Actualizado en data 26/12/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A coroa de ferro ardente

No antigo claustro do convento de San Francisco de Lugo, hoxe ocupado polo Museo Provincial, pode verse unha tapa dun sartego coa figura de Andrés Pardo, quen fora abade de San Vicente do Pino de Monforte de Lemos no século XVI e protagonista dun suceso estarrecedor.

Mentres o conde anda ocupado en guerras contra os mouros deixa na confianza do abade de San Vicente, mosteiro veciño da fortaleza dos Lemos, a súa muller e familia. Cando regresa cóntanlle que a súa esposa foi violada e morta polo abade e idea unha vinganza refinada. Manda preparar un gran banquete e convida ó abade coma se non soubese nada do acontecido. Ós postres o conde pronuncia un discurso solemne de agradecemento ó abade polos servicios prestados e comunícalle á concurrencia que decidiu agradecerllo impóndolle unha coroa. Manda que entre ó salón do banquete un ferreiro ó seu servicio, chamado Sona de Asva, quen porta sobre unha prata a coroa de ferro ó roxo vivo.

A un sinal do conde, dous axudantes do ferreiro suspenden a coroa con tenazas e acomódana na cabeza do abade. O ferro queima e consume a cabeza do frade, e provócalle tan grandes tormentos que nuns segundos, entre enxordecederos bramidos, cae sen vida sobre o chan. O abade coroado aínda fumea cando o retiran da presencia dos comensais.

Nota: Esta lenda conta con dúas versións sustancialemnte diferentes en canto ó motivo anque con idéntico resultado: a que narramos, motivada polo comportamento deshonesto do abade coa muller do conde, e outra que tería a orixe nas loitas e rivalidades entre o abade de San Vicente do Pino e os condes de Lemos por asuntos de rendas e preeminencias. Tamén, segundo cal das versións, o abade leva por nome Diego García ou Andrés Pardo. Da ampla e variada fortuna literaria deste asunto destacamos textos decimonónicos como La corona de fuego, de B. Vicetto, ou La corona de fuego o el secreto de una tumba, da autoría de M. Amor Meilán, e o máis recente La leyenda de la corona de fuego de L. Moure Mariño.

Texto do libro “Arrepíos e outros medos.Historias galegas de fantasmas e de terror”,Edicións Xerais de Galicia, 2004, da autoría de Xosé Miranda e Antonio Reigosa


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: