Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Os pasadizos do castelo de Melide

No burgo vello de Melide sitúase cara o oeste un outeiro cheo de historia e lendas. Esa elevación coñécese como O Castelo, posto que na Idade Media erguíase a principal fortaleza da Mitra Compostelá, derrocada en boa parte nas Revoltas Irmandiñas (entre 1467-1469). Os Reis Católicos non deixaron que se reconstruíse, posto que os bispos da Sé Compostelá  posicionáranse en contra dos intereses dinásticos da raíña Isabel de Castela.

 Este Castelo aparece moi ben descrito por testemuñas do afamado Preito Tavera-Fonseca, no que se refire ademais que as súas pedras foron reaproveitadas no ano 1498 para a reedificación do Convento de Sanctispíritus de Melide, polo que non se conservan restos del.

Antes de establecerse o Castelo en época medieval, existira neste mesmo outeiro, un poboamento castrexo que perviviu habitado no período da dominación romana.

Actualmente atópase nese lugar unha Capela dedicada á Nosa Señora do Carme (do século XVIII) de grande devoción na vila e o cemiterio parroquial dende o século XIX.

Todo isto confírelle a este lugar un compoñente mítico e devocional, que se mantén vivo no subconsciente popular.

Son frecuentes os relatos de aparicións, milagres atribuídos á Virxe do Carme e tamén as vellas historias relacionadas co antigo castelo.

Nestas liñas queremos destacar o compoñente folclórico máis recorrente na memoria da xente, cando se fala do vello castelo. Aínda hoxe se comenta que o outeiro no que se asentaba, está minado no seu interior, por misteriosos túneles  e pasadizos, ós que se lle atribuía unha finalidade de vía de evacuación dos habitantes do castelo, no caso de ser sitiados. Os veciños comentan que existen estes condutos con saída a distintos puntos, como poden ser a actual rúa do Castelo ou  o camiño de Sabián.

 Incluso Florentino López Cuevillas, no  Terra de Melide (1933), cando se refire ó folclore do castelo fai mención a estes pasadizos do seguinte xeito: “No Castro hai soterráneos e hai tamén tres trabes unha de ouro, outra de prata e outra de alquitrán. Se o buscador de tesouros atopa ista última trabe ou viga, o lume que se arma destrúe todo”.

Este folclore que recolle Cuevillas, ten máis vinculación co antigo castro que co Castelo. El fala dos subterráneos, pero en relación co castro, non coa fortaleza.

Algúns veciños tamén se teñen referido a estes pasaxes, ata agora non atopados, como vellas minas para a captación e condución de augas.

Incluso hai quen di que nas casas que están adosadas á ladeira do outeiro, hai condutos ou bocas de túnel, actualmente tapiadas polos muros traseiros destas vivendas na rúa do Castelo. O certo é que non se ten documentado ou autenticado a súa existencia ata o de agora.

A pesar de todo, a lenda sigue viva, e existen veciños que aseguran que os teñen visto e incluso entrado neles, sen ser de todo capaces de precisar o lugar exacto.

Nesa mesma liña de mitos relacionados con túneles ocultos, teríamos que engadir outro punto “misterioso”  tamén no casco vello de Melide. Trátase dunha calexa coñecida como Calexón da Churrera, que comunica a rúa Principal coa Praza da Herba. Ese estreito calexón hoxe está empedrado, pero na década dos anos 70-80 estaba cementado, e cando se pasaba por el, formábase un forte eco metálico, como se estivesen pisando resortes ou “muelles”. De feito ós cativos gustáballes moito dar saltos, para incrementar o son, que se facía máis estridente. O problema é que cando se repavimentou o chan da calexa, acabouse co estraño ruído. Este fenómeno misterioso inducía a cavilar que debaixo dese angosto pasaxe, debía haber un túnel ou pasadizo descoñecido.

NOTA

Respecto ós pasadizos do Castelo Xosé Manuel Broz Rei, no seu último libro titulado "A vila de Melide", fala deles nos seguintes termos: "o tunel de Sabián: nunha corredoira que ía a fonte de Sabián había un burato cadrado a xeito de tunel, duns 80 cm de ancho; tamén se vía nunha casa da rúa do Castelo. Sempre houbo intentos de exploración, pero nunca soubemos para que era nin para que servía; especulouse coa lenda das trabes de ouro e de alquitrán, ditos populares que hai en todos os castros. A boca que saía na corredoira hoxe está tapada. Especulábase se era do castro ou do castelo. Nunca se resolveu este misterio."

Respecto ó outro pasadizo, o do Calexón da Churreira, estivemos facendo pesquisas entre os veciños desa zona, e cada vez cobra máis visos de realidade. Segundo informacións este pasadizo, que cruzaría o calexón, comunica unha vivenda situada na Praza das Coles (onde hoxe se atopa a cafetería Cire), con outra situada na Praza da Herba. Sábese que no primeiro dos inmobles houbo un sanatorio do doutor Juan Segade, a principios do século XX, no que se facían intervencións de cirurxía menor, e tamén se trataban casos de tuberculose. Sábese que dito doutor, que gozaba de moi boa reputación, mesmo atendeu clandestinamente a represaliados do réxime franquista, e que tiña o seu domicilio particular no segundo inmoble referido. Esto da unha pista da existencia e posible uso que podería ter ese pasadizo, no caso de confirmarse que realmente existise.

 [Texto remitido por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Marzo de 2015]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: