Actualizado en data 20/01/2018

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Festas e mitoloxía relixiosa

Ritos curativos en San Matías do Veral

A catro quilómetros da cidade de Lugo, no lugar de San Matías, parroquia do Veral, hai un santuario no que se celebra unha romaxe cada 14 de maio. Acoden romeiros das parroquias e concellos veciños, pedindo para si ou para os achegados con doenzas na alma ou no corpo, e tamén para atender problemas de saúde dos animais. Ademais da misa, da procesión correspondente e do costume de poñer o santo, practícanse alí, ou practicábanse ata non hai moitos anos, outros dous ritos; un, para curar doenzas dos ollos ou da pel, e outro, para remediar os nenos que tardan en andar. San Matías foi o apóstolo elixido por sorteo trala morte de Xesús Cristo para substituír ao suicida e traidor Xudas Iscariote.

A Fonte do Santo Matías
Uns metros más abaixo do santuario, á esquerda da estrada, hai unha “pía” que en realidade é un sartego dobre, de pedra. Sempre ten auga, maiormente cando chove, aínda que hai quen asegura que nace un manancial no mesmo sartego. Alí acoden, ou acudían, persoas con enfermidades na vista ou na pel. Lavan as partes enfermas cun pano e logo déixano pendurado nos silvas ou na ramallada dos arredores coa esperanza de que, segundo vaian apodrecendo os panos, tamén vaian “morrendo” as enfermidades lavadas con eles.

Cortar a solta
O outro rito que se practicaba, ao parecer xa non se fai desde hai máis de trinta anos, consiste no seguinte. Cando un neno tardaba en andar, ou tiña as pernas tortas, levábano o día da festa á capela de San Matías cos pés atados cun fío de lá para que o crego llo cortase cun machado. J. Rodríguez López di que no século XIX (daquela o día da romaxe era o 24 de febreiro) quen cortaba o fío que ataba as pernas da criatura era un home e facíao cun coitelo de madeira ou de prata. Coas correspondentes esmolas e a asistencia aos oficios relixiosos, a curación semellaba máis doada.

Referencia
Ademais da información facilitada polo doutor Rodríguez López no seu coñecido libro “Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares” (1895), quen estudou a fondo os ritos comentados foi o profesor e etnógrafo J. M. Blanco Prado no seu traballo “O santuario de San Matías (O Veral-Lugo)”, publicado na Revista Lucensia, nº 1 (1990) e reproducido na nosa web: (+ info >>)


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: