Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Pedras

CATEGORÍAS RELACIONADAS

As orellas do Monte de Rubiás

No Monte de Rubiás, en Rubiás dos Mistos, na parroquia de Santiago de Rubiás, concello de Calvos de Randín (Ourense), hai un penedo cun furado que semella unha porta para entrar, mais por dentro o penedo está oco de todo.
Mais, ollo co burato; ó tentar entrar dentro do penedo, o burato encolle, e se xa estás dentro ou tes parte do corpo no interior, non podes saír.
Unha vez pasoulles a uns pastores o seguinte. Andaban por aquel monte coas ovellas e comezou a nevar. Buscando onde abrigarse viron o burato do penedo e decidiron entrar. O primeiro deles meteu a cabeza e o burato comezou a encoller; xa non puido meter o resto do corpo e, o que é peor, tampouco podía sacar a cabeza.
O pastor que estaba fóra, vendo que non lle podía valer ao outro, decidiu ir en busca dunha marra para romper o penedo pero, por se entramentras viña o lobo polas ovellas, díxolle ao que estaba trabado:
—Oes, é mellor que baixes os pantalóns e que quedes co cu ao aire. Así, se vén o lobo, ben sabes que ten o fociño frío, hache tocar no cu e así ti podes berrar e tornalo.
Así foi. O que estaba coa cabeza dentro do burato baixou os pantalóns e quedou co cu á intemperie e o outro compañeiro, en vez de marchar pola marra, vai, colle unha bóla de neve e guindoulla no medio das cachas.
O que estaba preso á pena pensando que era o lobo o que lle tocara no cu co fociño frío comezou a tirar, e tan forte tirou que conseguiu sacar a cabeza do penedo.
A cabeza, que as orellas quedaron apegadas á pedra e ninguén foi capaz de quitalas. Aínda hoxe se ven ali naquel penedo as pegadas delas.

[Recollido por José González Rodríguez en xaneiro de 1994 a Leopoldo Escudero Rodríguez de 83 anos]

Nota do editor:
Compárese con ”O frío fociño do lobo".

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: