Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Trentinán

Vila asolagada no cumio do monte Seixo, concello de Cerdedo (Pontevedra).
«No solombo do monte Seixo, na cunca de Xestido, os romanos fundaron hai dous mil anos a vila de Trentinán, a Sodoma de Terra Montium.
Neste niño do pecado e da depravación naceu Mariña, nena que axiña sobrancearía pola súa virtude. Cando moza de quince anos viuse pretendida polo Prefecto Olibrio. Mariña negouse a satisfacer os desexos do romano polo que foi sometida a martirio. O cru tormento concluíu coa súa decapitación. A cabeza de Mariña, desprendida do seu corpo, bicou o chan por tres veces e alí, onde aloumiñaron os seus beizos, gurgullou súpeto un illó de auga clara: eis as Laghoas de Xestido.
A poza meirande asolagou a cidade de Trentinán afogando os seus habitantes. Malia isto, nos días neboentos, nas noites escuras, moitos son os que afirman ter escoitado as campás da vila alagada tocar a defunto.
Andando o tempo, o pobo ergueu á beira das lagoas unha capela na honra de Mariña, xa beatificada. Na Chá da Santa Mariña, cada 18 de xullo, celébrase a feira da nabiña, o mercado das sementes.
O sanguento Olibrio foi castigado por Deus a arrastrar o seu corpo eternamente. O pobo cre que o lagharto da Santa Mariña, que ten por toqueira unha reganduxa da cachotería da ermida, non é outro que o libidinoso prefecto romano, xa que o réptil eslumece por se acubillar na perrecha das freguesas.»
Fonte: Solla, Calros; Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo, Ediciones Cardeñoso, Vigo, 2005.
Ilustración: Francisco Sutil.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: