Actualizado en data 26/12/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O tempo de Nadal e o número trece

O ano solar, o do noso calendario oficial, dividímolo en doce meses que suman 365 días, ou 366 se cadrar ano bisexto. Amais sometémolo a outros axustes cada certo tempo para atender outras descompensacións. Se o medísemos en lúas, serían doce lúas e pico (un ciclo completo da lúa coas súas catro fases corresponde a 29,53 días) que suman 354,36 días polo que cando remata o ano solar estamos a medio camiño entre a décimo segunda e a décimo terceira lúa.

Entre a noite de Nadal, a do 24 de decembro (a de comezo do ciclo, a elixida para fixar a data de nacemento de Xesús) e a noite de Reis (fin do ciclo) tamén contamos trece, neste caso trece noites.

O número trece foi e segue sendo un número maldito. Foino para os xudeos e para moitas outras culturas aínda que non o fose para os romanos. Na cea de xoves santo, lembremos, había trece comensais e un resultou ser un traidor; se cae en trece, sexa martes ou venres, non se debe un casar nin embarcar. A aeronave espacial Apolo XIII non chegou a estar trece minutos no aire. Son case trece as lúas e as menstruacións das mulleres por ano, trece as noites do ciclo de Nadal e trece son os días que transcorren desque os Reis Magos viron a estrela ata que se axeonllaron ante o Neno. Mais fuxamos deste número, non sexa o Demo, quen tamén ten, como veremos, moito protagonismo nestes días.

Estas trece noites e estes trece días veñen correspondendo, máis ou menos, se prorrateamos os desaxustes acumulados en varios anos, a ese desfase entre o calendario solar e o lunar, días e noites de ninguén; días e noites, por tanto, propicios para a inversión e a loucura. Un tempo fóra do tempo que comeza morno, case morto, baldío, e que remata ilusionante pois está reservado pola nosa tradición, e polos poderes que a rexen, para conmemorar a morte simbólica dun ano e o nacemento doutro.

Conflúen nestas datas varias celebracións. Comeza o ano litúrxico (precedido para a igrexa católica por un período de preparación que dura catro semanas e que se chama Advento) co natalicio de Xesús na noite do 24 ao 25 de decembro. Comeza o ano solar tras o solsticio (veremos porque non coinciden as datas actualmente) e comeza o ano para a cultura popular.

Para a igrexa primitiva oriental era o 6 de xaneiro o da celebración da Epifanía (manifestación, revelación, aparición) a do verdadeiro nacemento pois tamén os pagáns daquelas xeografías celebraban nesa data o nacemento de Osiris e o crecemento da luz; entre os xudeos aínda agora se lle chama ao Día da Epifanía o da Hagia Phota (A Santa Luz).

Entre o ano 120 e o 140 d. C. os gnósticos basilidianos xa celebraban o 6 de xaneiro o bautismo de Xesús, para eles era o mesmo que o nacemento, polo que San Epifanio propuxo celebrar tamén o nacemento en occidente nese mesmo día. Os cristiáns occidentais, sen embargo, preferiron o 25 de decembro, día no que Roma celebraba o nacemento de Mitra e o Día do Sol Invicto.

Síganos, se lle prace, nesta viaxe que lles propoñemos para percorrer este tempo mítico que vai desde o 25 de decembro, suposta data de nacemento de Xesús, ata o 6 de xaneiro, día do seu bautismo, outra forma de nacemento. Entremedias practicamos ritos, reunímonos para festexar, cantar, bailar e comer, tentamos a sorte, repoñemos enerxía e bos propósitos, e seguimos, ou cremos seguir, fielmente tradicións que ao mellor non son tan “tradicionais” como cremos…

Escribiu Álvaro Cunqueiro: … hai momentos na historia da humanidade en que a terra deixa, por unhas horas ou uns meses, de pertencer aos homes. Esas horas ou eses meses que se chaman “a hora vintecinco”.

O Nadal é a hora vintecinco da que fala Cunqueiro, eses trece días con esas trece noites que non pertencen aos homes pero que nos permiten aviventar a esperanza.

Lembrade a crenza que di que o tempo do Nadal é sagrado e que desde a Noiteboa ata o Día de Reis non hai maxia nin bruxedo que teña efecto; polo tanto, todos os meigallos que se intentan nestes días e noites fracasan, ou deberan fracasar, sen remedio.

[Extracto do libro “Trece noites, trece lúas. Libro das marabaillas do Nadal (Mitos, ritos, lendas e tradicións do Nadal en Galicia e no mundo de arredor)”, Xerais, 2011]

As ilustracións son de Noemí López


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: