Actualizado en data 23/11/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Medicina

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Receitas e remedios

©Antonio Reigosa

Todos coñecemos a alguén que algunha vez na vida pasou pola consulta dun curandeiro ou curandeira. É certo que as historias que se contan non sempre teñen final feliz pero, en xeral, pódese constatar que entre nós circula a crenza de que ás veces non queda outra que acudir a unha alternativa non oficial.

Cóntame unha amiga que ela está no mundo grazas á Bruxa de Chapela. A avoa, prima carnal do marido, non daba logrado fillos. Cinco abortos precederon á consulta coa curandeira, quen lle anunciou que había ter descendencia e que había ser nena. O que non lle prognosticou a sabia foi que esa nena (terá agora 55 anos) había ser a nai da miña amiga.

o sábado 12 de novembro falamos en Lugo de “Remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional”, dun saber herdado que nos escorre da memoria como auga fuxidía entre os dedos da man.

Nesta IX Xornada de Literatura de Tradición Oral, organizada pola AELG e a AS-PG, patrocinada pola área de Cultura da Deputación de Lugo, non pretendemos poñer en cuestión a medicina oficial nin os seus métodos, senón revisar o que de proveito puidemos deixar atrás da medicina tradicional. Procuramos unha posta en común, unha reflexión que nos axude a comprender o devir da nosa cultura popular nunha materia tan delicada como a de dar resposta aos problemas de saúde e supervivencia das criaturas.

Xa case ninguén coñece os usos culturais das plantas que nos rodean. Cangados de prexuízos, desprezamos o saber de sabios e sabias que sabían dun remedio inmediato para restituír a saúde. Non todo é bo, mais tampouco todos eses coñecementos, herdados desde a tradición e contrastados pola experiencia, poden ser malos per se pois foron o salvoconduto vital da raza humana por moitos séculos.

Para poñer luz sobre estes temas acompañárannos especialistas que investigan os distintos aspectos a tratar nesta xornada.

María Moure Oteyza é farmacéutica, investigadora do departamento de Farmacoloxía da Facultade de Farmacia da USC, experta no uso tradicional das plantas medicinais da Serra do Caurel. A xornalista Ana Lois falaranos desde a súa experiencia como documentalista da recollida da memoria oral como método de aprendizaxe; moi recomendable a visita ao seu recuncho en internet: palabrasecretas.com.

Pablo Vaamonde, que é médico de familia nun consultorio do Sergas e director da revista médica “Cadernos de Atención Primaria”, autor de libros sobre a saúde, desenvolverá o tema da medicina popular desde a óptica dun médico científico.

Ana Acuña é filóloga e profesora da Universidade de Vigo. É especialista en literatura popular de transmisión oral e tratará sobre a palabra que cura, entre a literatura e a medicina popular.

Remataremos con dúas mesas redondas nas que relatores e asistentes terán ocasión de contrastar pareceres e opinións sobre a vixencia da medicina popular e sobre a conveniencia, ou non, de aplicar métodos ou procedementos dos actos médicos tradicionais na praxe da medicina oficial actual. E para poñer o ramo atenderemos as explicacións de Carmiña Prado Penas, unha muller que mira ao seu arredor e identifica e aplica remedios con herbas, un saber herdado que, entendemos nós, non deberamos permitirnos o luxo de esquecer.

Artigo publicado en "El progreso" o 11 de novembro de 2016.

info sobre a IX XORNADA DE LITERATURA ORAL

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: