Actualizado en data 20/01/2018

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A Virxe e o Monte de Chamorro

No Monte Chamorro (monte pelado, pedregoso e sen vexetación), no lugar chamado Pazo de Serantellos, parroquia de Serantes, concello de Ferrol (A Coruña) hai unha ermida, probablemente construída no ss. XVI-XVII e a uns 170 metros de altitude. Garda unha imaxe da Virxe moi venerada na comarca, polo menos desde 1628. Segundo a tradición, a devoción comezou cando a Virxe atemperou un fortísimo temporal.
Nesta mesma parroquia naceron os escritores Gonzalo Torrente Ballester, onde está enterrado, e Juan Farias.

Xa morro
No sempre fértil campo creativo da toponimia popular a voz “chamorro” derivaría de “xa morro”, queixa que un mariñeiro pronunciou estando en perigo no mar, o que lle valeu a salvación pos a Virxe de “Xa morro” intercedeu por el. O P. Sarmiento opinou que o topónimo podería derivar de “clamoris”, o que significaría: rogativa que se fai indo en procesión a algún santuario para pedir, por exemplo, chuvia.
Pon cimo ao Monte Chamorro un evocador topónimo: Pico do Ouro.

A romaxe e a aparición da imaxe
A romaxe celébrase o primeiro luns de Pascua. Os que alí acoden soben andando, e os máis devotos, os menos, fan o camiño de xeonllos, guiados polas estacións dun Vía Crucis. O edificio actual, de estilo gótico tardío, foi remodelado varias veces recentemente segundo algunhas inscricións existentes nos muros.
Segundo a lenda, a imaxe da Virxe, que algúns datan no s. XII, apareceu milagrosamente entre as rochas, nun burato acovado situado na base dunha Pena de Embade, abaladoira ou cabaleira, onde, ademais, quedaría gravado o seu rostro.
Non se debe descartar que esta pena sexa o mesmo dólmen que Leandro de Saralegui dixo había en Chamorro en 1867; conservaba dous chantos en pé, un de 2,90 e outro de 3,56 metros de alto.
Cando un par de rapaces pastores se van protexer da chuvia á coviña atopan a imaxe da Virxe; levan a imaxe para a súa casa de Serantes mais a imaxe regresaba soa polos seus medios ata o lugar onde se aparecera, indicando claramente que alí era onde desexaba que se lle edificaran a ermida.
No s. XVIII ampliouse a capela para acoller dentro do sagrado a cavidade onde aparecera a imaxe da Virxe. Ao lado da capela hai un cruceiro de cantería datado entre o s. XVII e XVIII.

Os petróglifos
A finais da década dos oitenta ou a principios dos noventa do s. XX deuse a coñecer que por debaixo da Pena de Embade onde supostamente aparecera a imaxe da Virxe atopáronse unhas gravuras ou petróglifos con debuxos de circos concéntricos e uns buratiños. Aínda que a erosión afecta gravemente á conservación do conxunto de gravuras, estas pegadas poñen en relación o santuario cristianizado con cultos moi anteriores vencellados ás pedras, ás augas e aos astros. Non é tampouco casual que as capacidades benfeitoras que se atribúen á Virxe estean ligadas perecisamente ao tempo, á saúde e ao amparo dos mariñeiros.

A Nosa Señora do Nordés
Ata o s.XIX e aínda agora a Virxe de Chamorro tamén é coñecida como a Nosa Señora do Nordés, pois de aí vén o vento que limpa de nubes a comarca e asegura unha melloría no tempo, o que favorece os traballos da pesca.
Ao lado da ermida existiu unha edificación onde pasaban a noite os romeiros que viñan de lonxe. Dentro da igrexa deixaban, e deixan, velas e exvotos de cera que representan aquelas partes do corpo danadas por algunha doenza

Avogosa contra a sequía
Mais tamén é avogosa contra a sequía. Cando a sequía é persistente na comarca de Ferrol organízanse procesións presididas pola imaxe da Virxe, á que acompañaban autoridades dos concellos de Ferrol e Serantes (cando existía), cregos, fieis e pendóns parroquiais que fan a ruta desde a ermida ata a concatedral de san Xiao, patrón de Ferrol. Soían engalanar o camiño con flores e os devotos axeonllábanse ao seu paso. Tamén hai referencias a que imaxe da Virxe podía ser substituida por un “inocente” ao que se lle lavaban os pés.

A Fonte
A uns 150 metros ao Noroeste da ermida hai unha fonte con sona de augas milagreiras (vexa o vídeo).


BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: