Actualizado en data 20/01/2018

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

CATEGORÍAS RELACIONADAS

San Vitorio de Damil

A humilde capela do San Vitorio de Damil, está no concello de Begonte (Lugo). A romaxe celébrase na fin de semana máis próxima ao 14 de maio, que é cando acoden fregueses e devotos dunha ampla comarca dos arredores. Ao lado do santuario hai unha fonte con augas moi recomendadas para a curación da sarna.
Os favores de San Vitorio foron moi solicitados para (ademais de procurar remedios para a sarna e outras doenzas da pel, tanto de persoas como de animais), protexer aos mozos cando ían ao servizo militar.
Os rituais para curar doenzas consisten en, ademais dos rezos e pregos, ofrendas, exvotos, misas pagadas, candeas …, e de escoitar as misas preceptivas, en tocar a imaxe do santo con un pano e logo pasalo pola parte do corpo afectada pola enfermidade. Pero, sobre todo, en practicar na fonte o ritual que describimos máis adiante.

Carballa de San Vitorio
A caron da capela había dúas carballas (carballo moi vello, grande e groso); unha dun lado e outra doutro. Delas queda unha, coa carocha queimada. É tan grande que en tempos, cando non había tantas árbores polos arredores, víase desde o Alto de Garabolos, en Lugo. Chámanlle a Carballa de San Vitorio, e servía de guía para os que ían desde Lugo á romaxe deste santo.

Orixe lendaria do santuario
Dise que cando o San Vitorio chegou ao lugar, que o fixo nunha lancha polo río abaixo, estaba enfermo; tiña o corpo cheo de ampolas causadas polo come-come da sarna. Uns din que non tardou en morrer pero antes pediu que lle fixesen alí unha capela, e así foi; outros, en cambio, din que o río ía moi cheo e a auga chegaba ata a fonte, que se agarrou a un acivro que aínda hai alí e que lavando o corpo coa auga daquela fonte, curou.
Tamén se conta que o “San Vitorio pequeno” (entendemos referido á imaxe de pequenas dimensións), que era leñador (outros din que era guerrileiro), non podía medrar por mor da sarna. Mais desque se lavou na fonte recuperou a saúde e puido medrar ata chegar a ser como agora é (imaxe grande do santo). Claro que, se lle facemos caso á copla, non medrou tanto como se dá a enteneder pois:
É San Vitorio un santo máis,
pero un santo pequeniño,
acunado cada noite,
polas augas do río Miño.

Intento de mudar o santo de lugar
Seica houbo un párroco en Damil que quixo trasladar a imaxe do San Vitorio desde a capela para a igrexa parroquial. E fíxoo. Mesmo levou o santo nunha carroza con moito protocolo, mais ás seis da mañá do día seguinte xa estaba o santo posto de novo na súa capela.

Unha curación milagrosa
Un veciño de Damil foi traballar a Barcelona e empregouse nunha casa de xardiñeiro. Naquela casa había unha rapaza, a filla do dono, que estaba doente de sarna. O pai levouna a mil médicos, pero nada; nin salía da casa da vergoña que lle daba que a visen.
Entón, o de Damil díxolle que el sabía onde se podía curar, que se o pai facía o que el pedía, que sabía como curala.
Entón o pai preguntoulle ao rapaz que era o que pedía. E el dixo que se a rapaza curaba, que quería casar con ela. Entón, outra alternativa non había, tanto o pai como a moza aceptaron.
Viñero ao san Vitorio, rezáronlle, fixeron o ritual da fonte, e cando volveron para Barcelona, a moza comezou a mellorar. E, xa ora, o de Damil casou coa moza.
Seica desde entón veñen moitos de por aló buscar remedio ao San Vitorio, desque souberon o ben que lle fora a aquela rapaza de Barcelona.

O quinto que se ofreceu a San Vitorio
Antes, os quintos (os que ían ao servizo militar obrigatorio) ofrecíanse ao San Vitorio pedíndolle axuda para ter sorte por onde lles tocase andar. O ofrecemento soían facelo asistindo o día da romaxe á misa e levando o santo en procesión.
Marchou para aló. Seica era un rapaz alto, ben feito, e como tal destinárono á Escuadra de Gastadores, un grupo de soldados especialmente robustos, escollidos para abrir o camiño ao resto das tropas.
O mozo de Damil, tan contento estaba con que o escollesen a el para aquel cometido, que escribiu á casa unha carta na que lles dicía aos país:
Estou moi ben. San Vitorio deume tanta sorte que agora estou de gastador
E dixo o pai:
—Ai, ho; xa o era aquí!

Orixe lendaria da fonte
Unha lenda conta que hai moitos anos houbo ao cargo daquela capela un crego que vendeu as pólas duns carballos centenarios que había a carón. E por facer aquilo, morreu ao pouco tempo comido da sarna.
Outra variante, sen embargo, conta deste crego que lle deu tempo a arrepentirse do que fixera, e que ao pedir perdón apareceu a fonte que hai agora a carón da capela, e que curou da sarna.

Ritual da fonte dos panos de San Vitorio
Os romeiros que se achegan á fonte lavan a parte do corpo afectada con panos mollados na auga da fonte. A continuación penduran eses panos das pólas e ramas das árbores de arredor, pois cren que segundo os panos vaian “secando”, así van tamén “secando” as doenzas que os afectan.

___

EQUIPO CHAIRA: A maior parte das das informacións debémosllas a María Oliva Tenreiro Losada, Ramón López Vázquez e Manuel Barrio (encargado do santuario)
.
© Galicia Encantada
_____________________________

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: