Actualizado en data 20/01/2018

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

CATEGORÍAS RELACIONADAS

As once mil virxes da lagoa de Caque

Cando José Villa-amil y Castro fala dos baluros en “Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia”, unha sorte de santeiros e esmoleiros, di que se dedicaban, entre outras ocupacións, a pedir para “as once mil virxes e once mil cantantes que con medio corpo na auga e medio fóra cantan noite e día na lagoa de Caque”. Engade que os baluros facían crer á xente que as ras da lagoa eran as virxes e cantantes para as que solicitaban a esmola.
A lagoa de Caque, ou de Bardancos, está na parroquia de Ribeiras de Lea, en Castro de Rei (Lugo), ocupa unhas 9 hectáreas e constitúe un dos grandes humedais supervivintes das campañas de desecación, hoxe espazo natural protexido da Terra Chá.

AS ONCE MIL VIRXES A orixe da lenda é moi antiga e débese probablemente a unha lectura errónea dunha inscrición do século IV-V existente no coro da igrexa de Santa Úrsula de Colonia: Dei et sanctas Mariae ac ipsarum XI m virginum. No canto de once leron once mil e dese erro naceu a lenda que conta que entre os séculos III e IV o fillo dun rei de Inglaterra pide en matrimonio a Úrsula, filla do rei cristián de Bretaña. Ela non quere perder a virxindade pero acepta a cambio dalgunhas condicións, entre elas unha prórroga de tres anos e que nese tempo o pretendente se convirta ao cristianismo. Mentres, ela e 10 mozas da nobleza, atendidas cada unha por mil doncelas, todas virxes, navegarán arredor da costa inglesa en once barcos. Mais cando remata o prazo, aínda que o pretendente cúmpre todos os requisitos esixidos, un refoleón de vento trasládaas a todas milagrosamente á cidade de Colonia. E logo de peregrinar a Roma en agradecemento, morren todas a mans dos hunos.

ORIXE GALEGA Aínda que as diferentes versións da lenda coinciden en que as once mil virxes son de orixe británica, o frade dominico galego Pedro de Santa María e Ulloa (1660), empeñado en acrecentar o censo de santas e santos indíxenas, propón unha orixe galega para as once mil virxes. Ao tempo recrea a lenda irlandesa medieval do príncipe e aventureiro grego Gatelo, suposto colonizador de Irlanda e Escocia, tamén suposto fundador da cidade de Brigancia e dunha dinastía de reis de Galicia.
© Antonio Reigosa


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: