Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Xeografía mítica

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Vida e milagres de San Rosendo

O bautizo

Os pais, logo de moitos intentos, non lograban fillos. Mais, despois de pedirllo ao Salvador e de peregrinar, un día aparecéuselle á nai, Ilduara, o Arcanxo San Miguel e anuncioulle que tería un fillo san. E Rosendo naceu aos nove meses, nun  parto sen dor.

Cando naceu Rosendo, que o fixo en Santo Tirso (Portugal), os pais quixeron bautizalo na igrexa de San Salvador, en Monte Córdova (Portugal), porque naquel lugar tivera a nai a revelación de que ía ter un fillo. Entón prepararon un carro para levar a pía bautismal ao templo pero o carro rompeu. Mentres o amañaban, a pía apareceu misteriosamente no interior da igrexa de San Miguel, en Celanova (Ourense).

Parece que os bois non podían coa pía e que, mentres se amañaba o carro, uns anxos se encargaron de transportala.

Interpretouse o prodixio como vontade de Deus e alí foi bautizado. No coro desta igrexa hai unha talla que representa a escena da crebadura do carro.

Logo de formarse en San Martiño de Mondoñedo (Foz) co seu tío Sabarico e de exercer de bispo da diocese mindoniense, retirouse ao mosteiro de San Xoán de Caaveiro, concello de A Capela (A Coruña).

O nubeiro e o anel

Certo día presentóuselle na fraga un nubeiro, que quixo tentalo, e como el non se deixou púxose moi mal tempo (lostregaba e sarabiaba moito) e Rosendo asomouse á ventá da súa cela e exclamou: 
—Que día máis malo vai hoxe! 
Ao pouco deuse de conta que pecara indo en contra da vontade de Deus e non sabendo que facer para que lle perdoase, baixou ao río Eume, que pasa aos pés do convento, sacou o anel e tirándoo ás augas, dixo: 
—Cando o meu pecado me sexa perdoado, que se me devolva este anel. 
Pasou o tempo e ao cabo de dous anos, un bo día o frade cociñeiro foi ao río pescar. Pillou un salmón ben grande e regresou ao convento coa intención de preparalo. Cando estaba limpando o peixe, atopou o anel no ventre do salmón. Despois disto, levoullo a Rosendo e o frade, cando viu o seu anel, berrou ansioso: 
—O meu anel! Deus perdooume! 
A partir dese momento, Rosendo pasou a ser San Rosendo. 

 

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: