Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O demo en Santa Cilla de Foz

Nunha casa illada das outras da parroquia de Santa Cilla, concello de Foz (Lugo), sucedeu algo extraordinario aló polo outono de 1907. Segundo crónica asinada por José Candia Villares (secretario do concello de Foz naquelas anos de principios do século XX), e publicada o 1 de decembro de 1907 en “La Correspondencia Gallega. Diario de Pontevedra”, nunha casa na que vivían un matrimonio de mediana idade e os seus dous fillos pequenos, pasou algo sinexplicable.

Dentro da casa

Un día, á noitiña, cando o matrimonio e os seus dous fillos estaban preparando a cea, sentiron un ruido extraño que lles pareceu vir do tellado. Pouco despois, comezaron a caer pedras pola cheminea que, curiosamente, só lle apuntaban á muller, aínda que sen mancala. Aquela mesma noite caeron pedras pola cheminea durante unha hora pero, aínda que saíron mirar por fóra, non viron nada. Despois, todo quedou tranquilo ata a noite seguinte que volveu o “tiroteo”. Os da casa sentiron medo e chamaron os veciños, e un deles, seguramente o máis valente, dixo: —Eu vou entrar a ver quen se mete comigo! E aínda non acabara a frase cando unha das pedras lle atinou nas costas tan violentamente que lle fixo dobrar a cintura e correr cara a cociña para protexerse. Estando xa na cociña, arredor da lareira, os da casa e os veciños, viron caer xusto enriba da muller da casa un restra de espigas de millo (maiz)que penduraban do teito. A seguir, o pote que estaba sobre o lume, sen que ninguén o collese, revolveuse e verteu sobre o lume a auga que tiña dentro. Dúas veces que o encheron, e outras dúas que entornou e baleirou a auga que lle botaban. A lata onde recollían a cinsa, e sen que ninguén a manipulase, ciscou todo polo cociña. A seguir, un cesto, autonomamente, caeu no lume. Retírano pero, nada, volveu el só a chimparse no lume. Encheron o mesmo cesto de millo pero volveu a entornar e ciscou as espigas entre a leña que ardía na lareira. Algúns comezan a rezar, ninguén daba creto, e rexistraron a casa sen éxito. Todo inútil. Aquela noite cando cesaron os sobresaltos, cadaquén regresou á súa casa. A noite seguinte non pasou nada pero a seguinte e outras oito noites alternadas que viñeron detrás repetíronse os mesmos fenómenos, e aínda algún outros dentro da mesma casa. Unha desas veces, o home estaba só na cociña viu como unha bombilla (bujía) se lle tiraba ao rostro para despois volver ao punto de partida onde estaba pendurada. Correu á corte onde estaba o resto da familia atendendo o gando e pechou a porta. Sentiron bater nela durante unha hora, e cando cesaron os golpes e abriron a porta viron que alí estaban amontoadas todas as zocas e outros anacos de madeira que deberán estar debaixo da artesa.

Fóra da casa

A cousa pasou a maiores nos días que viñeron despois. O que fose xa non actuaba só dentro da casa. Cando estaban nun campo cargando un carro, as pedras voaban por enriba del e apuntábanlle á muller. Noutra ocasión cando estaba a muller medindo o trigo para pagar a renda, segundo baleiraba os sacos, estes erguíanse no aire e pousábanselle nos ombros. Outro día máis, estando a mesma muller sentada na artesa viron como as cazolas e outros utensilios de cociña se remexían dun lado a outro sen que ninguén os manipulase. Tanto foi o asunto a máis que decidiron bendicir a casa e pagar unhas misas, pero nada. Todo seguía igual ca antes.

Unha maldición: a orixe do problema

Todo se amañou cando se detectou a orixe do problema. Resulta que a muller da casa perderá un mandil, e crendo que era o seu o que levaba posto outra veciña, reclamoullo, mais a veciña, pois era seu, non llo quixo dar. Entón, a muller da casa, pegoulle e quitoullo, e a veciña, amolada, din que lle dixo.

—Queira Deus que así como ti viñeches tras min e me pegaches, e me levas o mandil que era meu, así ande a pedradas o demo tras de ti, ata que me volvas o mandil e a honra, e eu che perdoe! A muller acabou por devolver o mandil, pediu perdón e así como foi perdoada, todo volveu á normalidade.

Nota

Xa no século XIX e nos primeiros anos do XX son frecuentes os relatos que aparecen na prensa referindo casos parecidos. Son as “lendas urbanas” da época, divulgadas e magnificadas polos xornais que daquela, como agora, buscan lectores a calquera prezo. Agradecemos ao noso amigo, Paco Piñeiro, a descuberta desta información.

(PDF con documento orixinal)_El demonio en Santa Cecilia_José Candia Villares.pdf

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: