Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

As curandeiras

As curandeiras

©Antonio Reigosa

As curandeiras son esas mulleres tamén coñecidas por outros nomes segundo a especialización ou as artes que usen: menciñeiras, compoñedoras, sabias …. Os seus coñecementos son herdados da tradición e aplican remedios de diversos tipos para curar doenzas con herbas, apócemas, oracións, ensalmos ou imposición de obxectos ou mans. Ás veces chámanse, bruxas, meigas, feiticeiras … porque usan malas artes para facer dano ou incluso matar. E aínda habería un terceiro tipo no que encadrariamos  a adiviñas, cartuxeiras, pitonisas e vedoiras, as que poden “ver” por diversos medios a situación de xente afastada, e tamén o pasado e o futuro.

Filomena Arias Armesto, a Sabia de Torbeo, naceu no concello de Ribas de Sil en 1865 ou 1866 e morreu en 1938. O poder veulle de repente, cando foi beber auga á fonte da Cruz, pois seica se lle meteron no corpo cinco demiños. O párroco esconxurouna pero só  lle puido tirar dous. Así que foi curandeira e como tal tivo moita sona, tanto en España como en Portugal. Era vedoira e axudábase dunha mediumque ela chamaba “La niña”. Ladraba como os cans e cando entraba en éxtase, falaba castelán.

Isolina Camiña, a Gheiteira, naceu en Cerdedo en 1909 e morreu en Pontevedra en 1996. Posuía unha artesa que usaba para esconxurar o anghinido, un anel dourado de estrela e a cruz de santo André. Era especialista en cortar o aire de defunto. Poñía o anel no dedo, colocaba ao doente na artesa, facíalle unhas fregas e dicía as palabras do ritual, repetindo tres veces. O doente relaxa ata adormecer dentro da artesa, e cando esperta, xa está curado. O seu sobriño-neto, Calros Solla, foi quen herdou estes utensilios e está especialmente orgulloso da chamada cruz de santo André, un seixo gris que de maneira natural ten debuxada unha cruz branca en aspa. Quen ten esa pedra no peto no momento de expirar, aínda que non peregrinase ao santuario de Teixido en vida, queda libre de facelo despois de morto. O salvoconduto universal.

Sabina Ramos Mosquera, a Cartonera de Vilaxoane, en Foz, era tamén vidente, e atendía toda clase de consultas relacionadas con infidelidades, amoríos e intimidades. Segundo conta Xoán Ramón Fernández Pacios foi detida pola garda civil, acusada de infrinxir o artigo 606 do código penal vixente en 1917: “Los que por interés o lucro interpretaren sueños, hicieren pronósticos o adivinaciones o abusaren de la credulidad pública de otra manera semejante”.

Umbelina Vieira, “A Cantigas”, era unha curandeira portuguesa que faleceu en 1959. Fixo moitos cartos indo de romaxe en romaxe polo sur de Galicia e o Norte de Portugal. Dedicábase a curar con aceite e teas de araña aos que quedaban feridos tras as recorrentes loitas e pelexas. Un que lle deu moito negocio foi O Corisca, un “poxador de pau” portugués que manexaba a vara como ninguén e que andaba pola mesma comarca. Di V. Risco que tiña gran musculatura e que era capaz de defenderse el só de ata unha ducia de homes armados con navallas, pedras e paus.

Disto e doutros asuntos relacionados imos falar na IX Xornada de Literatura de Tradición Oral que se vai celebrar en Lugo o 12 de novembro; o tema “Remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional”. (+ info)

Artigo publicado en "El Progreso" o 28 de outubro de 2016

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: