Actualizado en data 23/11/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

O señor Antón de Ulloa (Remedios diversos e lendas)

Neste relato imos facer mención a un home que tivo contactos cos estudosos do Seminario de Estudios Galegos, cando elaboraron o Terra de Melide publicado no ano 1933. No capítulo titulado “Folklore de Melide” da autoría de don Vicente Risco e don Amador Rodríguez Martínez cítano con moita frecuencia cando poñen en boca do señor Antón de Ulloa relatos que teñen por tema a fin do mundo, o trasno, esconxuro dos tronos e tamén de alacráns, sobre as bruxas máis afamadas de Melide e tamén de animais ós que se lles atribuían propiedades sobrenaturais (o lobo, o morcego e mesmo serpes voadoras).

Este home era descendente da casa do Casal de Campos (no concello de Melide), da familia dos Ulloa. Foi un dos mais célebres curandeiros ou menciñeiros da comarca, quen elaboraba remedios para curar a persoas e animais, empregando herbas e materias naturais, seguindo fórmulas dun receitario ou manual médico que aínda conservan os seus descendentes, e que aparece mencionado no Terra de Melide.

Neste relato queremos destacar a figura do señor Antón, desde as dúas principais facetas resaltadas por Vicente Risco e Amador Rodríguez, tanto a de menciñeiro-curandeiro como a de contador de vellas historias e lendas de Melide. Polo tanto incorporamos todas aquelas reseñas que no Terra de Melide lle atribúen.

A continuación reproducimos literalmente, nun galego sen normativa, pero ó mesmo tempo erudito, para non desvirtuar a narración orixinal do ano 1933, as referencias sobre o señor Antón de Ulloa.

Primeiramente tratamos a vertente de curandeiro e menciñeiro, que aparece a continuación:

"Dos curandeiros, o de máis sona é o señor Antón de Ulloa, á que xa nos temos referido. O Ulloa ten un libro que diz aprobado por cincuenta e seis maestros e escrito pol-o médeco do Padre Santo. Tivemos iste libro nas maus, e trátase d´un coñecido manual médeco, do que damos a nota que é a seguinte:

 Libro/ de Medicina/ intitulado/ Thesoro de pobres/ en que se hallarán remedios/ muy aprobados para la sanidad de/ diversas enfermedades/ Con un regimiento de sanidad/ Compuesto por el Maestro Julian que lo recopiló de diversos autores/ Aora nuevamente corregido/ y enmendado por Arnaldo de Villanueva/ Espurgado por el Santo Tribunal/ Con licencia en Madrid/ En la Oficina de Domingo Fernández de Arrojo... Carmen Año de 1762, y a expensas de Don... Joseph alonso y Padilla, Librero de Cámara del Rey, donde se hallará.

D´iste libro deben proceder as seguintes receitas que o señor Ulloa nos recitou:

"para el catarro, coge cebollas blancas y cuertalas y lávalas en agua fría y cuécelas en vinagre y échalas azúcar o miel y por encima el vino que quieras tomar échale azúcar o miel y caliéntalo a la lumbre y te limpiará los caños del pulmón".

"Si te pica un animal dañino, aunque sea una víbora o un bacalao , embriágate y no le hagas más caso".

 

REMEDIOS DIVERSOS

Pomos eiquí indifrentemente ós que se refiren ás bestas e as persoas.

TORZÓN DOS CABALOS: 1. Tocándolle c´unha vara d´acivo, ponse á mexar aixiña. 2. S´hai unha muller que arranque tres pelos d´acolá e llos mete na natura á besta mexa de contado. regra indubidable de simpatía e contaxio.

CAÍDA DO CABELO: Facer un caldo con "cagallas" de pomba e darllo á cabeza.

DOOR DE MOAS: 1. A oración de Santa Polonia. 2. Cocer exente (asente) e lavar a boca coa auga, 3. Se se sabe cal é a moa, tocarlle cunha poliña d´exente, e para de doer. 4. Emprégase o allo coma revulsivo.

LAMPARÓN DOS CABALOS: Lavalos con auga onde se lavou un matrimonio recén casado.

VEXIGAS DOS PORCOS: Darlles barro virxen.

CATARRO 1. Pódese coller comendo castañas. -2. Cúrase comendo unha cebola asada con zuche. - 3. tomando viño cocido con unto e mel.

TOS FERINA: 1. Tomar caldo de moucho. -2. Tomar caldo de rato.

MOQUILLO DOS CÁS: Porlles un rosario de carolos de millo ó pescozo.

LIXO DOS PORCOS: 1.Darlles á comer certas cebolas que chaman do lixo. -2. Moruxa fritida, posta ó porco na barriga, e o porco bota o lixo no escremento.

CÁMARAS DOS PORCOS: Córtanselle dándolles á comer mazás.

LOMBRIGAS DOS NENOS: 1. Pónselle ó pescozo unha pedra d´alcanfor.- 2. Tamén unha bolsilla cos evanxelios.

MORDEDELA DA COBRA: Abrir un pito vivo e apricalo á ferida e atado c´un pano

TERIS (ICTERICIA): Un veciño da freguesía de  Santa María de Vimianzo, concello de Santiso, atopándose un día traballando no monte, tendo sede, bebeu na fonte de máis preto sen se decatar qu´estaba posto o arco da vello; a mañá seguinte aparceu co-a pel de cor marelo. Foi ó médeco de Melide, Don Xoquín, e doulle meiciñas que mercou na botica de Don Xesús. Tomounas, e nada lle fixeron. Nove días arreo metéu os pés e as mans na fonte do Castro, mentras un compadre rezaba oracións ó xeito; co esto tampouco se puxo ben. Máis véndoo tan mal un fillo do rancheiro da Ponte Campaña, doulle un remédeo pra sanar d´esa doenza: que comese nove piollos. Pero o bó do enfermo era moi escrupuloso e tiña noxo de levar tal cousa á boca. Así foi andando certo tempo, mais coñecendo as mulleres da  casa qu´enfociñaba, obrigárono á tomar os nove piollos, coma n-efeuto fixo, meténdoos drento d´un ovo frito. Dend´estonces, pouco e pouco mellorou ata poñerse ben.

 

Unha vez concluída a faceta “médica”, e do singular vademecum que ofrece uns remedios de curación ancestral para diversas patoloxías, tanto humanas como de animais, queremos incorporar a segunda faceta, xa que o señor Antón de Ulloa era tamén un bo contador de contos e sabedor de crenzas e de lendas, como se ve nas constantes citas que del se fan no Terra de Melide e que os autores presentan do seguinte xeito:

 

A FIN DO MUNDO:

N-outro orde d´asuntos, son curiosas as ideias d´un dos nosos principás informantes, o señor Antón de Ulloa en col da fin do mundo. Home de prodixiosa memoria, o Ulloa recorda moitos sermóns e ditos de cregos; tamén ten leituras especiás. O Ulloa non é precisamente un milenarista, com´algús que temos atopado; mais cre firmemente na proisimidade da fin do mundo, e demóstrao con argumentos ben enfiados: Di que todal-as profecías están cumpridas, e os sinás estanse cumprindo. A terra toda está cruzada de camiños, e ata camiña a xente pol o ar; a relixión cristiá foi xa pradicada á todol-os pobos do mundo... A fin pol-o tanto non pode tardar. Ademais, está determiñado o tempo en que ha ser, pois a duranza do mundo non pode pasar mais alá do ano 2000.

Efeitivamente, o Ulloa asegura que San Xan perguntoulle ó Noso Señor Xesucristo cando iba a ser a fin do mundo, ou canto había durar iste, e Xesucristo respondeulle:

-Llegará a mil y no a miles.

É dicir, pasará de mil anos, mais non chegará ós dous mil despois de Cristo.

Insistindo San Xan - sen dúbida, anque o Ulloa nono diz, refírese ás visións de San Xan en Patmos - en saber a data do día do Xuízo, díxolle Xesucristo:

-Cuando se junte tu fiesta con la mía, tendrás noticias de ello.

Ou sexa, cando o Corpus caia no día de San Xan, o qual, asegún o Ulloa, aconteceu un d´ises anos atrás.

En fin, todol-os sinás están cumpridos. O Ulloa asegura qu´o Antecristo xa naceu, é fillo d´un frade e d´unha monxa, ten sete raias de dentes, e está agora estudando-preparándose se cadra pr´a súa minsión futura. Engade que sete anos antes, non ha parir muller.

 

O TRASNO:

N-outro tempo, cand´a sogra do señor Antón de Ulloa, á quen nos temos referido, foi vivir soila, e tiña o millo no meio do cuarto, víñalle o trasno á casa remexer no millo, facendo restronido, e o fillo qu´estaba na cama, erguíalle a roupa e deixáballa cair, e isto durou ata que lle puñeron unha taza d´auga.

Outro sucedido, foi no referido pol-o señor Antón de Ulloa de forma seguinte: Un rapaz qu´iba das mozas d´Albite, unha noite escura, non se vía, e ouservou un fachuco aceso no campo da Veiga. Entón foi il pedir outro e viu moitos, que todo estaba cheo de fachucos ardendo, e non vía xente. Chegou a un regatiño, e viu unha muller lavando, vestida de branco e non lle falou. Despois viu un gato negro, e dixo:

-Ehi vai o demo!

Chegou a casa e ó ir cerca, viu todol-os palleiros ardendo, e cando chegou os palleiros apagados. Entrou na casa, e na lareira, deitado, había unha criaturiña en coiro. Dispois il, abriulle o borrallo e foillo chegando a carón, e entón o neno pegou un estalo e desapareceu.

Esta insistenza do trasno en se presentar en figura de criaturiña inocente, non pode ser menos de lembrar as lendas enriba referidas.

 

OS TRONOS:

... Antón de Ulloa, na sua cencia moi superior á dos outros, esprícanos que os que fan os tronos son esprítos qu´andan antre o aire e a terra.

 

ESCONXURO DOS ALACRÁNS:

... Outro crego desconxurou unha vez os alacrás, e o Antón de Ulloa viunos marchar todos xuntos en ringleira, moitismos, cara ó monte.

 

AS BRUXAS:

... A máis dina de nota é a vella Cenza, que hai tempo que morreu, mais a quen coñeceron os vellos. Debía ter, antr´as bruxas d´esta terra unha categoría superior, algo coma raiña ou maiestra.

A vella Cenza era a que “repartía as bruxas pra Sevilla”, e o día de San Xan era ela a encarregada do reparto das moscas.

O seu poder era grandismo. O Antón de Ulloa refire qu´indo unha vez c´unha vaca, e estando a vella Cenza n-un eido, a bruxa tornou a vaca, e fíxolle dar unha volta redonda.

Cando morreu a vella Cenza, no meio do Rosario, no velatorio, un rapaz d´os qu´alí estaba, pegou un berro tan forte e de tal xeito, qu´alí non quedou nadia . Todos fuxiron... “sería - di o noso informante- cando saleu o meigallo do corpo da morta”. As bruxas levan pol-o tanto co-elas namentres viven, o meigallo qu´as fai meigas, unha xente estrano, máxico, ó que deben seu poder...

 

O LOBO:

A creenza mais importante referente ó lobo, é a virtude que ten de tirar a fala ós homes qu´atopa en despoboado. O Antón de Ulloa refire o seguinte.

“De noite, de neno, viña á escola; tiña doce anos, xoves iba á unha estivadiña e a irmán foille levar a merenda. As vacas estaban sobre un valo, na zarra. Ó chegar ó portelo, chamaron as vacas, e viráronse pra trás, agardando, e o pasal-a esquina, as vacas desbócanse e ó pasar iles, o lobo berrou, e veu un cheirume que por pouco o deixa tonto. E chegou a casa sen fala”.

 

O MORCEGO:

En Melide din, por refrenza ó Antón de Ulloa, que atando un morcego á man dereita d´un home, iste home non dorme n-unha noite, e qu´o que bebe o sangue do morcego, non dorme máis.

Non sabemos s´isto ven d´unha tradizón local, ou porvén dos libros médecos e máxicos que manexa o Ulloa.

 

SERPES QUE VOAN:

É corrente a creenza na eisistenza de serpes que teñen áas e voan pol-o ar. Hai persoas qu´e aseguran telas visto.

O Antón de Ulloa, viunas. Unha vez viu unha morta “con aliñas”. As áas eran “de cadros verdes e marelos, de coiro, tan ben feitos, que ningún escultor os fai millor”. Outra, matouna un criado  c´un anciño, sendo o Ulloa rapaz.

Outra vez, o Ulloa viu outra voando. Pirmeiro pensou qu´era unha ave, pois iba voando pol-o ar, ata que lle viu a “cola” colgando.

Hai un ano, viron unha en Abeancos, na Pena da Vela.

[Texto e fotografía remitidos por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Abril de 2015]

 

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: