Actualizado en data 22/04/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

COLABORADORES

Ilustradores: Lázaro Enríquez

Lázaro ENRÍQUEZ (A Habana, 1950- Vigo, 2005)
Calígrafo, ilustrador e deseñador gráfico, afincado en Galicia desde 1990. Graduado na Escola Nacional de Arte e no Instituto Superior de Deseño Informal e Industrial (1971) e licenciado en Xornalismo pola Universidade da Habana (1977). Membro da Unión de Escritores e Artistas de Cuba. Profesor de Gráfica Aplicada no Instituto Suoperior de Arte nos anos 1984 e 1985.
Foi recoñecido con numerosos galardóns: segundo premio do IX Concurso Noma (Xapón) por “Buscando a Buba; Waterman de caligrafía; finalista do Premio Edebé de Literatura Infantil por ilustrar o libro “As raíces do tamarindo” de Sindo Pacheco.
Entre os moitos libros que ilustrou destacan “Chove nos versos”, “Dez eran dez”, “Así viviu Ánxel Fole”, “Cuca e o abrigo marrón”, “Diccionario dos seres míticos galegos”, “A Vaca de Fisterra e a trabe de alcatrán”, “Postais no camiño”, “Contos colorados. Narracións eróticas da tradición oral”, “Contos de maxia, II”, “Paxaros de papel”.

In memoriam
Chéganos a mala nova da morte do noso amigo Lázaro Enríquez. Golpes tremendos que dá, sen avisar, a Morte Moura. Ademais de amigo, Lázaro era, así llo dicíamos, o noso ilustrador de cámara. Vai facer sete anos que o coñecemos para falar das ilustracións do Diccionario dos seres míticos galegos. O noso editor atinara co ilustrador axeitado. Lázaro soñou canda nós os rostros do imaxinario colectivo galego, e debuxounos. O seu foi un traballo redondo e quizais nunca ben recoñecido. Despois ilustrou outras dúas obras nosas: un volume da colección Cabalo Buligán e a escolma de relatos eróticos da tradición oral Contos colorados. O resultado foi magnífico.
De Lázaro cativounos a elegancia e a perfección do calígrafo, deseñador e ilustrador; era alegre, vital, divertido, intelixente, cultísimo, cun fino sentido do humor, cunha calidade humana e unha coherencia ideolóxica inquebrantables.
O limiar do Diccionario remata así:“A Lázaro Enríquez, xenial artista cubano galaico, el soñou con nós os habitantes deste mundo que aquí vos ofrecemos, e púxoos no papel co lapis e as acuarelas. El é o creador gráfico deste marabilloso retablo que entre todos erguemos... Só che queda a ti, lector, poñer en cada un deles o teu sopro de alento.”
Lázaro Enríquez naceu na Habana en 1950 e alí comezou a súa traxectoria arredor do mundo do libro e da edición. Instalado en Galicia continuou este labor con obras que permanecerán e serán valoradas consonte aos merecementos dun mestre.
Na nosa alma fica un baleiro. Dende a dor que sentimos e compartimos con familiares e amigos, quedámonos coa calidade das súas creacións gráficas, coa sorte que tivemos ó cruzármonos no camiño e co seu sorriso aberto. Mágoa que non podamos facer chegar á outra banda o noso sopro do alento.
[Xoán Ramiro Cuba, Xosé Miranda e Antonio Reigosa, La Voz de Galicia, 17-XII-2005]

Ilustracións en Galicia Encantada: Raposa das Mordazas.
____________________________________________________________


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: