Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

REVISTA (ISSN 1887-2859)

nº 03 (2007).-CARNEIRO REY, Juan A.: Folclore de Ares e Mugardos

Autor: CARNEIRO REY, Juan A. Título: Folclore de Ares e Mugardos Revista de Investigación 3, 2007. ISSN 1887-2859. URL:http://www.galiciaencantada.com/dentro.asp?c=34&id=1118. __________ Mugardos e Ares son os concellos máis pequenos da provincia da Coruña despois do de Corcubión. As súas extensións son 12,7 km2 e 18,2 km2 respectivamente. Estes dous concellos conforman a meirande parte da península de Bezoucos, que divide as rías de Ferrol e de Ares, dentro do golfo Ártabro. Mugardos ten 5.600 habitantes e Ares 5.200. Tanto Mugardos como Ares conservan restos de lendas de tradición oral. O feito de pertencer á comarca de Ferrol e de estar moi vinculados a esa cidade deu como resultado a desaparición total ou parcial dunha gran cantidade de folclore. Consérvanse moi fragmentados restos de lendas relacionadas con “mouros”, “túneles e covas”, “trasno”, “galiña con pitos”, “encanto e serpe”, “cidade asulagada” e “virxe e santos”. MOUROS: Consérvanse parcialmente historias en relación con castros ou xacementos romanos. Os paisanos explican as construcións antigas: “eses muros fixéronos os mouros”. Ás veces a lenda mestúrase coa historia para razoar a existencia de restos romanos no litoral: “os mouros viviron por toda a beiramar, eran brancos coma nós e nós descendemos deles. Fixeron un convento (refírese á villa romana de Noville) pero fóronse cando Abd-el-Krim foi derrotado”. Referíndose a unha igrexa románica tardía construída preto dun castro: “a igrexa de Lubre fixérona os romanos nunha noite e á mañá seguinte os veciños escoitaron tocar as campás”. TÚNELES E COVAS: “Preto da Fonte da Moura hai unha cova que inda ninguén atravesou e que vai dar a un sitio chamado Cova dos Mouros que é a saída”. “Desta cova disque era onde sacaban mineral os mouros”. “Nesta cova era onde se refuxiaban os xudeus das persecucións dos Reis Católicos”. En realidade esta galería foi unha prospección metalífera xa dende o século XVIII. Ten entrada polas dúas bandas da península (preto de catro km. de distancia. “Existía un túnel entre o castro e a illa”, dise de varios castros costeiros con illas rocosas en fronte. TRASNO: “Preto do castro, baixando cara á costa había unha cova onde vivía un trasno e o que se acercaba á cova afogaba”. Outra versión afirma: “a xente que pasaba por riba da cova e escoitaba ruído, se miraba para atrás, saía o trasno e pechábaa dentro”. E tamén: “o trasno podía converterse en galo, burro ou cabalo. Cando o trasno se convertía en galo avisaba das invasións viquingas”. Por último, outro testemuño fálanos de que “o trasno non estaba nunha cova, senón que era unha rocha de forma estraña que se convertía no trasno”. Nestas variadas versións mestúranse folclore e cultismos. GALIÑA CON PITOS: “Na Fonfría hai unha galiña con pitos”. Esta é unha pequena poza na que nace un pequeño regato. Sen dúbida esta lenda foi máis extensa en tempos pasados e foise perdendo paseniñamente ata chegar ao mínimo que se narra actualmente. O ENCANTO – A SERPE: As referencias a estes seres teñen lugar na mesma fonte onde transcorre a lenda anterior. “Disque na Fonfría hai unha nena encantada”. E tamén: “Na Fonfría había un ‘encanto’ que consistía nunha serpe que saía polo cano da fonte e, se picaba a alguén, esa persoa morría despois de que lle ocorreran unha morea de desgracias. Nembargantes se algunha persoa tocaba a serpe e esta non lle picaba, a serpe convertíase en ouro, sendo esa persoa agraciada para toda a súa vida”. A CIDADE ASOLAGADA: Lendas deste tipo refírense a distintos lugares situados na nosa zona de estudo. “A vila de Ares está agora nun lugar de nova fundación. A vila antiga estaba situada noutro sitio pero foi asolagada e os seus habitantes volveron a construír un novo pobo, que é o actual”. Outras versións afirman: “O antigo pobo estaba no lugar da Xunqueira”. Outras din: “A orixe de Ares está en Besoxo, onde antes había unha ermida adicada a San Andrés”. Finalmente dise que “a antiga vila estaba, antes de ser asolagada, no lugar das Balsas”. “En Figueirido existía unha antiga aldea, e debido a un cataclismo ésta asolágase”. O certo é que aquí atopáronse restos romanos. A VIRXE – STA. LUCÍA: A carón do santuario da Virxe de Chanteiro existe unha fonte. “Unha noite uns pescadores que estaban a faenar viron unha misteriosa luz en terra, desembarcaron e foron cara a ela. Cando chegaron onda ela resultou ser unha imaxe da Virxe que estaba á beira dunha fonte. Máis tarde nese lugar fíxose unha ermida e á fonte chamóuselle a Fonte da Virxe”. Nunha freguesía mugardesa baixo a advocación de San Vicente e con moita devoción e microtopónimos que nos remiten a Santa Lucía, cóntase que: “Hai moitos anos apareceu unha imaxe de Santa Lucía nas redes dos pescadores. Empezouse a facer unha capela para a santa pero esta desapareceu. Ao cabo dun tempo a imaxe volveu a aparecer na Cova dos Mouros, onde hai auga doce, e dende alí trasladárona á capela. Despois dun tempo desapareceu definitivamente. Ata aquí o que poidemos recoller de boca dos informantes, polo regular persoas maiores de setenta anos. Está estudado amplamente e publicado en: CARNEIRO REY, Juan A. ; «Arqueoloxía e folclore: concellos de Ares e Mugardos», Cátedra. Revista eumesa de estudios, nº 6, páx.7-32, Pontedeume,1999.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: