Actualizado en data 26/12/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Ritos: Pedir aos santos sen falar

As xentes do municipio do Vicedo (Lugo) practicaban, e aínda practican, un estraño ritual para pedir pola curación dunha persoa.
Para que o milagre se cumpra, o oferente debe permanecer "sen falar", é dicir, en silencio absoluto ata o destino marcado; é aquí cando debe "chamar" polo santo elixido para que interceda pola persoa ofrecida.
En certa ocasión, unha muller ofreceu ir "sen fala" ata a ermida do San Martiño, erixida no monte Castelo, na estremeira dos concellos de Ourol e Viveiro, para pedir pola curación dunha filla. Mais, denantes cumprir coa promesa, morreu.
Unha irmá que coñecía o desexo da finada,colleu á cativa e encamiñouse cara a capela, realizando todo o camiño "sen falar"; só cando chegaron á ermida, a muller invocou os nomes da falecida e do santo.
Outro día, á volta dunha viaxe organizada polos veciños do concello ao Santo André de Teixido, o autobús no que regresaban parou de súpeto. O condutor, logo de comprobar que o contratempo non se debía a ningunha avaría, preguntou, escamado, se había alguén que "non falara" (que non chamara polo santo). Identificada a persoa en cuestión, o autobús deu a volta cara o Santo André sen problemas, alí cumpriron o ritual ao completo e, sen máis atrancos, puideron regresar para as súas casas.

[Información remitida por Xabier Moure Salgado, de Pontide, Suegos, O Vicedo (Lugo), en abril de 2009]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: