Actualizado en data 10/04/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O demín de Paraxís

Eu coñezo dun caso -comentou Carolina- cuxa veracidade ninguén dubida. É coñecido como o caso do Demín de Paraxís. Este diaño acompaña a anxos e santos no retablo situado no altar maior da Capela do Anxo da Garda de Paraxís, Balboa (León). É unha figura pequena, labrada en madeira negra e que chama moito a atención a todo visitante. 

Din que aló polo ano trinta regresaban na noite Frutuoso de Castañeiras, o Vielo de Chan de Vilar e Milo Pumarín. Tras unha noite de troula ao chegar xunto a capela, con algún que outro viño de máis no corpo, decidiron visitar ao demín. Entraron na capela, colleron a talla, saíron e desfilaron en procesión con ela nas mans. 

O demo nun abrir e pechar de ollos, pegou un chimpo e sentou na póla dun castañeiro. Desde aló arriba comezou a rir a cachón desconcertando a aqueles homes, que petrificados non souberon como actuar ante tal situación. 
O demín sobrevoounos unha e outra vez cambiando de posición con áxiles saltos, mentres eles seguían agochados e inmóbiles ante tal acontecemento. Nun mal chimpo, o demín caeu, cesou de rir e eles decidiron achegarse.

Topárono cunha perna e brazo rotos e, tras recollelo con sumo coidado, depositárono con total reverencia no seu nicho. 

Sen intercambiar palabra aqueles homes foron cada quen pra a súa casa con aquel segredo, coma se se tratase dun mal soño. 

Pasaron os anos sen revelar o acontecido aquel día ata que decidiron contarllo á Trova. A adiviña prognosticoulles unha morte en estrañas circunstancias a todos eles e así foi. O Vielo de Chan faleceu con apenas corenta e poucos anos de idade. Recordan que días antes de morrer el xa prognosticara o seu inminente falecemento na cantina. Frutuoso de Castañeiras morreu tras unha mala caída limpando uns castiñeiros e a Milo de Pumarín tamén lle sucedeu unha desgraza semellante. 

[Texto e fotografía remitidos por Manuel González Prieto, de Compostela (A Coruña) en agosto de 2015. Fonte: Os moradores de Balboa e da aldea de Paraxís]

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: