Actualizado en data 26/12/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A figura do moucho nas cantigas populares de Melide

No “Diccionario dos seres míticos galegos” aparece recollida a figura do moucho equiparable á transformación das bruxas ou dos ananos para anunciar a morte. Como alí se referencia, trátase da ave que presaxia a morte como acredita a copla popular que di así:

                              Eu ben vin estar o moucho

                              enriba de aquel penedo.

                              non che teño medo moucho,

                              moucho, non che teño medo.

 Xa que cantando quítase o medo e ata se convence un.

 Sacamos este extracto para incorporar unha copla semellante, pero con matices, que escoitabamos en datas relativamente recentes (anos 80 e principios dos 90). Sendo o reflexo de como a tradición oral aínda serve para alentar e dar azos en actividades lúdicas e deportivas.

Neses  anos  dos que estamos a falar era moi habituais os campionatos de fútbol sala que se celebraban todos os veráns en Melide. Neles participaban equipos de Melide e dos concellos próximos, tendo unha gran aceptación e presenza de público da vila.

Un dos equipos que participaba nos campionatos, e do que non lembramos o nome, era do veciño concello de Palas de Rei. Cómpre sinalar que a xente de Palas caracterízase, ademais de ser moi animosa e participativa, por ser especialmente sensible coa recuperación e adecuación das tradicións populares galegas. Neste caso vemos un exemplo deste tipo, xa que cando xogaba o seu equipo, os afeccionados que o acompañaban alentaban ós xogadores con cánticos, moi acompasados, incluso acompañados de instrumentos de percusión.

O cantar “de guerra”, que interpretaban dun xeito coral, e ritmo moi pegadizo, recollía a figura do moucho como inimigo ó que había que esconxurar  (referíndose ó equipo rival), e amosándolle que non lle tiñan medo. A copla tiña por letra:

                               Moucho que estás no penedo

                               eres de cartón,

                               eres de cartón,

                               non che temos medo

Vemos neste exemplo un claro aceno de recuperación da nosa tradición oral, empregada apropiadamente para darse azos e, conseguintemente, desanimar ó inimigo, equiparado á figura do moucho.

NOTA

A figura do moucho tamén foi tratada no Terra de Melide (Seminario de Estudos Galegos, 1933), por Vicente Risco e polo crego melidao Amador Rodríguez Martínez, no capítulo titulado Folklore de Melide. Reproducimos literalmente o que narran: “O caldo de moucho sirve de remédeo pra moitas doenzas, en especial pr’a tos ferina. Ademáis, é ave feral: se ven berrar riba da casa d’un, sinal de morte. Ás veces, a ave ven case bater nas ventanas”.

 [Texto remitido por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Marzo de 2015]

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: