Actualizado en data 26/12/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Os encantos das Fontes do Vedral, en Mondoñedo

As Fontes do Vedral están entre O Reguengo e San Paio, na parroquia de Santiago, Mondoñedo (Lugo).
Había dúas fontes unidas polo carreiro que comunicaba O Reguengo con San Paio. Cada unha delas co seu pío de granito entre dous vargos de lousa que servían de lavadoiros. A diferenza máis notable entre elas era a súa situación. A primeira estaba en sitio solleiro, na camposa do seu arredor tendíase roupa ao clareo. A segunda era avesía por estar socavada nunha especie de cova na que os raios de sol entraban mainiños ó solpor. Era esta a fonte máis feiticeira na que ó amencer se peiteaba medio espida a moza máis loira e máis fermosa que nunca endexamais ningún home se imaxinara (Penso que dicían que era filla dun rei mouro ¿…?) pero todo aquel que ousara axexala quedaría enfeitizado.
Un veciño do lugar, con nome e apelidos (…?), son incapaz de lembrar o seu nome, foise achegando silandeiro polo souto ata agocharse nunha cachoupa vella dun castiñeiro e por un dos seus furados podía albiscar á doncela que cantaruxaba mentres peiteaba cun peite de ouro os seus fermosos cabelos.
Cando ela se retirou, o veciño saíu da cachoupa ás catro patas tan ledo que non se decatara de que quedara convertido nun carneiro branco que aínda cando eu era neno seica saía ó carreiro e turraba a todos os que se achegaran antes da saída e despois da posta do sol. Por iso os nenos sempre tivemos certo reparo para cruzar polo Vedral.

[Remitida por Francisco Piñeiro (natural de O Reguengo), residente en Cervo (Lugo). Decembro de 2012]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: