Actualizado en data 26/12/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O estraño suceso da pomba no casco vello de Melide

Este suceso aconteceu hai moito tempo  nunha casa do casco vello de Melide. A nosa informante por aquel entón era unha nena pequena, e a súa memoria xa non é capaz de distinguir entre o que ela viviu e o que lle escoitou, nos días posteriores ó suceso,  contar ós seus maiores. Incluso a casa onde aconteceu xa non existe como tal, pois a vella casa vendeuse e edificouse outra nova no seu solar. Pero o relato lévanos a finais dos anos 50, ó casco vello da vila de Melide.

Sucedeu que morreu unha veciña, e por aquel entón, ata non hai moitos anos, de feito, ós defuntos velábanse nas casas, e así foi que a esta señora, xa ancián cando morreu, a velaron nunha habitación da súa casa, que non tiña fiestras, como moitos dos cuartos das vellas casas.

E a primeira noite do velorio, estando alí a familia e os veciños sentiron o arrolar dunha pomba.  Pensaron que puidera entrar pola porta e colarse dentro da habitación, pero non a atopaban, ata que un veciño viu nunha esquina a sombra do paxaro.  Buscaban onde podía estar agochado o animal, e por máis que miraron enriba dos armarios, detrás da porta, non a atopaban.  E durante os días que durou o velorio alí estivo a sombra da pomba, e de día e de noite escoitaban o bater das súas ás.

Chegou o día do enterro. Cando volveron a casa, entre os veciños, como era costume, axudaron a arranxar o cuarto onde se velara a defunta, e cal foi a súa sorpresa que a sombra da pomba seguía aí, na mesma parede da esquina.

Pensaron que puidera ser que quedara atrapada detrás dun armario ou dunha viga e non podía saír, e decidiron que xa a buscarían pola casa. De feito, durante os seguintes días, puxeron a casa “patas arriba” e non deron coa ave.

E cando parte da familia da defunta regresou ós seus lugares de residencia, na Coruña e noutra localidade galega (da que a nosa informante non quixo precisar o seu nome), atoparon, para o seu asombro, a silueta da pomba nunha parede, e mesmo escoitaron o seu arrolar.

Enseguida comunicaron o suceso ós  seus parentes de Melide e entón foi cando comezaron a preocuparse.

Chamaron ó crego para que fose a ver a estraña sombra de rula que se proxectaba na parede e mesmo escoitala. O párroco non soubo explicar o fenómeno e comunicoulles que os poría en contacto con outros curas para que lles desen unha explicación.

Así pasaron moitos días, incluso meses. Moitos curas pasaron por aquela casa, intentando dar explicación ó suceso. Tamén ían a Coruña e á outra vila, pois o fenómeno producíase tamén nas casas das irmás da veciña falecida.

Ata que un día, un dos curas que se achegara por Melide para estudar o fenómeno, aconselloulles facer algún tipo de obra caritativa para ver se facía efecto. E así foi, como despois de facer un importante donativo á igrexa para os pobres, a pomba desapareceu das tres casas, para sempre.

NOTA

Non se precisa a rúa nin o inmoble, nin o nome da familia da defunta,  nin o nome da informante, posto que aínda que dispomos deses datos, non queremos incidir neses detalles, posto que aconteceu en datas relativamente recentes, e aínda vive parte da familia, que aínda que eran nenos, foron testemuñas do fenómeno, e nunca quixeron darlle publicidade ó asunto. 

[Texto remitido por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Abril de 2015]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: