Actualizado en data 20/01/2018

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Virxe dos Milagres de Saavedra

O santuario da Virxe dos Milagres está na parroquia de Saavedra, concello de Begonte (Lugo). A romaxe celébrase o 24 de maio e a ela acoden en peregrinaxe devotos (moitos van andando) de toda Terra Chá, desde Lugo ata os confíns da Chaira; e de aínda máis aló.
Atende peticións de todo tipo, desde as causadas por doenzas, ata amparo para os que van nacer ou mesmo casar. Dan voltas arredor do igrexa de pé ou de xeonllos, levan exvotos que representan o corpor, ou parte, humano. Poñen o santo, ofrecen misas, candeas e esmolas, e asisten á misa e á procesión.
O Equipo Chaira (Ofelia Carnero, Mercedes Salvador, Xoán R. Cuba e Antonio Reigosa) recolleu numerosas lendas con variantes entre 1992 e 1995relacionadas con este importante santuario chairego.

Antes da Virxe dos Milagres, era Santa Ana a patroa
Ao parecer, antes de consagrarse o santuario á Virxe dos Milagres, era Santa Ana a patroa. E cóntase que unha vez unha muller maior colleu a Santa Ana e levouna para a casa, e despois deu en vir moi mal tempo, moi seguido. Entón os veciños deron en chamar pola imaxe, e cando a señora a devolveu para o seu lugar na capela, o tempo mellorou.

O serrador salvado pola intercesión da Virxe dos Milagres
Estando dous curmáns cortando madeira no monte, mentres un deles afiaba o serrón, caeu un piñeiro enriba e arrebolou o rapaz contra os ganchos do serrón.
O outro mozo, irmán da informante, para que non morrera deu andar de xeonllos desde a casa á da igrexa dos Milagres, en procesión, e o curmán salvouse e non morreu.

A nena pillada polo tren en Carral
En Carral, a uns tres quilómetros da igrexa dos Milagres, había unha muller guardesa que vixiaba o paso a nivel por onde pasaba o tren. Mentres a nai foi lavar, encargouse unha filla pequena que tiña de vixiar as vías, pero á nena, ninguén sabe como foi, enganchouna o tren e quedou malferida.
Entón a nai para que a filla non morrese prometeulle á Virxe dos Milagres ir de xeonllos desde o paso a nivel ata a igrexa. E foi, e a nena non morreu.

Os franceses e a Virxe dos Milagres
Tanto é o poder da Virxe dos Milagres que se conta que cando viñeron os franceses a principios do século XIX, quixeron entrar dentro da igrexa acabalo, pero non houbo maneira. Intentárono varias veces, pero non foi posible; unha forza misteriosa impedíallelo. E seica dicían os franceses: Non nos deixa entrar a “Proceluda”.
Tamén se conta que cando viñeron os franceses, os veciños esconderon unha coroa de prata que tiña a Virxe alí nun curro, entre a folla.

A inocencia do señor de Vilaguisada
Este tal señor de Vilaguisada, tiña a casa non lonxe de onde chaman A do Monte, tiña un criado que un día foi de festa cuns coñecidos e, sen saber quen o matara nin trouxera, apareceu morto diante da casa do amo. A xustiza culpou ao señor de Vilaguisada daquela morte e levouno preso.
Antes de ser xulgado, o señor pediu, e foille concedido, rezar na igrexa da Virxe dos Milagres, pero antes de chegar ao santuario, ao pasar por Fontetián, no lugar onde había unha fonte dedicada á Virxe dos Milagres pediu que lle deixasen beber. E alí, milagrosamente, as cadeas que o prendían caeron ao chan.
Os gardas volvéronllas a poñer e seguiron camiño da igrexa pero en chegando, ao comezar a rezar as primeiras oracións, as cadeas volvéronse a soltar.
Todos entenderon que aquel home era inocente e quedou libre. Uns anos máis adiante, cando morreu, foi enterrado ao lado esquerdo do altar do santuario. Seica viña un cordón de xente enormísimo tras do cadaleito.

O incendio da Casa do Pozo
Nunha casa próxima ao santuario, coñecida como Casa do Pozo, pegou lume na palleira. As lapas eran tan enormes que ameazan con volver cinsa todas as medas da casa. Un veciño, vendo que non había maneira de apagar o lume, dixo que fosen buscar a Virxe para que lles cambiase o aire.
Foron pola Virxe e, efectivamente, cando chegaron con ela á casa cambiou o aire de dirección; e o lume morreu.

___

EQUIPO CHAIRA: A maior parte das das informacións debémosllas a María Rábade Romeu e a Ánxel Ferreiro Carballido
.
____________________________
© Galicia Encantada
_____________________________

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: