Actualizado en data 26/12/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A moura-serpe e outras lendas do castro de Negros (Redondela)

A visita a este castro non pode rematar sen rememorarmos as historias lendarias e mesmo míticas que atopamos en moitos dos nosos asentamentos galaicos.
Os dous castros redondeláns (este de Negros e o do monte da Peneda) conservan dúas fermosas lendas de mouras, esas deidades femininas vinculadas á natureza, reminiscencias probábeis das deusas nai da máis remota antigüidade, gardadoras de grandes tesouros, eses grandes segredos da natureza que ocultan o misterio da súa maior riqueza, unhas veces mineral outras alimentaria.
Aqueles que só pretendan a conquista cobizosa destes tesouros acaban pagando coa súa vida o enfrontamento fallado contra a proba que estas mouras lles impoñen. As mouras son as gardiás dos segredos destes tesouros da natureza para que a cobiza humana se manteña afastada.
Unha fermosa metáfora que se podería aplicar perfectamente na actualidade ao espolio e sobreexplotación que o ser humano causa constantemente na natureza.

A Igrexa da Preta
No castro de Negros, parroquia de Negros, concello de Redondela (Pontevedra) a moura vive dentro da montaña, baixo a aldea castrexa, no interior dunha cavidade chamada a "Igrexa da Preta". Se antes aludiamos ao carácter de divindade das mouras, a denominación popular de "igrexa" para este lugar é o máis apropiado. A palabra "preta", en lugar de moura, fai referencia á súa cor, xa que "preta" inda hoxe en portugués significa "negra".
Nas distintas versións hai referencias a que era a raíña da fortaleza da montaña, que alí facía grandes xantares con cabaleiros que viñan a cabalo para visitala. Noutras versións esta moura sae todas as mañás a recibir o sol nacente (a cavidade está orientada ao leste) e fai rezos e invocacións ao astro solar.
Polas noites sae da cavidade en forma de serpe e sobe ata o curuto do castro. Aquí atopamos varios lugares vinculados coa súa presenza. O máis salientábel é a chamada "Cadeira da Moura" ("Silla da Moura"), unha rocha ao bordo do precipicio que está orientada directamente cara á ría. Nesta "cadeira" ela senta, xa transformada novamente en muller moi fermosa, e, coma todas as mouras, peitea o seu cabelo cun peite de ouro baixo a luarada da noite.
Neste lugar é onde ten os seus encontros cos mozos que a pretenden. Unha das crenzas é que se trata dunha moza enfeitizada entre esta vida e o ultramundo, gardando un gran tesouro, e aquel que sexa capaz de romper o feitizo poderá casar con ela e levar consigo todos os tesouros.
As relacións entre as mouras e os humanos leva sempre consigo a superación dunha proba. Aquí poderiamos falar con seguridade do que son os rituais iniciáticos que se conservan nas tradicións lendarias de todas as culturas, ritos relacionados en moitas ocasións co paso da adolescencia á madurez.

O rito de desencantamento
A relación da nosa moura cos mozos que ata ela se achegan ten sempre un marcado carácter e intención sexual e a proba que eles deben superar expresa todo este significado. O mozo debe agardar sobre a “cadeira da moura” a media noite a chegada da moura, ao bordo do precipicio. Unha proba só para ser superada polos máis afoutos e valentes. A moura chega ata alí en forma de serpe, reptando polo chan, e porta na boca un caravel vermello. A cor vermella simboliza claramente o sangue. O sangue nos ritos iniciáticos da adolescencia está relacionado coa chegada da menstruación ou coa perda da virxindade; en ambos os casos indicadores simbólicos do paso á madurez. A moura-serpe, ao que chega á súa “cadeira”, ocupada polo mozo que a agarda, comeza a enroscarse no seu corpo subindo por el arriba, cada vez estruchándoo con máis forza a medida que o vai envolvendo, ata que a cabeza da serpe queda á altura da cabeza do pretendente heroe. Nese momento, a becha abre a súa enorme boca e amosa o caravel que leva entre as súas fauces. O mozo só ten que achegar a súa boca á boca da serpe e tomar do seu interior a flor cos seus beizos. Este é o instante climático, o mozo completamente envolveito e apertado por aquela enorme serpe e sen alento, aquela inmensa boca aberta ante a súa cara, e el só ten que achegar os seus beizos e tomar do seu interior a flor que se lle ofrece. Mais ese é tamén o momento en que o medo supera calquera intento de introducir a súa boca no interior da serpe e arrancar a flor. Prodúcese entón un forcexo por zafarse daquela becha opresora, e na loita que se desenvolve o mozo cae ao precipicio e morre esfragado entre as rochas. Nunha das versións recollidas fálase de dous mozos que apareceron en distintas ocasións mortos pola mañá entre os penedos. A morte da persoa que non supera a proba á que é sometida é moi corrente nas lendas galegas. No fondo subxace unha intención de selección: só os máis fortes e valorosos están preparados para superar todas as probas que agardan no desenvolvemento madurez; os máis débiles son desbotados e refugados.

AS CAMAS DE PEDRA DO CASTRO DE NEGROS
As “camas de pedra” son abundantes por todo o territorio galego e están relacionadas con rituais sexuais, unhas veces de iniciación, outras propiciatorias da procreación, outras dedicadas á curación de enfermidades e mesmo algunhas tamén como adiviñatorias. Neste castro de Negros temos dúas camas.

Cama da Moura
Esta cama de pedra foi esnaquizada case na súa totalidade polos operarios que colocaron a torre de alta tensión. Só se conserva a cabeceira.
A versión lendaria cóntanos que a moura deitábase nesta cama cos mozos que ela desexaba (algo moi semellante ao que se conta, por exemplo, sobre a Orcavella de Fisterra). Mais esta cama foi usada ata a súa desaparición por multitude de parellas que subían a este lugar máxico da natureza para buscar a procreación que en moitas ocasións non se conseguía no leito do fogar. Un rito animista que se practica en incontábeis lugares de Galiza, vinculado neste caso, coma case sempre, a unha deidade da natureza, propiciatoria da fertilidade, quizais un dos segredos que ela garda como moura no ventre da montaña, perdido para sempre.

A Cama dos Nenos
Ao carón da desaparecida “cama de pedra” da moura existe na actualidade unha segunda cama conservada: a “Cama dos Nenos”. Ten un tamaño e unha concavidade que a asemella a un berce de pedra, cunha cunca insculpida na cabeceira. Das diferentes versións recollidas, a coincidencia fundamental é que a esta “cama de pedra” tráense as criaturas para as que non se atopa remedio. Nas noites de lúa chea déitanas nesta pedra para que a luarada da forza coa que move as augas do mundo facendo subir e baixar os mares, reequilibre todos os líquidos internos da crianza, volvendo todo ao seu sitio e propicie a súa curación.

O río subterráneo do Castro de Negros
Nunha visita con persoas da parroquia a este castro aseguran que existe un río subterráneo que vai dende o castro, atravesando toda a montaña en dirección á illa de San Simón. Nalgunhas versións cóntase que ten unha saída nunha mina do lugar da Portela, a carón do mar; noutras versións cóntase que este río subterráneo ten a súa saída diante da punta da praia de Cesantes, fronte a illa, nun pozo moi fondo que alí existe no mar, e que o choque das augas deste río subterráneo coas augas do mar provoca os continuos remuíños que se dan nese punto estreito entre a punta da praia e a illa.

[Texto remitido por Xosé Couñago, de Redondela. Xaneiro de 2014]
» Máis información sobre o castro de Negros


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: