Actualizado en data 26/12/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O chanto da ponte de Covas

Chovía a mares. O inverno parecía desfrutar vendo aos lagregos nas lareiras, en vez de nas terras. O cura párroco, que se quedaba na casa de Bande de Covas, improvisada reitoral dende había anos, non daba feito cos responsos a Santa Bárbara para escorrentar os tronos das casas dos veciños. Fora ano de boa colleira e de mellores esmolas, que todo isto adoitaba ir da man, e as huchas do párroco permanecían ateigadas de centeo. Mais centeo cru non mantén bandullo humano, e precisaba leña para que a criada lle roxara o forno e lle cocese o rico pan. Buscou entre os fregueses a algún, que non se sabe se lla regalaba, lla vendía ou lla tiña que levar como esmola, que lle carretase un carro de leña. Sábese con certeza que o carro, ateigado de canas e tirado por dúas vacas, viña da zona de Penouta ou lindante con ela. Era tardiña cando se dirixían cara a reitoral, unha comitiva formada por un ou varios veciños e o crego. O río Neira ía moi medrado por mor das choivas, e en chegando ao Pontón de Telo observaron magoados como a corrente esnaquizara o piar central e derrubara o paso. Así pois, coa noite case enriba e coa auga ata os ósos, deu o crego orde de dirixirse cara a Ponte de Covas, no concello de Baralla (Lugo), para ver se máis abaixo, preto dela, podía atravesarse o río nalgún remanso, quizais polo paso da Insua. Mais ao chegares, e pese a que o crego insistía en cruzar o río, o dono das vacas desbotou a idea. Seica existía un gran chanto fincado no medio da ponte que impedía pasar carro ningún por ela, somente se podía cruzar a pé. Entón, o cura, en vista de que non había xeito de pasar a leña, e vendo que a choiva podía continuar durante varios días ou mesmo semanas, achegouse a unha casa próxima, solicitándolle ao dono unha marra ou un eixadón. Con el nas mans, sen pensalo dúas veces, encomezou a escachar no chanto ata que o derrubou. Toupado de tal esforzo, que distaba moito dos acostumados pola fe, ordenou que pasase o carro pola ponte. Dende aquelas, o paso quedou aberto a carros e gando.

[Texto remitido por Xabier Moure Salgado. Xuño de 2016]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: