Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A Matanza dos Inocentes

Segundo algún investigadores a matanza de nenos de Belén menores de dous anos ordenada por Herodes, que se sentía amezado polo que chamaban novo rei, debeu ter lugar uns dous anos despois do nacemento de Xesús.

Non está nada claro, de todos modos, en memoria de que santos nin de que inocentes celebramos o 28 de decembro.

Quen son eses santos inocentes? Aqueles nenos mandados degolar por Herodes, os sete irmáns macabeos dos que fala o Antigo Testamento ou outros inocentes?

J. Caro Baroja, ao estudar as orixes do Entroido e a súa vinculación coas festas de tolos ou de elección de obispillos que se celebraban nesta data, opina que estes inocentes poden ser as ánimas dos nosos devanceiros, e que as máscaras de Entroido serían a súa representación.

 A Morte dos Infantes Inocentes celebrábase pola igrexa xa no s. V. En principio as imaxes representaban a execucción por “precipitación” ou “despedazamento contra o chan”. Máis adiante, a partir do s. X, a iconografía representábaos feridos polas lanzas dos soldados de Herodes. Probablemente, polo menos nun principio, o día escollido era o 8 de xaneiro e no s. X aparece nun calendario mozárabe con dúas datas de celebración, o 29 de decembro e o 8 de xaneiro.

Estes nenos son considerados pola igrexa os primeros mártires cristiáns pois foron bautizados co seu propio sangue. Asegúrase que o corpo incorrupto dun deles está nunha furna que hai na sacristía da catedral de Valencia, e que a camisa doutro, doazón de Isabel a Católica, está na Capela Real da Catedral de Granada. No s. XV fúndanse hospitais para loucos baixo a protección de confrarías que se denominan de “Inocentes”

A Degolación dos Inocentes da catedral de Mondoñedo

Nun dos muros interiores, no do lado da Epístola, da catedral de Mondoñedo consérvase un mural con pinturas góticas datado entre finais do s. XV e principios do s. XVI cuxa lenda di “Estes son los santos Y nocentes que el rey Erodes mandó degolar…”. Son pinturas inxénuas, moi expresivas, dun cromatismo plano con gran número de figuras que ocupan dous planos; o superior con debuxos dos propios inocentes, as nais e os soldados, todos de pel branca que se identifican cos cristiáns, e no inferior, nais e nenos pero de pel escura, seguramente xudeos e moriscos. (O debuxo é de J. Villaamil y Castro, 1862)

O Día dos Inocentes

O Días dos Santos Inocentes é, sobre todo, unha xornada de burlas a ver quen cae de incauto. Neste día os xastres mandan aos aprendices ir buscar a pedra de afiar as agullas, fanse recomendacións como cortarlle o rabo ás vacas para que non mosquen; téntase, con enganos, que outros carrexen pesos inútiles ou innecesarios, que fagan recados imposibles, atráncanse camiños, fanse desaparecer cancelas e portas (chamáselle o día das cancelas), sóbense ferramentos, carros ou animais ao bico das árbores, pendúranse do lombo dos inxénuos papeis con figura de burro ou rabo, ou farrapos, deixanse ao descoido paquetes baleiros, regalos e diñeiro falsos, cóntanse trolas, fanse circular rumores, os medios de comunicación divulgan novas enganosas ou falsas, ou, sen máis, chamamos a alguén polo nome e se nos atende, dicímoslle: Inocente, inocente!

No Entrimo, segundo V. Risco, tamén era día de inocentadas o primeiro de abril, e en Gomesende, o día de San Pedro. Tamén se fan durante o tempo de Entroido e o día primeiro de ano en moitos outros lugares.

O Festa dos Inocentes foi, en certo modo, a continuación das irreverencias das antigas Saturnais. Invertíase a orde, mandaban tolos, criados, nenos e acólitos. Chegaron a celebrarse dentro das igrexas xogos e representacións con personaxes ridículos, facendo uso de vestiduras sagradas, remedando e parodiando, para provocar risa, actos litúrxicos con nomes tales como “Festa dos Obispiños”, “Festa do burro” ou “Festa dos Tolos”. Aínda que foi costume tolerado e promovido pola igrexa, pois foi interpretado na Idade Media como recoñecemento á inocencia representada polos nenos e os deficientes, algunhas Constitucións Sinodais, como as do bispado de Lugo en 1669, prohibiron estas burlas.

A Festa do Obispiño ou Bispo dos Inocentes consistía en escoller un meniño, xeralmente de coro, para que vestise e exercese de bispo nese día, facendo parodia das ceremonias relixiosas. Tiña que ser obedecido. As constitucións do bispado de Lugo de 1669 prohiben o uso de roupas sagradas para facer parodias de ceremonias relixiosas. Na catedral de Ourense, a pesar das prohibicións, seguiuse ata o s. XX o costume de que os monaguillos mandasen e dirixisen os rezos, a misa e o coro ese día.

A Festa dos Tolos era moi parecida a esta. Escollían un papa dos tolos que tiña poder como para nomear algunhas vacantes eclesiásticas. En París, o bispo de Sens, Pedro de Copbeil, chegou a escribir un misal específico. En Flandes, ata finais do s. XVIII, eran os nenos os que mandaban ese día nas casas, dispoñían todo e eran obedecidos polos adultos.

A fuxida a Exipto: A Sagrada Familia polo mundo

Xosé tivo un soño (cóntao o Evanxeo de Mateo) no que se lle apareceu un anxo que lle ordea que fuxa con María e o neno cara Exipto pois o rei Herodes anda tras de Xesús para matalo. Xosé fai que a Virxe monte nunha burra co neno no colo e, guiados por un anxo, collen camiño de Exipto.

[Extracto do libro “Trece noites, trece lúas. Libro das marabaillas do Nadal (Mitos, ritos, lendas e tradicións do Nadal en Galicia e no mundo de arredor)”, Xerais, 2011]

As ilustracións son de Noemí López


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: