Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Fadas leonesas II: Raíñas e fiadoras xigantes (Nicolás Bartolomé Pérez/ Emilio Gancedo)

© Nicolás Bartolomé Pérez/ Emilio Gancedo.
Artigo publicado anteriormente en castelán no “Diario de León” (18/05/2014), revista dominical La Llariega.
__________
En Paradaseca contan que a raíña Urraca pariu debaixo dun hórreo, e en Rosales, que a Pena la Mora foi levantada ata alí por unha destas mulleres prodixiosas: levouna na cabeza mentres fiaba.
_____
De todos os nomes que reciben as “fadas” leonesas quizá o máis evocador e misterioso sexa o de Urraca, dona Urraca ou Raíña Urraca; porque, en principio, parece remitirnos aos tempos da monarquía leonesa cando varias raíñas, infantas e damas da nobreza deste reino recibiron tal nome. Basta citar como exemplo a Urraca I (1109-1126), a única muller que gobernou por dereito propio un estado medieval hispano. A existencia dunha Urraca lendaria na tradición oral leonesa podería deberse ao recordo folclorizado dalgunha desas venerables féminas da realeza do vello reino; en todo caso, as lendas sobre esta muller mítica son moi escasas, como, por exemplo, a que se localiza en Carracedelo por onde pasaba un camiño empedrado que ía de Ponferrada a Villadepalos (Villadepaus, en galego berciano), ao que chamaban de Doña Urraca.
En Paradaseca hai unha capela en cuxas proximidades houbo un cemiterio no que conta a tradición local que alí estivo a raíña Urraca, e tamén que neste pobo a raíña Urraca pariu debaixo dun hórreo. Outra lenda sinala que andou por Anllares (Anchares, en leonés), e que chegou desde El Couto escapando dunha epidemia; a casa onde se hospedou foi a primeira do pobo e a orixe da localidade.
Doutra banda, no pobo lacianiego de Rabanal d’Arriba hai un castro onde viviu a raíña Urraca; e en Molinaferrera atopamos un Castillo de Doña Urraca, tamén coñecido como Castrillín, con unha narración que indica que unha moura que vivía na Fuente la Moura lavaba alí a roupa de dona Urraca. Esta Urraca mítica non é exclusiva de León pois coñecemos da súa existencia noutras terras, especialmente en Asturias, Navarra e o País Vasco. Precisamente en terras vascas e navarras esta denominación relaciónase co ser mitolóxico principal vascón, Mari, unha muller sobrenatural á que se describe como unha especie de divinidade subterránea e telúrica, e que recibe, entre outras, denominacións como Mari Urraka, Mariarroka ou Mariburrika.
No País Vasco, como en León ou en Asturias, é frecuente que este numen feminino teña un nome que indica unha orixe nobre (dama, raíña, dona), e que se vincule a lugares como pazos, castros ou covas. Urraca é para algúns filólogos un nome de orixe vasca, o que quizais sexa unha evidencia da antigüidade deste mito localizado especialmente no norte de España, e cuxos orixes son seguramente anteriores aos tempos do reino leonés.
Fiadoras xigantes
Outro tipo de “fadas” que presentan unha singularidade propia son aquelas que se manifestan como fiadoras xigantescas ou, polo menos, posuidoras dunha enorme forza. Así, no pobo omañés de Rosales, en concreto no monte chamado Alto la Salsa, hai unha gran pena erguida coñecida como La Pena la Mora da que se di que foi subida por unha moura desde o curso fluvial máis próximo, situado a máis dun quilómetro, ata o seu emprazamento e todo iso coa rocha sobre a súa cabeza mentres fiaba. En Toreno existe unha tradición semellante referida á Peña la Mora, transportada sobre a súa cabeza desde o río Sil ata a súa ubicación por unha moura fiadora. Na comarca de Lúa (L.lúa, en leonés) a lenda afirma que o Sierru la Mora foi colocado alí por unha moura co seu dedo maimiño. Pero este tipo de lendas tamén aparecen cristianizadas, como constatamos no Cantu l’Arbechu, en Susañe (Susane, en leonés), do que refire que foi levado ata alí pola Virxe María quen transportou a enorme pedra na cabeza co Neno Xesús en brazos, mentres fiaba con roca e fuso.
As anteriores non son as únicas “fadas” fiadoras da mitoloxía leonesa. De feito, no próximo artigo de La llariega trataremos da fiadora fantástica máis destacada do noso imaxinario popular


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: