Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. Este libro consta de 341 páxinas. Nel Antón e Dorothe fan referencia a 164 melodías sobre romances, que tratan sobre os seguintes asuntos: históricos (9), mouros e cristiáns (22), presos (10), relixiosos (31), aparecidos e resucitados (16), amores e requerimentos (3), amor firme (30), incesto (16), adúlteros (13), seduccións (32), mulleres forzadas (10), amores desgraciados (20), mulleres malvadas (21), mulleres valentes (4), parellas desgraciadas (26), rapazas abandonadas (5), conquista (2)... Tamén mencionan unha relación de informantes, segundo a orde das melodías; un índice das localidades, onde se recolleron, e cinco mapas de localización das mesmas: un xeral de Galicia e catro provinciais. EYRÉ LAMAS, Xulio.: Contos, Lendas e Namoros, (Xulio de Abral). León: Ed. Evergráficas, 1988. Esta obra está composta de 120 páxinas. Ó comezo hai un breve prólogo de Anxel Fole quen expón " que é unha obra galega con sabios refráns e atinados ditos..." Logo o autor fai referencia a 49 contos, 17 lendas e 27 namoros. FRAGUAS FRAGUAS, Antonio.: Romarías e Santuarios. Vigo: Cultura Popular. Biblioteca Básica da Cultura Galega. Galaxia, Vigo, 1988. Neste libro de 380 páxinas Fraguas fai unha breve análise de 19 santuarios da provincia da Coruña, 10 da de Lugo, 22 da de Ourense e 20 da de Pontevedra. RODRÍGUEZ SÁNCHEZ, Manuel y BLANCO PRADO, José Manuel.: Cruces y Cruceiros del Municipio de Begonte. Lugo: Diputación Provincial, 1988. Nesta obra de 42 páxinas, os autores fan un estudio dos cruceiros e cruces do concello begontino. Tamén analizan dun xeito xeral os elementos básicos das encrucilladas. GONDAR PORTASANY, Marcial.: Romeiros do Alén. Antropoloxía da morte en Galicia. Vigo: Universitaria. Ed. Xerais, 1989. Marcial, neste libro de 292 páxinas, fai un estudio antropolóxico dos seguintes temas, ligados coa morte: 1. As premonicións .Cómo se producen e a súa finalidade. 2. O velatorio . As prácticas de desviación da atención e o pranto. 3. As relacións entre os mortos e os vivos . Aparicións colectivas e individuais; a súa finalidade e os medios de defensa contra estas aparicións. MARTÍNEZ, Tino.: Ofrecidos. O Nazareno do Caramiñal.. A Coruña: Catalogación Arqueológica e Artística de Galicia do Museo de Pontevedra. Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1989. Esta obra está composta de 270 páxinas. Ó comezo hai uns breves comentarios de Antonio Fraguas e Xosé Filgueira Valverde. Logo o autor menciona o culto ó Nazareno, distinguindo algunhas ofrendas básicas como os ataúdes, candeas e corpos de cera, que os devotos levan con tanta devoción na procesión das mortallas. Isto queda reflectido nas 102 fotos en branco e negro que leva o libro. BANDE RODRÍGUEZ, Enrique e FERNÁNDEZ RODRÍGUEZ, Luís.: Ciclo festivo ourensán,. Ourense. Concello, 1990. Esta obra está composta de 183 páxinas. Da 10 á 157 ámbolos dous autores fan mención inicialmente ás festividades relixiosas de carácter xeral: Aninovo; Reis: S. Antón; Candeloria; Coresma; Semán Santa; Corpus:; Tódolos Santos; Sta. Lucía e o Nadal. Logo aluden ás festas de índole profana: Entroido; Maios; Magosto; Feira do viño de Rivadavia; Festa do pemento de Arnoia...Finalmente fan referencia aos santuarios máis importantes: S. Bieito de Coba de Lobo, Sta. Mariña de Augas Santas, os Milagres de Maceda, S. Pedro Mártir de Ribadavia, a Nosa Señora da Sainza etc. Da 158 á 184 fan unha breve análise da relixiosidade festiva no home galego, distinguindo, entre outros, os seguintes elementos: a relixiosidade festiva en Ourense, as organizacións festivas relixiosas, o simbolismo das romarías, as danzas procesionais etc. BLANCO PRADO, José Manuel.: Religiosidad popular en el municipio de Begonte,.Lugo: Diputación Provincial , 1990. Este libro está composto de 431 páxinas. Ó inicio hai un prólogo de José Manuel Vázquez Varela. A continuación o profesor Blanco fai unha análise dos seguintes contidos: 1. As consideracións sobre a relixiosidade popular. 2. O ciclo festivo relixioso: o Nadal. O San Antonio Abade. A Candeloria. A Coresma. A Semán Santa. O Corpus. As Rogativas. Os Defuntos. As Festas patronais... 3. Os santuarios do devandito concello: Os Milagres de Saavedra. O. S. Bieito de Baldomar. O San Adriano e o S. Xián de Carballido (Pacios). o O San. Victorio de Damil etc. 4. As formas de organización da relixiosidade popular: as confrarías e a catequese. 5. Os cultos parroquiais e interparroquiais: O rezo do Rosario, as novenas, as misas, as misións. 6. Os diferentes tipos de oracións. 7. A aprendizaxe dos valores relixiosos: Deus. A Virxe. Os Santos. Os Anxos... 8. Os rituais funerarios: As premonicións. O velatorio. O enterro. O loito. O cabodano. O cemiterio etc. 9. Os símbolos relixiosos protectores: Os crucifixos. Os ramos de loureiro. A vela das Candeas e do Xoves Santo. As espadanas. Os escritos. Os hábitos etc. 10. O curanderismo e a relixión. 11. A plástica na relixiosidade popular: Os petitorios Os cruceiros e as cruces. 12. A literatura popular: As adiviñas. As cantigas. Os contos. Os ditos. As lendas e os refráns. O libro leva ademais un anexo de documentos, gráficos, mapas debuxos e fotos, que fan alusión ós diferentes aspectos tratados. GONZÁLEZ REBOREDO, J. Manuel e RODRÍGUEZ CAMPOS, Joaquín.: Antropología y Etnografía. De las proximidades de la Sierra de Ancares, V.I, Lugo: Diputación Provincial, 1990. Neste libro de 192 páxinas hai que distinguir dúas partes: A primeira, escrita por Reboredo, leva por título "Casa y pueblo en la vertiente occidental de la Sierra de Ancares”. Nela o autor fai unha análise das seguintes cuestións: 1. Os aspectos físicos e históricos dos Ancares. 2. Os cultivos, o gando, o patrimonio inmoble e o compoñente humano da casa. 3. A colaboración interveciñal, a identidade do pobo e a súa plasmación simbólica. 4. As relacións supralocais: o matrimonio e as relacións festivas de boa vecindade. A segunda, escrita por Xaquín, titúlase "La crisis de un sistema de vida tradicional", que versa sobre os seguintes aspectos: 1. O sistema de vida tradicional. 2. A cooperación e tradición nunha sociedade en crise. 3. As actitudes ante o azar da economía campesiña actual. 4. O sistema de herdanza. 5.A muller no pasado e a soltería no presente. 6.A ecoloxÍa representada nas crenzas e os problemas xurdidos en relación o nome dos Ancares. Por outra banda, ámbolos dous autores presentan importantes ilustracións sobre as di- ferentes cuestións tratadas, así como algúns mapas de localización. VARIOS.: Actas dos Simposio Internacional de Antropoloxía, Identidade e Territorio, Centenario de Otero Pedrayo, Consello da Cultura Galega. Santiago: Consello da Cultura Galega, 1990. Este libro consta de 262 páxinas. Ó inicio hai un limiar de Xosé M. González Reboredo, un dos coordenadores do Simposio. Logo, os distintos autores fan referencia a 13 artigos, que tratan diferentes cuestións sobre a identidade e o territorio: 1. La dialéctica nación-estado o la antropología del extraño. 2. La sagrada frontera. Identity as a historical process:two european cases. 3. Bruselas y sus poblaciones mediterráneas. 4. Reflexiones etnográficas acerca de territorio e identidad. 5. Architecture regionale et composition sociale de l'espace. 6. El discurso sobre el espacio y la identidad cultural. 7. Identity and territory in lybian settlements. 8. Señalización simbólica del territorio:la acción de los seres imaginarios. 9. Referentes identitarios de una colectividad de ambulantes orensanos. 10. Betanzos ciudad: materialidad, fantasía y lógica del territorio. 11. Identidad y territorio en la literatura antropológica sobre España (1954-1988). 12. Institución e identidade cultural na etnografía galega decimonónica. 13. Identidad gallega segun B. Vicetto y M. Murguía. A obra inclúe dúas mesas redondas que fan mención: A.A identidade nos historiadores e etnógrafos galegos. Século XX. B.A D. Ramón Otero Pedrayo e a personalidade cultural de Galicia. Tamén amosa un epílogo de Xosé A. Fernández de Rota, outro dos coordenadores do Simposio. BEGOÑA, Bas.: Muíños de marés e de vento en Galicia. A Coruña: Catalogación Arqueológica e Artística de Galicia do Museo de Pontevedra. Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1991. Neste libro de 440 páxinas Begoña distingue dúas partes: Na primeira fai unha catalogación dos muíños de marés e de vento, atendendo ós seguintes elementos: localización, situación, propiedade, cronoloxía, tipoloxía e descrición dos elementos constructivos e mecánicos. Distingue 14 muíños de marés -8 básicos e 6 alterados e desaparecidos- e 63 de vento - 40 básicos e 23 secundarios-. Na segunda parte leva a cabo unha análise etnolóxica e histórica destes muíños, facendo alusión ás súas orixes, ás distintas referencias históricas, ás súas diferentes denominacións, aos seus elementos, á propiedade e oficio, á súa función social, ó cancioneiro, ás fontes documentais... A obra leva ademais 49 debuxos, 198 fotos, 20 gravados e 39 mapas. DE SÁ BRAVO, Hipólito.: Creencias del costumbrismo religioso en Galicia. Pontevedra: Deputación provincial, 1991. O autor fai unha investigación, nesta obra de 116 páxinas, sobre os seguintes aspectos: a superstición relixiosa: a memoria dos mortos; os cruceiros e petos de ánimas; a veneración da auga, das árbores, do lume e das pedras; as herbas medicinais , e a adiviñación e astroloxía. GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio.: Antropología y Etnografía. De las proximidades de la Sierra de Ancares. Aproximación etnográfica á cultura material da montaña lucense:notas históricas e situación presente. Lugo: Diputación provincial. V. II, 1991. Nesta obra de 384 páxinas Clodio fai un estudio etnográfico dos seguintes temas: 1. As construccións populares: a casa, a palloza, o palleiro, o hórreo, o cuarto ou cuartín, o bodego, a adega, o pozo, o muíño, o batán, o lagar, o pombal, a cabana, as ouriceiras, as capelas, as fontes, as pontes... 2. A moblaxe e útiles domésticos. 3. Os cultivos tradicionais, o instrumental agrícola e as castañas. 4. A gandería, a apicultura tradicional, a caza e a pesca. 5 Os diferentes oficios: barbeiros, canteiros, carboeiros, carpinteiros, ferreiros, galocheiros, teceláns etc. 6. A mantenza e os alimentos. 7. O vestido: o liño e a la. 8. O calzado: as galochas. Ademais o autor inclúe fotos e bastantes debuxos sobre os diferentes aspectos etnográficos que xorden ó longo da obra. nota 1.- Profesor de Filosofía do I.E.S. "Xoán Montes" de Lugo e Doutor en Historia. nota 2.-GONZÁLEZ REBOREDO, Xosé M.: La construcción del texto etnográfico a través de dos autores. Aportación a una historia de la etnografía en Galicia. Consejo Superior de Investigaciones Científicas. Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos. Santiago de Compostela, 1996, páxs.15-17. nota 3.-Tódolos contidos que amosen un número entre paréntese indican a contía de cantigas con respecto ós temas tratados. nota 4.-Tódolos contidos que amosen un número entre paréntese indican a contía de cantigas con respecto ós temas tratados.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: