Actualizado en data 15/12/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

REVISTA (ISSN 1887-2859)

nº 03 (2007).-BLANCO PRADO, J. M: Fondos etnográficos e antropolóxicos de Galicia na biblioteca do Seminario Diocesano de Lugo (I).

©José Manuel Blanco Prado (http://www.galiciaencantada.com) _________ Autor: José Manuel Blanco Prado Artigo publicado orixinalmente en “Lucensia”. Miscelánea de Cultura e Investigación. Biblioteca Seminario Diocesano. Nº 20. Vol. X. Lugo, 2000, páxs. 115-129 [versión ampliada]. Nota.-Cómpre ter en conta a colaboración desinteresada do meu amigo e compañeiro D. Manuel Rodríguez Sánchez, catedrático de Latín e doutor en Clásicas. ____________________________________ O título deste traballo pretende reflectir non só as obras de carácter etnográfico e antropolóxico de Galicia, que se encontran nesta biblioteca, senón tamén realizar un breve resumo de cada unha delas. A cronoloxía deste traballo abrangue dende o último tercio do século XVIII ata principios da última década do século XX .Polo tanto, constitue unha paréntese de cara aos vindeiros anos. Neste primeiro artigo fago mención de sesenta e catro obras, que clasifico segundo unha orde cronolóxica que vai do ano 1774 ó 1967. Dende o punto de vista temático sinalo tres niveis no conxunto da obra: O primeiro nivel compónse de 35 obras de contido etnográfico exclusivamente. Unha delas é unha poesía de dazaseis páxinas, na que o autor describe os distintos actos que se celebran nunha festa patronal. Destas obras fago unha breve descrición dos principais temas de índole etnográfica, tanto a nivel material como espiritual. O segundo nivel está formado por 26 obras, que teñen un carácter xeral a nivel de contidos. De tódolos xeitos, penso que é transcendente dar a coñecer aqueles contidos de carácter etnográfico, que os distintos autores das obras, reflicten nelas. Polo tanto, para facilitar a tarefa do lector e o investigador fago referencia ás páxinas, que tratan asuntos desta índole. O terceiro nivel está composto de 4 obras, que corresponden aos programas de festas, que tiñan lugar nos anos vinte, corenta e cincuenta nas cidades de Lugo e Santiago, respectivamente. Nelas, ademais das cuestións propiamente etnográficas, hai que salientar unha serie de artigos adicados ás festas por parte dalgúns pensadores de sona naqueles intres. A maioría destas obras teñen un carácter descriptivo e só a partir da década dos setenta e oitenta xorden autores que comezan a publicar traballos, nos que a parte dos trazos descriptivos, tentan levar a cabo ademais unha análise dos mesmos como fundamento para unha comprensión da nosa cultura popular. Finalmente, desexo que este traballo poida servir de guía para tódalas persoas, que fagan un estudio ou unha investigación sobre calquera das múltiples cuestións recollidas nos resumos destas cincuenta e catro obras, e doutras que moi axiña verán tamén a luz1. RELACIÓN DE OBRAS. M. R. O.: Novena en honor de Nuestra Señora del Faro. Chantada (Lugo) : Imprenta de Sebastián Montero y Frayz, 1774. O autor menciona, neste folleto de 24 páxinas, os actos que se realizaron durante a novena adicada a Nosa Señora do Faro, que se levou a cabo do día trinta e un de agosto ata o día oito de setembro. Nas páxinas 23 e 34, fai alusión aos Gozos adicados á Nosa Señora do Faro. O folleto leva incorporadas dúas fotos: unha delas na portada. NOVO Y GARCÍA, V.: Romancero de Galicia . La Coruña: Editor, Andrés Martínez, 1887. Este libro está composto de 174 páxinas. Ó inicio hai un prólogo de Bieito Vicetto. Logo, o autor fai referencia a seis romances de índole histórica; dous tradicionais e, como remate, a tres de carácter diverso, entre os que sinalo un sobre a Santa Compaña (paxs. 117 á 125). NEIRA CANCELA, Juan.: Caldo gallego. La Coruña: Biblioteca Gallega, 1889. Nesta obra de 233 páxinas, o investigador distingue unha serie de tradicións galegas: O Cristo da Victoria de Vigo. A Coca, burras e penlas de Redondela (Pontevedra). Os cruceiros e petos. As choronas nos enterros e os empanados de Xunqueira de Ambia (Ourense). CID HERMIDA, Luciano.: Leyendas, tradiciones y episodios históricos de Galicia. La Coruña: Editor. Andrés Martínez, 1891. Neste libro de 197 páxinas, o realizador describe a lenda de Torrenovaes (Quiroga) (Lugo). NÚÑEZ SARMIENTO, Eduardo.: Romancero de Lugo. Lugo: Imp., y encuadernación de Juan A. Menéndez, 1891. Esta obra consta de 58 páxinas, nas que Núñez fai alusión a cinco romances sobre a historia da cidade de Lugo. MARTÍNEZ SANTISO, Manuel.: Historia de la ciudad de Betanzos . Betanzos ( A Coruña): Imprenta de los sucs. de Castañeira, 1892. Nesta obra de 394 páxinas, o autor describe a orixe da antiga danza e gremio dos xastres nas páxinas 183 e 184. Fai mención, nas páxinas 271 e 272, dos motivos que levaron ao concello de Betanzos a declarar a San Roque, patrón da vila. Das páxinas 280 á 287 describe a orixe e fundación do santuario da Nosa Señora do Camiño. Finalmente, nas páxinas 336 e 337, alude á creación da confraría da Concepción. RODRÍGUEZ LÓPEZ, Xesús.: Cousas das mulleres. Madrid: Poema, 2ª ed. 1895. Este libro está formado de 209 páxinas. Presenta un prólogo de Leopoldo Pedreira, quen refire que o autor fai mención dalgúns costumes do medio rural galego. Así, no presente traballo o devandito creador cita ,das páxinas 147 á 163, algunhas cuestións referentes ás festas e ás romarías. RODRÍGUEZ LÓPEZ, Xesús.: Las preocupaciones en medicina. Conocimientos útiles a la familia. Reglas para conservar la salud, para no dejarse engañar por los curanderos y para conocer a los médicos. Lugo: Imp. “El Regional”, 1896. Neste libro de 238 páxinas o realizador fai alusión a unha serie de referencias históricas sobre a medicina dalgunhas culturas antigas. Describe ademais algunhas preocupacións médicas dos séculos XVI ao XIX. A obra remata cunhas normas que dá para non deixarse enredar polos curandeiros e coñecer aos médicos. DE SANTIAGO Y GÓMEZ, José.: Historia de Vigo y su comarca. Vigo: Imprenta y litografía del Asilo de Huérfanos del Sagrado Corazón de Jesús, 1896. Esta obra está composta de 604 páxinas. Da 43 á 46 o autor alude a diversas crenzas relixiosas e a outras cun fundamento supersticioso. Na 268, describe as ermidad que había en Vigo no século XVI. LABARTA POSE, Enrique.: A festa da patroa de Tabeirón (Pontevedra). Caldas de Reyes: Imprenta de “Fray Prudencio”, 1904. Trátase dunha obra de 23 páxinas, premiada nos xogos florais do Círculo Católico de Obreiros de Pontevedra, que se celebraron no mes de agosto de 1903. Nela, Labarta expón diferentes asuntos de índole relixiosa e profana da festividade da patroa de Tabeirón, que se celebraba no mes de setembro. Na véspèra botaban unha serie de coetes, que anunciaban a festa. Ao día seguinte, oficiábase unha misa solemne ao mediodía. Logo, saía a procesión, que percorría o adro da igrexa; nela interviñan as seguintes imaxes: San Cristobo. San Roque. San Lourenzo. San Bieito. San Vicenzo e a Conceución, que ían seguidas dun gaiteiro e dous cregos concelebrantes. Este acto realizábase entre o estoupido de foguetes e o repique de campás. Finalmente, tiña lugar a comensalía familiar, rematando a festa có baile, que se celebraba ata ben entrada a madrugada. S. THOMSON, Guillermo.: Impresiones y tradiciones. La Coruña: Imprenta y Litrografía M. Roel, 1907. Este libro consta de 190 páxinas. Na 181 e 182, o autor fai unha breve mención á superstición galega. MACIÑEIRA PARDO DE LAMA, Federico.: San Andrés de Teixido. Historias, Leyendas y tradiciones. La Coruña: Litografía e Imprenta Roel, 1907. O executor trata, nesta obra de 134 páxinas, as seguintes cuestións: a situación xeográfica, as principais romarías e santuarios, a procedencia xeográfica dos devotos, as súas rogativas e principais promesas, os actos lúdicos que se levan a cabo ó redor do recinto sagrado, e finalmente o cancioneiro, que foi xurdindo no transcurso dos anos. Os nove debuxos, que acompañan á obra, fíxoos D. Benigno Castiñeiras, e as vintedúas fotografías o prior de “ A Regoa” e propio autor. DE ARTAZA Y MALVAREZ, Ramón.: Recuerdos de la muy noble, muy leal y muy humanitaria villa de Muros. Muros : Imp. de “El Eco de Santiago”, 1908. Este libro comeza cun prólogo do escritor D. Manuel Murguía. A obra está formada por 311 páxinas. Da 79 á 86, o realizador describe algúns contos e refráns populares da comarca de Muros. Da 127 á 131, cita as capelas da parroquia de Muros. Finalmente, da 143 á 145, fai mención ás confrarías da Vera Cruz , Misericordia e a do Santo nome de Xesús. Esta obra remata cun epílogo de R.P. Plácido Ángel Rey Lemos. CARRÉ ALDAO, Euxenio.: Contos da forxa. A Cruña: Biblioteca popular galega, nº 1, 1919. O escritor alude neste folleto de 32 páxinas a cinco contos oídos nas tertulias, que se celebraban pola noite na casa dun veciño, ferreiro de profesión. O título dos contos é como sigue: o escribán, axúdate que Deus che axudará, o xastre larpeiro, a capa do xastre e o pintureiro. EIJÁN P., Samuel.: Historia de Rivadavia y sus alrededores. Madrid, 1920. Neste libro de 739 páxinas, o investigador describe da páxina 397 á 426 algunhas festas cívico-relixiosas do concello. Distingue, entre outras, as festas do Portal e as da Virxe de Oliveira. Finalmente, fai mención na páxina 669 á supresión dos aspectos profanos, que se levaban a cabo nas festas do Corpus. F. SALGADO e LÓPEZ QUIROGA.: Cantares d´a terra. Ourense: La Región, 1º Volumen, 1922. Esta obra está composta de 68 páxinas. Nela, o autor cita 120 cantares líricos, 36 de índole sentenciosa e corenta e dous de índole festiva. REY ALVITE, Jesús.: Fiestas patronales santiaguesas. Año Santo de 1926. Este programa festivo consta de 124 páxinas. O escritor distingue dous temas claramente diferenciados: por unha banda, un traballo sobre a institución da ofrenda ao apóstolo Santiago e como foi realizándose no transcurso dos anos ata os nosos días. Por outra, os distintos actos festivos, que se celebraron entre os días quince e trinta e un de xullo. CARRERAS Y CANDI, F.: Geografía general del Reino de Galicia. Barcelona: Ed. Alberto Martín, s/a. Esta obra de 1104 páxinas foi escrita por varios autores, cada un dos cales versa sobre unha materia determinada. A parte correspondente ás prácticas e costumes foi realizada por Eugenio Carré Aldao. Este investigador menciona da páxina 649 á 831 os seguintes contidos: as vivendas; a indumentaria; algunhas diversións; algúns aspectos folklóricos:romances, refráns, contos, lendas...; as romarías e santuarios; as festas patronais; a arte popular relixiosa: petos, cruceiros, capelas; a vida cotiá, reflectida nos bautizos, casamentos, labores do campo, enterramentos...; as supersticións; as festas do ciclo anual, como o Aninovo, os Reis, o Entroido, a Semán Santa, os Maios, o S. Xoán... AMOR MEILÁN, Manuel.: “Provincia de Lugo”, en Geografía general del Reino de Galicia dirigida por Carreras y Candi. Barcelona: Ed. Alberto Martín, s/a. Nesta obra de 987 páxinas, o escritor describe brevemente das páxinas 121 á 124 algúns costumes ligados ao cultivo do liño; á festa dos maios; á indumentaria... Nas páxinas 177 e 178 alude as feiras do concello de Lugo. No resto da obra, fai mención, entre outros contidos, a algúns de carácter etnográfico como as principais romarías e festas patronais; ós muiños, algúns cruceiros...Esta descrición vaina facendo en todos os concellos lucenses. CARRÉ ALDAO, Eugenio.: “ Provincia de La Coruña”, en Geografía general del Reino de Galicia dirigida por Carreras y Candi. Barcelona: Ed. Alberto Martín. T .I. s/a. Este primeiro tomo está formado por 946 páxinas. O investigador fai referencia da páxina 70 á 108 a unha serie de cuestións de índole etnográfico, como a indumentaria; os usos e costumes; a festa do San Xoán; a algúns rituais ligados coa morte; ás bruxas; aos ensalmos e amuletos; aos curandeiros... No resto da obra fai unha breve descrición , entre outros temas, a algúns de carácter etnográfico como os muíños, as romarías, as festas patronais, as feiras e mercados, os cruceiros...Isto realízao en todos os concellos coruñeses, nos que distingue ademais as súas parroquias. CARRÉ ALDAO, Eugenio.: “ Provincia de La Coruña”, en Geografía general del Reino de Galicia dirigida por Carreras y Candi. Barcelona: Ed. Alberto Martín. T .I.I s/a. Neste segundo tomo de 1199 páxinas, o autor fai alusión , entre outros contidos, a temas de carácter etnográfico como os muíños, as romarías, as festas patronais, as feiras e mercados, os cruceiros...Esta descrición faina en todos os concellos coruñeses, distinguindo en cada un deles as súas parroquias. ÁLVAREZ LIMESES, Gerardo. “Provincia de Pontevedra”, en Geografía general del Reino de Galicia dirigida por Carreras y Candi. Barcelona: Ed. Alberto Mart-ín. s/a. Este libro consta de 1087 páxinas. Nelas, o autor fai mención de tódolos concellos da provincia de Pontevedra, dos que fai unha breve exposición por parroquias, describindo, entre outas cuestións, algunhas de base etnográfica como as feiras, as festas patronais, as romarías e os santuarios, as industrias domésticas ... RISCO, Vicente. “ Provincia de Orense”, en Geografía general del Reino de Galicia dirigida por Carreras y Candi. Barcelona: Ed. Alberto Martín. s/a. Nesta obra de 888 páxinas, Risco expón, da 83 á 102, certos usos e costumes: as rogas e axudas; as mallas; as esfolladas; os fiadeiros; as vodas; a indumentaria popular; algúns oficios tradicionais: as tecedeiras, as costureiras...; algunhas supersticións; certas referencias sobre os menciñeiros etc... Nas restantes páxinas fai unha descrición de tódolos concellos ourensáns, dos que fai alusión, entre outros temas, a algúns de carácter etnográfico, como as feiras; as romaxes e os santuarios; as industrias tradicionais e domésticas; os cruceiros etc. F. SALGADO E LÓPEZ QUIROGA. Cantares d´a terra. A Cruña: Imp. Moret, 2º Vol, 1927. Neste traballo de 84 páxinas, Salgado fai referencia a catrocentos setenta e cinco cantares de índole lírica, sentenciosa e festiva. CASTRO LÓPEZ, Ramón. Reseña histórico descriptiva de la parroquia de Vilar de Ortelle y su comarca, y de los monumentos protohistóricos del partido de Monforte de Lemos . Monforte: Imp. Rodríguez, 1929. Este libro está composto de 124 páxinas. Da 86 á 97, o autor fai mención aos seguintes santuarios: Ao do Carme de Tuiriz (Pantón); ao da Nosa Señora das Augas Santas (Pantón); ao do Carmio e ao San Vitorio de Castillón (Pantón); aos Dolores de Vilasante (O Saviñao); ao da Virxe de Cadeiras (Sober); e ao San Xoán de Candeda (Monforte). Da 97 á 118, alude á superstición a ás diversas prácticas ligadas coa cartomancia, quiromancia e vana observancia. PARADELA NOVOA, P. Benito. El Santuario de Nuestra Señora de los Milagros. Madrid: Librería Puga, 1929. Nesta obra de 169 páxinas, o realizador da mesma fai referencia a unha serie de cuestións históricas, artísticas e devocionaris sobre o santuario dos Milagres de Monde Medo (Ourense). SALGADO TOIMIL, R. Santuarios gallegos. El Corpiño. Lugo: Ed. Palacios, 1929. Este traballo está formado de 65 páxinas, nas que o autor fai mención aos seguintes temas: 1.A situación xeográfica do santuario, e a súa evolución. 2.Os trazos artísticos máis importantes. 3.Os días básicos da festividade. 4.A procedencia dos devotos e as súas peticións. 5.Os exvotos e rituais máis relevantes. 6.Algunhas cantigas, que van xurdindo no decurso dos anos. 7.As confrarías, que celebran o seu culto no recinto sagrado. 8.O carácter festivo ó redor da capela. COTARELO VALLEDOR, Armando. Cancioeiro da Agulla. A Cruña: Nós. Vol. XXXVIII, 1931. Este libro está composto de 138 páxinas, nas que Cotarelo cita 64 cantigas de costureiras; trinta e unha de xastres; e seis pertencentes a ámbalas dúas profesións. Ao pé de cada cantiga pón as variantes, que lle son coñecidas, e os lugares onde se atoparon. FRAGUAS FRAGUAS, Antonio. “As lendas da Fonte Promás”, en Nós (Boletín mensual da Cultura Galega), nº 108. Pubricacións Galegas, Santiago, 1932-33. Neste folleto de 14 páxinas, o autor describe algunhas lendas de encantamentos da Fonte Promás, situada na freguesía de Castañeda (Arzúa) (A Coruña). OTERO PEDRAYO, Ramón. Terra de Melide. Santiago: Ed. Nós, 1933. Esta obra consta de 739 páxinas. Da páxina 323 á 567, algúns autores tratan cuestións de índole etnográfica. 1º. RISCO, Vicente. “Estudo etnográfico da terra de Melide”. O autor fai mención, da páxina 323 á 424, aos seguintes temas: Primeira parte: A cultura material. Risco describe a casa e outras construccións rurais; a mantenza; a vestimenta; os diferentes traballos; os camiños; e o carrexo. Segunda parte: A vida social. O escritor alude ás clases sociais; ao réxime de propiedade; á herdade; e aos costumes familiares. Terceira parte: A habilidade popular. O autor fai referencia aos cruceiros; ao mobiliario; aos xugos; aos tecidos de lé e de liño... 2º. RISCO, Vicente e RODRÍGUEZ MARTÍNEZ, Amador. “ Folklore de Melide”. Ámbolos dous escritores fan alusión, da páxina 425 á 537, aos seguintes asuntos: Primeira parte: Crenzas e prácticas relixiosas. Fan referencia ao culto aos santos; a algunhas romaxes; ás ánimas; ao demo... Segunda parte: Mitoloxía popular, lendas e feitizos. Fan alusión aos encantos; ás forzas máxicas impersoais; aos amuletos; aos esconxuros; ás bruxas ... Terceira parte: Ciencia popular. Fan mención aos curandeiros; á menciña máxica; aos refráns... Cuarta parte: Literatura popular. Describen algunhas adivinas, cantigas, contos, romances, vilancicos... 3º. BAY E GAY e M. TORNER, E. “ Folklore musical”. Ambos autores expoñen, da páxina 537 á 567, algunhas cantigas de berce, algúns conxuros infantís, algunhas panxoliñas, algúns romances... CASTILLO DE LUCAS, Antonio. Refranero médico. Madrid: C.S.I.C. Patronato “Menéndez Pelayo”. Instituto Antonio de Nebrija. Sección de tradiciones populares, nº 5, 1944. Este libro está composto de 308 páxinas. O escritor menciona 3231 refráns de aplicación médica. Da páxina 293 á 301, fai referencia a un importante índice de refráns por materias. COUCEIRO FREIJOMIL, Antonio. Historia de Puentedeume. Ed. Compostela, S.A, 1944. Esta obra está formada de 461 páxinas. Da 349 á 351, Freijomil dános unha breve referencia sobre os festivais de cultura. Algúns deles, adicados á plantacións das árbores e á protección da fauna do Eume, tiveron un carácter ecolóxico. Da 367 á 369, o autor fai unha breve descrición das festas relixiosas que se celebran na vila. Da 371 á 383, menciona os principais trazos das confrarías existentes naqueles intres. Da 383 á 390, fai alusión ás festas profanas, que hai na vila, e ás romarías, que se celebran nos pobos inmediatos. Finalmente, da 427 á 435, analiza o santuario das Virtudes desde o punto de vista histórico, devocional e ritualístico. Ferias y fiestas de San Froilán. Octubre de 1946. Lugo: Imp. Moret, La Coruña, 1946. Neste folleto de 38 páxinas, descríbense os diferentes actos que se celebraron do día catro ao trece de outono do devandito ano. O programa leva ademais un saúdo do alcalde D. Manuel Portela Nogueira e un artigo sobre a praza do Campo, realizado por Don Antonio Carvajal. TRAPERO PARDO, José. Santuario de los Remedios. Lugo: La Voz de la Verdad, 1946. O libro consta de 152 páxinas, nas que o escritor fai unha referencia histórica, artística, devocional e literaria sobre o santuario. Ademais o traballo vai ilustrado por oito fotografías, realizadas por Don Rodolfo Gacio, e nove debuxos, feitos polo propio autor. FRAGUAS FRAGUAS, Antonio. “Contribución al estudio de la Navidad en Galicia. Nadales. Aninovos. Xaneiras y Reyes”, en La Revista de Dialectología y Tradiciones populares, t. III. Cuadernos 3º y 4º, Madrid, 1947. O autor cita, neste folleto de 46 páxinas, varias cantigas do Nadal, Aninovo e Reis, referentes a unha serie de localidades galegas como Arzúa (A Coruña), Sant-Iago, Ponteceso (A Coruña), Cotobade (Pontevedra), Mourente (Pontevedra), Vimianzo (A Coruña), Mondoñedo (Lugo), Sobrado dos Monxes (A Coruña)... FRAGUAS FRAGUAS, Antonio. “Notas del folklore de boda en Galicia”, en Trábalhos de Antropología e Etnología, fascículos 3 e 4 do vol. XI. Centro de Estudios de Etnología Peninsular. Porto, 1948. Neste artigo de 27 páxinas, Fraguas menciona algunhas cuestións relacionadas coa celebración dunha voda en Galicia, como os concertos e municións; os brindes; as regueifas ... ROCHA, Hugo. Itinenario de Galicia. Madrid: Ed. Studium, 1948. Esta obra de 286 páxinas contén ao inicio un prólogo de Don Wenceslao Fernández Flórez. Logo, o autor, nas páxinas 118 e 119, fai alusión á romaría da Lanzada (Pontevedra) e ao baño das nove ondas. O traballo leva ademais oito debuxos, dous sobre os cruceiros. ESPINOSA RODRÍGUEZ, José. Tierra de Fragoso (Notas para la historia de Vigo y su comarca). Vigo: 1949. Este libro está composto de 501 páxinas. Da 17 á 39, Espinosa fai unhas breves referencias etnográficas sobre unha serie de temas de índole espiritual e material, como carros, cruceiros, hórreos, romarías, teares... Da 41 á 103, menciona as diferentes parroquias do concello, indicando en cada unha delas os seguintes asuntos: Días da festividade do Santo Patrón; capelas, confrarías, cruceiros, ermidas, santuarios... Da 219 á 227, alude as seguintes festividades relixiosas da cidade de Vigo: A Santa Rita, patroa da cidade, e ao Cristo da Victoria. FRAGUAS FRAGUAS, Antonio. Fiestas populares de Galicia. Fiadeiros. Madrid: Cuadernos de Estudios Gallegos, fascículo XIV. Imp. Bermejo, 1949. Neste fascículo, que vai da páxina 397 á 427, o escritor cita algunhas cantigas e os instrumentos musicais, que se empregaban nos fiadeiros dalgunhas parroquias de Pontevedra, como Mourente, Cotobade etc. Tamén fai referencia as ruadas e ao tempo que duraban non só nas localidades mencionadas, senón tamén noutras preto de Santiago, como Brión, Portomouro, Zás etc. Finalmente, alude a outras festas de carácter agrario, como as muiñadas, as tascas do liño etc. CASAS FERNÁNDEZ, M. Páginas de Galicia. Notas históricas y literarias. Santiago: Librería y Editorial, sucesores de “Gali”, 1950. Este libro consta de 294 páxinas. Da 66 á 72, o autor fai alusión ao Instituto de Estudios Galegos, fundado na Coruña no ano 1918, e que foi un antecedentes do Instituto P. Sarmiento. Logo, menciona as distintas seccións, correspondéndolle a Don Vicente Risco a responsabilidade da sección de Etnografía e folcklore. Por outra banda, no apartado, que leva por título. “Nota Final”, Casas expón unha relación dalgunhas obras relevantes na cultura galega, entre as que distingo desde o punto de vista etnográfico, a obra de Victor Lis Quibén, titulada “La medicina popular en Galicia”, cun prólogo de Fermín Bouza Brei (páxs. 281-282). FERNÁNDEZ DEL RIEGO, F. Danzas populares gallegas. B. Aires: Ed. Galicia del Centro Gallego , 1950. Nesta obra de 53 páxinas, o autor fai referencia , da 18 á 26, a varias cantigas populares de aguinaldo e reis, de diversas festas do ano, de romarías, de regueifas... Da páxina 26 á 32, fai mención dalgúns instrumentos musicais, como a arpa, a zanfona, o órgano, a gaita, o pandeiro etc, Da páxina 37 á 44, fai unha breve descrición da muiñiera, distinguindo algunhas variantes. Finalmente da 44 á 50, alude as danzas de espadas, de cintas, de arcos, de palillos etc. ÁLVAREZ BLÁZQUEZ, José Mª. Romerías gallegas. B. Aires: Ed. Galicia del Centro Gallego, 1951. O escritor deste libro de 62 páxinas fai unha serie de referencias iniciais sobre as orixes dos santuarios, para adicarse logo ao estudio das promesas máis importantes, das lendas, das cantigas, dos romances, das danzas e da influencia dalgunhas romarías nos cancioneiros medievais. Logo, fai mención a dinámica particular de oito romarías galegas, para rematar con once fotos, que reflicten as diferentes manifestacións sobre as romarías da nosa terra. Ferias y fiestas de San Froilán. Octubre de 1952. Lugo: Gráficas Bao,1952. O programa amosa nos seus inicios un saúdo do rexidor D. Luís Ameijide Aguiar. Logo, fai alusión aos actos que se levaron a cabo dos días tres ao doce de outono do devandito ano. Tamén compre salientar as 24 fotos da catedral de Lugo e sete sobre a muralla, realizadas polo fotógrafo profesional Juan José. Como remate , amosa algúns fotograbados do Ideal Galego. CANOSA, Ramón. Historia menuda de un pueblo gallego. Barcelona: Ed. Juventud S.A, 1953. Nesta obra de 159 páxinas Canosa describe, da 119 á 123, algúns actos da romaría do Naseiro (Viveiro) (Lugo). Da páxina 133 á 140, expóns algúns cuestións referentes á Semana Santa de Viveiro (Lugo). DONAPETRY IRIBARNEGARAI, Juan. Historia de Vivero y su concejo. Vivero: Artes Gráficas A.Santiago, 1953. Este libro está composto de 501 páxinas. Da 217 á 221, o escritor fai mención a confraría e festa do San Roque. Nas páxinas 344 e 345, alude ás feiras mensuais e anuais, que se celebraban no concello, e , tamén, a algunhas cuestións de índole gastronómica. Da 367 á 376, o autor fai referencia á Semana Santa e á festa do Corpus. Finalmente, da 377 á 384, expón diferentes asuntos sobre a festa dos maios, e describe as principais romaxes da comarica viveirense. OTERO CAO, Vicente. Apuntes históricos de la comarca de Muras. Lugo: Ed. Celta, 1953. Esta obra consta de 86 páxinas. O autor fai referencia, nas páxinas 57 e 58, as principais feiraas e festas do concello e a súa comarca. CANCIONEIRIÑO DA VIRXE. Pontevedra: Ed. Monterrey, 1954. Trátase dun folleto de oito páxinas, no que van incluídas trinta cantigas referentes a santuarios marianos galegos. CASTELO BRIZ, Jorge. Santuarios gallegos. Vivero: Imp. Fojo, 1954. Trátase dun folleto composto de 41 páxinas, nos que nos seus inicios contén un prólogo de D. Luís Pozo. A continuación, o escritor fai mención ao santuario do Eccehomo de Viveiro, do que fai unha análise artística, devocional, histórica, lendaria e ritualística. Inclúe ademais dúas fotografías ligadas ao recinto sagrado xa nomeado. A Semana Santa de Viveiro. 1954. A comisión da semana santa viveirense adica o presente folleto ao crego D. Francisco Fraga Fernández, párroco da freguesía de Santiago de Viveiro. Nel fanse alusión aos diferentes actos da Semana Santa da vila. Ademais contén unha serie de artigos realizados, entre outros, por Jose Trapero Pardo, Cal Pardo, Juan Donapetry Iribarnegarai, Jorge Castelo Briz... Ademais o traballo leva vinte e dúas fotos, realizadas por Ariza e Pedro, e tres debuxos, feitos por San Cristóbal e Monteagudo. CASTROVIEJO, José María. Apariciones en Galicia. Santiago: Ed. Porto y Cía, 1955. Neste libro de 165 páxinas, Castroviejo fai referencia, da 89 á 101, a diferentes cuestións sobre os bruxos e as bruxas. Da 101 á 116, fai mención á festividade do San Xoán e ao culto ás pedras, ás árbores e ás fontes. Da 116 á 128, fai alusión aos xenios maléficos, aos aparecidos, e aos endemoniados. Da 128 á 136, refírese aos aviso e advertencias dalgúns animais. Finalmente, da 163 á 165, expón os trazos máis significativos sobre a Santa Compaña. CHAMOSO LAMAS, Manuel. Santa Marina de Augas Santas. Madrid: Cuadernos de Estudios Gallego, fascículo XXX, 1955. Este traballo compónse de 89 páxinas. Da 41 á 50, o realizador expón distintas lendas recollidas sobre o martirio de Santa Mariña das Augas Santas. Da 81 á 89, fai unha descrición artística e histórica sobre o santuario, que vai acompañada de oito fotos, nas que se poden apreciar diferentes trazos artísticos do recinto sagrado. Tamén leva un debuxo sobre a planta do devandito recinto. Ferias y fiestas de San Froilán. Lugo: Gráficas Anova. Dirección artística de D. Quintela Ferreiro, 1955. Este programa consta de 60 páxinas. Ademais do saúdo inicial da comisión municipal permanente de festas, presidida por D. Luís Ameijide Aguiar, faise alusión aos distintos actos que se celebraron do día catro ao doce de outono do devandito ano. Por outra banda, este folleto de festas vai enriquecido por importantes artigos de D. Ramón Otero Pedrayo. D. Glicerio Barreiro. D. Fray Justo Pérez de Urbel. D. Ricardo Carballo Calero. D. Narciso Peinado. D. José Trapero Pardo. D. Manuel Vázquez Seijas etc. Tamén leve incorporadas fotografías de Juán Jose Arribas e Quintero, así como fotograbados de “El Progreso” de Lugo. LÓPEZ RUBÍN, Pedro. San Eufrasio. Varón Apostólico: Lugo. La Voz de la Verdad, 1955. O autor fai referencia, neste libro de 151 páxinas, aos seguintes temas: 1.Datos biográficos do San Eufrasio. 2.O traslado do seu corpo a Galicia. 3.O envío dunha reliquia a Andujar (Jaén). 4.Algúns dos seus milagres. 5.Como remate, algunhas tradicións locais sobre o traslado do seu corpo ao Val de Mao (Incio) (Lugo). Ademais o libro leva incluídas trece ilustracións na parte final e un mapa da zona. RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ, A. Fisionomía y alma de Galicia. Madrid: 1955. Esta obra consta de 530 páxinas e de 92 ilustracións. Nas páxinas 25 e 26, o escritor fai mención a diferentes temas ligados coa mitoloxía popular galega. Na 27, fai referencia a algunhas melodías típicas galegas como, o cantar de pandeiro, a muiñeira etc. Da 507 á 519, fai alusión a diferentes melodía galegas e a algunha romarias da nosa terra. Finalmente, da 519 á 525, cita unha serie de cuestións ligadas cos cruceiros e os hórreos. CARRÉ ALVARELLOS, Luís. Estampas folklóricas galegas. Romaxes e romarías (Separata), en Domo Litoral, Boletim da Comissao de Etnografía e Historia. Sétima Serie, VII-VIII, Porto, 1956. Neste traballo de 45 páxinas, Carré describe as promesas máis usuais que os devotos levan a cabo nos santuarios, facendo especial alusión á imposición do Santo e ao sentido que teñen os amilladoiros. Logo, fai mención a algunhas romarías da provincia da Coruña como, o S. Andrés de Teixido, a da Nosa Señora da Barca (Muxía), a dos Milagres de Caión, a da Santa Margarida de Montemaior, a da Santa Minia, a do San Campio etc. Finalmente fai referencia a algunhas lendas sobre o San Andrés de Teixido e a Virxe da Barca, así como a un breve cancioneiro sobre algúns santuarios da provincia coruñesa. O traballo remata con dez fotos en branco e negro do ano 1935, que aluden a algunhas romarías coruñesas como, a dos Milagres de Caión, a do S.Bieito en Xan Xoan de Anceis (Cambre) e a do San Migue de Pastoriza. SANTALICES, Faustino. La zanfona. Lugo: Gráficas Bao, 1956. Este folleto consta de 38 páxinas. Da 3 á 5, hai un limiar composto por Ramón Cabanillas. Na 7 e 8, o autor menciona un romance de cego, no que o protagonista principal e a zanfona. No resto da obra, alude á orixe deste instrumento musical; a súa evolución; aos elementos de que consta; á maneira como se afina... TORRE ENCISO, Cipriano. Panxoloiñas (Retabro Galego de Nadal). Madrid: Imprenta Acati, 1956. O escritor, neste libro 63 páxinas, fai mención a vinte cancións tradicionais sobre o Nadal galego. OTERO PEDRAYO, Ramón. Entre a vendima e a castañeira. Contos. Vigo: Galaxia, 1957. Nesta obra de 167 páxinas, o autor fai referencia a vinte contos entre os que sinalo os seguintes: A Santa Compaña, os torques, os tarros da botica, o estraperlista dos coiros... ZUNZUNEGUI FREIRE, J. La medicina mágica en Galicia y otros esbozos. Vigo: Faro de Vigo, 1957. Este libro de 181 páxinas posue un limiar de D. Xosé Maria Castroviejo. Logo, o escritor fai mención, da páxina 35 á 89, a algúns temas relevantes sobre a menciña tradicional: As festas do lume e a virtude curativa das plantas na noite so San Xoán. Aos deuses benéficos na Galicia romanizada e á maxia de Prisciliano. Ao rexeitamento de San Martiño Dumiense ao rito máxico e pagán. E a denuncia do Pai Feixó dos faltos exorcismo. Da 99 á 101, alude á curación das verrugs desde o puinto de vista científico e tradicional. A obra leva ademais sete ilustracións. OTERO CAO, Vicente. Villalba y su jurisdicción. Páginas históricas. Lugo: Ed. Celta, 1958. Este traballo consta de 77 páxinas. Na 69 o realizador cita algunhas festas que se levan a cabo no concello vilalbés. Na 76, fai referencia ás feiras mensuais que se realizan en diferentes concellos da Terra Cha como Begonte, Cospeito, Guitiriz, Vilalba e Xermade. A.DE SANTIAGO, Rodrigo. La música popular galega. La Coruña: Litografía e Imprenta Roel, 1959. O autor, nesta obra de 146 páxinas, fai alusión a unha serie de asuntos xerais sobre a música popular galega, entre os que indico os seguintes: Os seus conservadores – músicos, compositores,directores de coros, gaiteiros...-. Unha análise técnica da mesma. E, como remate, as melodías codacianas. CARRÉ ALVARELLOS, Lois. Romanceiro de Tradizón Oral. Porto. Junta de la provincia do Douro litoral. Comissao de Etnografía e Historia. XVII, 1959. Ó inicio deste libro, que consta de 335 páxinas, hai un prólogo de D. Fernando de Castro Pires de Lima. Logo o escritor fai mención a diferentes materias sobre o romance: 1.A noción de romance. 2.A orixe e os temas do noso romancero. 3.Os nomes dos romances. 4.Os traballos existentes sobre o romancero galego. 5.A descrición de 147 romances galegos coas súas fontes respectivas. Como remate, localiza nun mapa de Galicia as localidades onde foron recollidos os romances. Polo tanto, non resulta estraño que este traballo fose galardoado no ano 1955 polo centro galego de Bos Aires co premio de celebración anual “ Padre Feijoo”. CASTROVIEJO, José María. Galicia. Guía espiritual de una tierra. Madrid: Espasa-Calpe.S.A, 1960. Nesta obra de 635 páxinas, Castroviejo describe algunhas tradicións galegas: Na páx. 95, “ O Coco e a Coca” de Santiago. Nas páx, 239, o baile “Das penlas” (Redondela) (Pontevedra). Fai mención, nas seguintes páxinas, a algunhas manifestacións da arte popular: Aos cruceiros (páxs.138,156,178,179,224,357). Aos petos de ánimas (páxs. 296,299,336). Aos hórreos (181,228,508,554). Aos muíños (144). Cita algunhas festas do ciclo anual: Os Maios (páx. 191). O Corpus (316). Alude a algúns santuarios relevantes: A Franqueira (páxs. 314- 320). Santa Marta de Ribarteme ( 328-332). O Faro (Lugo) (458). A Nosa Señora da Barca (548-549). Fai referencia a algúns oficios característicos: Os canteiros (páx. 208). Os cesteiros (255). Os zoqueiros (462). Os oleiros (468). Fai unha descrición de determinadas faenas do campo (384), dalgunhas feiras (460,567,589), e dos curros (305-306). Finalmente da 577 á 583 menciona outras romaxes e danzas galegas. FARIÑA JAMARDO, José. Guía de Carballiño. Madrid: Imp. Sáez, 1961. Este libro consta de 90 páxinas. Da 19 á 26, o escritor fai referencia ás feiras, festas e romarías que se celebran na comarca de Carballiño. CASTELLS VILA, María del Rosario. La comarca natural de Viana del Bollo. La Coruña: Fundación “Gubenkian” de Lisboa, 1967. Esta obra está composta de 258 páxinas. Da 127 á 237, a autora fai unha breve análise sobre os seguintes temas: Os costumes agrícolas e gandeiros. As festas do ciclo anual. A vida familiar e unha serie de tradicións como os bautizos, as vodas, e os costumes de índole funerario. A obra remata, facendo mención a algunhas prácticas consideradas desde sempre como supersticionsas. É o caso da Santa Compaña, das bruxas, dos conxuros.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: